Os anos de estudante, un traballo nunha empresa de informática e unha curta etapa no centro de educación especial Santiago Apóstol por unha banda, e a xestión do seu negocio editorial, Livreria Suévia, por outra, son o antes e o despois da longa traxectoria de Ermitas Valencia como concelleira da Corporación municipal polo BNG. Foron doce anos e tres mandatos, un na oposición ao Executivo de Francisco Vázquez, outro no Goberno en coalición de Javier Losada e o último de novo na oposición ao equipo do popular Carlos Negreira.

"Ser concelleira foi un traballo de tempo completo. No BNG estabamos a traballar sen desconexión, non tiñamos case vacacións, percorrendo a cidade palmo a palmo, coñecéndoa toda. Aprendes moito dese xeito", lembra Valencia dunha etapa que "quedou aí", que lle daría "moita preguiza retomar".

O orgullo de ter traballado cun "gran equipo de persoas" é o que tamén lle queda á exedil nacionalista. No bipartito, xunto a María Xosé Bravo, Mario López Rico, Xan Martínez Cajigal e Margarida Vázquez noutras áreas e Henrique Tello como primer tenente de alcalde, tiña ao seu cargo a responsabilidade de Mocidade e Normalización Lingüística, ademáis do departamento de Solidaridade e relacións coas ONG.

"Dímoslle moitas actividades aos mozos e mozas. O que nós no BNG propuxemos entón segue aí, mais descontextualizado. Tense que actualizar porque hoxe a mocidade está abandoada. Actualizouse, por exemplo, o rueiro e cambiáronse as placas para cumprir a lei da memoria histórica e non pasou nada na cidade, non se parou", pensa Valencia cun ton de tristura no seu falar.

Ao ano de comezar a segunda etapa na oposición, só con catro edís no grupo (Bravo, Avia Veira e Xosé Manuel Carril), Valencia abriu a súa librería na rúa Villa de Negreira con amplo catálogo de literatura galega, que lle quita agora o tempo. É militante, participa en actividades do BNG, limita as colaboracións co grupo e non segue a actualidade municipal "coa mesma intensidade". "En política non sempre se cumpre o que se acorda nos papeis", suliña como a parte máis ingrata dos seus anos como concelleira.