O grupo Olladas, xurdido do taller literario que coordina o escritor Lino Braxe, presentou esta semana no salón social da delegación da ONCE o libro Abrindo os ollos/Abriendo los ojos. A obra foi concebida pola decena de participantes do taller que, na súa maioría, teñen discapacidade visual. Este caderno é unha pequena mostra do traballo que levou a cabo o grupo ao longo de máis de nove meses, e que fala da "experiencia de cada un dos autores, da súa forma de ver a vida e dos seus máis íntimos pensamentos", segundo explicou Laxe.

O colectivo recibe o nome de Olladas como homenaxe ás persoas que conforman o grupo, xa que "resume claramente quen son e que representan", según Braxe. O grupo xurdiu das reunións que fan os seus membros cada martes nas instalacións da ONCE, nas que escriben e comparten experiencias, gustos e a gran paixón que os une: a escritura.

A publicación é unha miscelánea variopinta e diversa, que conta con epigramas, pequenos relatos, aforismos, haikus, epigramas e pezas curtas de teatro, entre outras e no seu título, Abrindo os ollos/Abriendo los ojos, agocha un significado moito máis profundo do que, aparentemente, pode parecer, xa que "abre os ollos á literatura, á nova vida e ao tempo, pois as letras invaden a vida de quen as emprega", declarou Braxe.

A entrega énchese de traballos colectivos, que, como explica o responsable do taller, "nacen das experiencias de todos e todas", tratando temas coma a música, a soidade e o amor, entre outros. A escritura serve "para ordenar mundos imaxinarios e crea unha ilusión que está moi presente no colectivo Olladas", explicou Lino Braxe.

A obra contén escritos en galego e outros en castelán, respectando o idioma que cada escritor queira empregar. Tamén contén debuxos e unha fotografía, feitos polos propios autores e por Lino Braxe, que debuxou a portada e a contraportada. Ademais, Olladas pensa seguir creando, primeiramente un futuro libro de relatos e, deseguido, un posible CD cas voces dos autores. Esto supón que este primeiro libro, Abrindo os ollos/Abriendo los ojos, sexa só o punto de inicio.