Hai que dicilo: a cidade da Coruña ten unha modesta pero apaixoante historia fluvial. Unha cidade mariñeira na que tamén houbo lavandeiras e muíños. Porque no municipio da Coruña existen unha ducia de cursos de auga, máis ou menos longos, máis ou menos caudalosos e máis ou menos degradados -cando non entubados baixo terra-. Os seus nomes son patrimonio esquecido por moitos, e reivindicado por outros tantos: os regos dos Carneiros, Conxes e Veneirón no fértil val de Feáns, que xuntos dan auga ao rego de Campos, preludio do río de Mesoiro. Tamén os regos das Caveiras, Agüeiros e das Moitas, berce dos derradeiros carballos coruñeses. Varios deles perderon xa a batalla contra o "progreso", entubados ou canalizados. O río de Mesoiro bota unha derradeira olladela ao ceo no Martinete, onde a antiga fervenza, antes de se somerxer definitivamente nas tubaxes. Xa non recibirá en superficie as augas do río Lagar, aínda farturentas de vida nas veigas do Castro de Elviña, que fica agochado pouco despois de ser lecer de universitarios á sombra de amieiros. Porque as Mariñas Douradas, brañas do Lagar inzadas de patos reais e avefrías en inverno, e de ras e libeliñas no verán, deberían estar aló onde o Pavillón de Estudantes... Perdeu tamén a contenda o río da Pastoriza ou de San Cristovo, salvo polo minúsculo e maltratado treito que abrolla en superficie no Bosque, vixiado polas derradeiras ovellas cascarilleiras. Tamén cachiños pequenos son os que quedan dos regos da Moura e de Visma, moitas veces sen auga á vista pero que alimentan fontes. Ou o rego de Quintas, de mestas ribeiras, cabo de Culleredo. Xa moi atrás no tempo fica o rego dos Xudeus, do que nada queda salvo un vago recordo na Falperra dun manancial xeneroso dun río que bendicía as terras nas que están hoxe a igrexa de San Pedro de Mezonzo, Catro Camiños e A Palloza. Matogrande tiña tamén o seu: o rego de Cernadas. Incluso o val de Bens tiña o seu regato, hoxe baixo a refinería.

Mais en toda esta pintura de liñas azuis falta o río da Coruña con maiúsculas: o río de Monelos. Era o froito da unión do río da Pastoriza co río Mesoiro nas antigas e vizosas brañas da Ponte da Pedra, no límite da histórica Granxa Agrícola Experimental. Caudaloso como ningún outro, o Monelos serviu de fonte de auga, lugar de pesca, recuncho para o lecer, forza para mover todo tipo de enxeños, e ata constituíu unha insubstituíble referencia xeográfica. En efecto, ata 1912, marcou a "raia" co extinto concello de Oza, e para moitos cascarilleiros, indicou ata hai ben pouco o límite estrito da cidade. Desde a súa desembocadura en San Diego subían (e incriblemente aínda soben, subterráneas) ducias de meixóns ou angulas chegados do Mar dos Sargazos, que sorprendían ás lavandeiras de Feáns, encargadas das bogadas propias e da burguesía coruñesa.

As augas do río un día caeron en desgraza. Fábricas e verquidos mancharon as pedras lavandeiras, e comezouse a falar en 1954 do Monelos como aquel "condenado y sucio riachuelo", propoñéndose unha canalización que se iniciaría nos anos 60 e 70, coincidindo coa expansión urbana da cidade cara ao sur e suroeste. Tras a enchente de marzo de 1999 na Ponte da Pedra, houbo sucesivas inversións de varios millóns de euros para máis canalizacións, que continuaron ata 2011. Logrouse deixar ao Monelos enteiriño baixo terra, derrotado.

Pero ese mesmo ano moitos coruñeses comezaron a decatarse do que se perdera. Falábase das lavandeiras de Feáns e do vello patrimonio fluvial. Tamén dos pedazos de regatos aínda conservados, e incluso dun paseo desde o cemiterio de Feáns ata A Cabana pola beira destes cursos de auga. Logo, blogues cheos de saudades do río e un documental, Esquece Monelos. A seguir as limpezas fluviais no rego de Campos, o Proxecto Ríos de Adega no río Lagar e o intenso traballo de campo do Grupo Naturalista Hábitat para o Mapa da Biodiversidade, con centos de especies catalogadas. E esbozaríanse os primeiros mapas daqueles treitos degradados ou entubados que se poderían restaurar doadamente, inspirados nos exemplos de Londres e Nova York cos seus ríos perdidos e nos máis de mil proxectos de Restorerivers.eu.

Menciono finalmente a Alberto Torres, Albertrucho, bo coñecedor do pasado esplendoroso do río de Monelos, quen afirmaba: " Cuando se ven los próximos planes urbanísticos se observa cómo existe la posibilidad de que el río de Monelos emerja, vuelva a la superficie. ¿Se imaginan un río cortando la ciudad, con agua clara, cuidado y utilizado, un aula de río para los niños...?". Ogallá.