O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, conta con comezar este ano a aplicar medidas recollidas no Plan Estratéxico de Turismo e con que, o vindeiro ano, haxa un bus turístico e un observatorio que analice o impacto económico dos investimentos feitos na promoción da cidade.

- Que implicacións terá esa idea de que o turismo é algo máis que Alvedro, que vén recollida no plan estratéxico?

-A accesibilidade é un factor máis na cadea de valor do turismo. É importante estar ben comunicado, pero non é decisivo. O sector turístico é máis complicado ca iso. O que pasou na Coruña foi que o Consorcio se convertiu nunha maneira de atraer aeroliñas e esa non debera ser a súa política. Iso deu en que o investimento en turismo fose ficticio, porque o 90% se destinaba a aeroliñas. Se un analiza o investido en turismo na Coruña nos últimos vinte anos e o seu resultado, ve que se ese diñeiro se destinase a articular o sector turístico en ter un consorcio potente, dotado de persoal e de recursos, teriamos outra cidade. En Alvedro, máis que ter moitas rutas con baixa conectividade buscamos un mapa máis reducido con moita conectividade.

- Iso significa que se van reducir os convenios coas aeroliñas?

-Non podemos cambiar completamente o modelo. Cómpre traballar para consolidar as liñas que temos, boa parte delas non están dando todo o potencial que deberan e hai que explorar novas rutas, non só polo perfil turístico senón para que se instalen empresas na cidade.

- Que cambios propón para que esas rutas funcionen mellor?

-Sevilla creo que aínda pode soportar máis voos e Valencia está moi mal situada na grella, martes e sábados, e aínda así está funcionando. Creo que precisamos outra conexión con outro hub internacional.

- Houbo algún avance con Turkish Airlines?

-A empresa incluíu A Coruña no seu plan de expansión, nós pensamos que somos un perfil de cidade coherente para eles. Pareceranos unha excelente noticia cando empecen, se é que empezan, a operar, pero non temos confirmación.

- Haberá novidades en Alvedro de cara a 2018?

-Imos facer o balance logo do verán, iso non quita para que agora esteamos falando xa, pero a todas as partes nos convén agardar. Logo do verán será o momento de ver o que queremos e por canto.

- O plan estratéxico está dirixido a buscar un turismo cool, como chegan á conclusión de que ese é o público que lle interesa captar e como tentarán atraelo?

-Pártese da base do actual visitante da Coruña e selecciónase unha franxa que interesa potenciar. Pola súa oferta cultural e gastronómica, polo que a cidade é xa para si mesma e non para o visitante, interésanos ese perfil de parellas e familias máis ben mozas. Co turismo sucede que hai modelos moi invasivos, como os do Mediterráneo, onde se chegou a case unha incompatibilidade entre o negocio turístico e os veciños. Tendo no horizonte eses modelos, imos buscar un turismo de calidade. Estamos lonxe de sermos unha cidade turistificada, pero se nós queremos ter un sector turístico potente, que xenere emprego e riqueza para a cidade, temos que seleccionar ben o tiro. Non imos apostar polo masivo como Magaluf ou Salou, imos intentar xogar noutra liga. Nós queremos facer compatibles os usos vivenciais, normais dos habitantes da Coruña, coa chegada de visitantes, medrar como o fixo Bilbao.

- Cando se empezará a notar que cambiou a estratexia?

-Hai medidas que xa empezamos a implementar mesmo antes de que chegasen as conclusións do plan, porque é un documento moi de sector. Xa lanzamos o Camiño Inglés, aínda que queda moito por desenvolver. Completamos as guías, temos unha LGTB e presentaremos a literaria e a de accesibilidade en breve. Estamos a facer misións comerciais tanto por España como por Europa, e na DUSI hai unha importante carga orzamentaria para o cambio na sinalización. Hai tamén pendente para este ano a renovación da web e a do branding, a nosa imaxe corporativa. Tamén está pendente e é bastante complexa, a potenciación do Consorcio como ferramenta de xestión. Falamos da creación dun Convention Bureau, para atraer turismo de congresos, outro para a articulación da oferta cultural e musical. Temos un equipo moi reducido e sobrecargado de traballo e cómpre dotalo de recursos humanos.

- Por que o turismo de congresos é obxectivo para a cidade?

-A cidade está moi ben a nivel de recursos, os espazos están situados de maneira moi cómoda. Somos moi competitivos na nosa escala. Non podemos ter un congreso de 6.000 persoas pero si un de 4.000, que non está nada mal. Son cousas que a nós como cidade nos supoñen un custo pequeno pero que, polo público que atraen, deixan moito retorno económico.

- Falaban na presentación de que o turismo non estivera na axenda dos anteriores gobernos locais, perdéronse moitas oportunadades por esta circunstancia?

-Moitísimas. Eu diría que o turismo se baseou en dúas cuestións: as aeroliñas e a atracción de grandes eventos. Falta todo. Estamos moi atrás con respecto aos nosos competidores, hai cidades que con menos recursos conseguiron visibilizarse mellor como destino. As promocións, se se fan ben, non son visibles na cidade inmediatamente e, inevitablemente, o turismo ten que facer políticas a longo e medio prazo. Non é rendible a curto prazo pero é responsable. No Consorcio non se establecían partidas determinadas para accións determinadas, co cal é moi complicado saber canto se investía porque non había unha racionalización dos recursos.

- Fala dos grandes eventos, mais na presentación do plan garantían a continuidade de citas como a Copa do Rei de Baloncesto ou da Tall Ships Races.

-Unha das cuestións que está contemplada e que pensamos desenvolver este ano é un Observatorio Turístico na cidade, entre as súas finalidades estará analizar o retorno, porque todos os investimentos son bos se dan o resultado que se espera. A parte de medición antes evitábase, na anterior edición da Tall Ships Races, o PP dixera que viñeran un millón de visitantes. Podes dicir iso e quedar tan tranquilo ou ter indicadores reais que conten as persoas que pasan e dicir que chegaron 300.000. Interésanos traer eventos, do tipo que sexa, pero cun estudo previo e outro posterior, para avaliar se son ou non rendibles.

- No plan propoñen, entre outros, tres plans de dinamización, na Cidade Vella, na Torre de Hércules e no mercado de San Agustín, eses proxectos están no curto, no medio ou no longo prazo?

-Por complexidade, situaría o da Torre de Hércules no inmediato, creo que é evidente que precisa un centro de interpretación e o cárcere está no lugar perfecto para albergalo. San Agustín é un dos mercados, xunto coa praza de Lugo, que ten un maior número de visitantes e todo o que se fai alí funciona moi ben, eu penso que ten que seguir sendo un mercado e hai que introducir outros usos, como os hosteleiros.

-E a Cidade Vella?

-É máis complexa, é o gran recurso patrimonial da cidade xunto coa Torre. Está bastante ben conservada a pesar de todo. Ten que pasar por un proceso de cambio, de ordenación da mobilidade, de produtividade comercial, de posta en uso de edificios abandonados... Iso require un pacto importante a nivel de cidade con veciños e comerciantes. En Vigo esa situación resolveuse cun consorcio. Non será nin a curto nin a medio prazo pero hai que iniciar o proceso.

- Na presentación do plan non se falou moito dos cruceiristas, é un turismo que xa non interesa, visto que moitos pasaxeiros marchan a Compostela?

-Como mercado é complexo porque as operadoras venden os produtos dentro do barco. O cruceirismo é colocado dentro do mapa de prioridades e preferencias no medio, non é o que ten máis atractivo, mais ten o potencial de que os excursionistas poden voltar por outros medios. É un activo que está aí e pode ser explotado.

- Unha das reclamacións históricas dos comerciantes é que haxa un bus turístico, está nos plans poñelo en marcha?

-É unha prioridade, intentaremos este ano planificalo e estudar o percorrido, as paradas e a fórmula de xestión. Deberiamos telo en 2018, porque é unha carencia.

- Para desenvolver o plan estratéxico, que orzamento hai?

-Tres millóns a catro anos.

- O final do plan non coincide coa fin do mandato, excédeo nun ano, se hai cambio de goberno cre que se estancará a aplicación?

-Eu non estou de acordo ao 100% co plan, podo estalo nun 85 ou nun 90% e creo que é importante que este grao de compromiso o teñamos todas as partes. Non é un plan da Marea, é de todos, contou cunha gran participación do sector, e quen queira agora cambiar a estratexia vai ter que xustificalo. Historicamente, na Coruña a estratexia modificábase sen plan. Chegaba o político de turno e intentaba colocar a súa idea e o resultado está aí. Se cambia o goberno sería lamentable que se paralizase pero non me sorprendería.