Tras a caída do Muro de Berlín en novembro de 1989 abriuse unha nova etapa para Alemaña e para todo o mundo: desaparecía un límite físico entre dúas visións económicas, políticas e sociais antagónicas, e deixábanse atrás décadas de separación forzosa. Nesa data tamén deixaron de ter sentido os 1393 quilómetros do Innerdeutsche Grenze, isto é, a ben defendida fronteira entre as repúblicas Federal e Democrática alemás, establecida en 1945 e que sete anos despois xa contiña elementos como terras minadas, varias liñas de arame de espiño, trincheira lonxitudinal e unha banda duns dez metros coñecida como Todesstreifen onde os gardas tiñan orde de disparar a calquera intruso. O control era intensivo nunha faixa de 50 a 200 metros a ambos lados da fronteira, que era clarexada de árbores e arbustos para unha mellor visión dos gardas. Pero, ademais, nunha faixa de ata cinco quilómetros a cada lado do límite das dúas Alemañas había un estrito control de actividades por parte de gardas. Apenas había campos de sega e gando extensivo dalgúns paisanos; non se empregaban pesticidas nin se cazaba nesta controladísima fronteira. Porén, era un auténtico santuario para a fauna e a flora de zonas abertas, con 100 hábitats distintos que acollen centos de especies de plantas e animais, moitos deles ameazados, como se demostrou nun estudo xa a finais dos anos 70 feito pola Naturschutz bávara. Máis aínda, tras a caída do muro de Berlín, esta faixa "de ninguén" permaneceu sen apenas actividade durante varios anos máis, coincidindo co desmantelamento de infraestruturas e retirada de minas. Nese momento varios colectivos conservacionistas xa traballaban no exhaustivo inventariado da enorme riqueza que alí había, suxerindo a creación da Grünes Band Deutschland, unha reserva natural no antigo Interdeutsche Grenze. Esta área funcionaría como un gran corredor verde desde o mar Báltico ata a fronteira coa antiga Checoslovaquia, aproveitando o propio trazado da fronteira e a existencia, xa desde comezos dos 90, de zonas protexidas adxacentes. A día de hoxe, a Grünes Band Deutschland é unha realidade para o goce dos alemáns e a conservación da natureza, que valoriza ademais antigas torres de vixilancia como observatorios de fauna e vellos cráteres da explosión de minas coma charcas para anfibios e aves acuáticas.

Na Coruña, salvando as distancias, temos algo parecido a unha faixa vedada de 1964, se ben de proporcións máis modestas e cunha finalidade distinta: sete millóns de toneladas de cru anuais circulan entre San Diego e a refinería de Repsol baixo os barrios de San Diego, Eirís, As Flores, San Cristovo e o polígono de Agrela a través dun poliduto con 14 tuberías e 6,4 quilómetros de lonxitude. Por seguridade, non se pode edificar enriba dunha faixa de ata 25 metros de largura no trazado do poliduto, nin tampouco plantar árbores e arbustos. O manexo da vexetación é constante para evitar o crecemento de grandes plantas con raíces susceptibles de danar a infraestrutura, pero adoitan deixarse herbas anuais que, na época de floración, sarapintan de lila, amarelo e branco o percorrido desta infraestrutura. Grazas á iniciativa do Concello de non empregar herbicidas tóxicos como norma xeral para o municipio, a día de hoxe nesta extensa faixa aliméntanse aves como pardais, verderolos, xílgaros, rulas turcas e pombos, así como estorniños negros, lavandeiras brancas e rabirrubios. Os insectos cóntanse por ducias, sendo as bolboretas, as abellas, as moscas das flores, as típulas e varias especies de escarabellos os elementos máis característicos desta Streifen coruñesa, un dos poucos elementos naturais en zonas tan urbanizadas como Agrela ou San Cristovo.

A intención de diminuír ata o 40% o fluxo de cru por este poliduto unha vez se poña en marcha a nova condución entre a refinería e o porto exterior suporá un gran cambio. E, quizais, sexa o primeiro paso do desmantelamento futuro das instalación de Repsol en San Diego. Isto abriría un panorama certamente interesante en termos ambientais e de seguridade cidadá: a eliminación completa do poliduto entre San Diego e a refinería garantiría a tranquilidade dos veciños, e podería converterse nunha modesta pero ilusionante Grünes Band coruñesa, con zonas para o paseo a pé ou en bicicleta entre árbores, arbustos e pradeiras seminaturais, ricas en fauna e flora.

Como colofón, a eliminación física das tubaxes podería deixar un espazo máis que suficiente para a recuperación de treitos de cursos fluviais agora entubados, como o rego da Pastoriza no tramo entre O Bosque e San Cristovo, ou incluso un pedazo do río de Monelos na zona de Ponte da Pedra.

Se os alemáns lograron facer un espazo verde con 1.393 quilómetros de vella fronteira, por que non poderiamos facelo os coruñeses con 6,4 quilómetros dun antigo poliduto?