O inspector principal da Policía Local e xefe da unidade de Tráfico, José Manuel Rico, analiza a Memoria de xestión do 092 e pon como obxectivo reducir o número de atropelos e o de vehículos fugados en accidente.

- O número de vítimas e de accidentes mantívose en 2016 con respecto a 2015.

-Estamos en cifras estables. No ano 2014 modificouse a orde estatística que regula as vítimas por accidentes de tráfico, antes falabamos de feridos leves, graves, moi graves... Agora falamos de accidentes sen vítimas ou con vítimas cunha hospitalización inferior ou superior ás 24 horas e de falecidos a 24 horas. Se hai un falecido pero a trinta días xa non entra na nosa estatística. Nestes 378 accidentes con vítimas de 2016 van desde os que tiveron o típico latigazo cervical até as dúas persoas falecidas.

- Dous falecidos hai tamén rexistrados no que vai de ano, os dous peóns e os dous atropelados, por que se dan eses casos? Pódese facer algo máis para evitar os atropelos na cidade?

-A nivel de prevención estamos a facer controis de velocidade, de condutores, fixemos unha campaña específica para controlar o cruce indebido de peóns, porque, no ámbito urbano, é o que provoca as vítimas máis graves. Se collemos as idades dos atropelados vemos que cambiou o rango de idade, pasamos de que no 2015 o grupo máis numeroso era o de idade avanzada, de 75 a 84 anos (24 atropelos), mentres que o máis relevante no 2016 é o de 45-54 anos (24). Levamos uns anos cun número de atropelos estable (119 en 2013; 169 en 2014; 145 en 2015 e 148 en 2016). Temos que seguir traballando, pero xa se fixeron algunhas actuacións específicas, como cambiar os sinais, poñer Led para iluminar os pasos de peóns, eliminar aparcamentos para aumentar a visibilidade...

- Danse por despistes dos peóns ou dos condutores ou por outras razóns?

-Hai veces que son culpa do condutor e outras do peón, por distracións, polo uso do teléfono móbil... Hai moita xente que cruza mirando para os pés e xa hai cidades nas que se puxeron sinais no chan.

- Así como se multa aos condutores por se despistaren ao volante, faise o mesmo cos peóns?

-Si, sobre todo nos pasos regulados por semáforo, para que a xente cruce cando ten que facelo. Non é dos controis máis incisivos, pero si que se fan. Lamentablemente, na Coruña cruzamos indebidamente e, moitas veces, tamén por sitios polos que non debemos facelo.

- A ronda de Outeiro é a vía que máis accidentes rexistrou no ano pasado.

-É lóxico pola súa dimensión, son máis de 4,5 quilómetros, pero tamén pola intensidade de circulación. O tramo que máis concentración de accidentes ten na ronda de Outeiro é o que está entre Pérez Ardá e a avenida de Arteixo. No ano 2016 toda a vía tivo 75 accidentes e nese tramo concentráronse 24. Nos últimos anos son ronda de Outeiro, Alfonso Molina e Juan Flórez, ronda de Nelle e a avenida de Finisterre as que máis accidentes concentran, pero tamén as que máis tráfico soportan.

- Cambiou a estatística dos accidentes desde que entraron en funcionamento novas vías como a terceira rolda ou os túneles do Parrote e a Mariña?

-A zona da ronda do Deportivo o que significou foi un descenso do tráfico en Alfonso Molina, non temos un aumento significativo de sinistralidade. Os túneles o único que provocaron foi un desprazamento da circulación, pero este non era un punto significativo de accidentes.

- Que máis puntos negros hai na cidade?

-Se imos ao tramo seguinte, que é o que vai desde a avenida de Arteixo á de Finisterre, houbo 17, no seguinte, que vai até Manuel Murguía, tamén 17. Son máis ou menos cifras similares aos doutras vías. O tramo da avenida Finisterre que concentra máis accidentes é o que está comprendido entre a rúa Palomar e a ronda de Outeiro. O que si nos chamou a atención é o número de denuncias por vehículos fugados.

- Cantas foron?

-Un 32% dos accidentes con danos que hai na cidade.

- A que se debe esta cifra?

-En época de crise, tramitamos moitas denuncias por vehículos que carecen de seguro. Hai outras causas, como non ter o carné vixente e, especialmente nas fins de semana, por ir baixo a influencia de bebidas alcólicas ou drogas. Saben que, se teñen un accidente e imos nós, ímoslles facer a proba e van ter consecuencias.

- Se se fugan e os atopan, as consecuencias son peores, non?

-Temos unha porcentaxe de resolución de accidentes con fuga superior ao 90%, non podemos dicir que atopamos a todos, pero si a moitos. A partir de aí, dependendo das circunstancias e do momento, procedería unha denuncia administrativa por non ter comunicado os datos no accidente e, se o localizamos en tempo e forma, facémoslle as probas e se está conducindo tamén imos comprobar os requisitos administrativos, polo que esa localización leva aparellada unhas dilixencias no xulgado. Unha denuncia por seguro pode chegar aos 1.500 euros. Ese tipo de condutas teñen que ter unha penalización importante.

- Mellor non escapar, non?

-Nós recomendamos que non. Hai máis móbiles que persoas, así que, en caso de accidente, hai que baixar e facer unha foto.

- Chaman a atención tamén o número de alcolemias en caso de accidente (141) e tamén os positivos en drogas (2).

-En 2016 tivemos un total de 640 alcolemias positivas e 69 de drogas. É unha porcentaxe relevante, por iso cada vez se fan máis controis, sobre todo de drogas. As causas son variadas, detectamos que hai menos positivos en alcol pero máis en droga.

- Que perfil de condutor é o que dá positivo?

-O perfil que dá positivo en alcolemia non é o dos máis novos (de 18 a 25 anos) senón o seguinte, o de 25 a 34. Cómpre distinguir os consumidores, os de cannabis adoitan ser máis novos, os que consumen cocaína e similares son xente cun nivel adquisitivo superior. O consumo de anfetaminas dase máis en xente nova, pero que non conduce, así que non o podemos sancionar, agás que consuman na vía pública. Da memoria sacamos a conclusión de que temos dúas frontes abertas: os atropelos e os vehículos fugados.