O traballo diario como membro dun Goberno local e a dedicación parcial como concelleira na oposición polo BNG forman parte da bagaxe de María Xosé Bravo na Corporación municipal. No Executivo bipartito (2007-2011) foi a cuarta tenente da Alcaldía e colleu a carteira de Cultura e Museos, para ela "un soño". "Ter responsabilidades de goberno para facer políticas necesarias para a xente e para o que o país precise foi para mín como cumprir un soño", admite Bravo dous anos despois de perder o seu escano nas municipais que fixeron gañar a Marea Atlántica, cando o Bloque quedou reducido a un asento no salón de plenos.

"Fixemos un traballo moi riguroso do que me sinto moi orgullosa. Desde a miña área potenciamos a cultura galega e explotamos as diversas manifestacións culturais da cidade, unha área que o PP vampirizou despois", defende Bravo, quen lembra de boa gana, por exemplo, a apertura temporal da vella cárcere provincial do paseo marítimo para acoller distintos proxectos culturais.

A exconcelleira nacionalista da moita importancia a eses anos da súa vida, mais na xusta medida, como un paso máis no seu traballo e nas súas experiencias: "Se me preguntas se boto de menos aquelos anos, dígoche que en absoluto. Hai un momento para cada cousa e cada un ten que saber o que dura".

Bravo leva 35 años adicada ao Ensino, actividade á que voltou tras saír da Corporación. Foi mestra no Centro Público Integrado de Carral e é orientadora no instituto Zalaeta da cidade. "Nunca deixei a política, os militantes nunca a deixamos", matiza. Porque di estar activa "noutros escenarios" e forma parte do Consello Local do BNG.