Comeza a tempada de caza maior en Galicia e volta a polémica pola proximidade dunha zona de actividade destas características a non moitos metros de Novo Mesoiro, urbanización moza que desexaría desfrutar da natureza dun modo diferente. Non é algo novo, nos últimos anos véñense repetindo as queixas veciñais e políticas pola continuidade dun coto cinexético que asedia, varias veces ao ano, o barrio coruñés. Resulta complicado levar aos nenos a un parque infantil mentras cruzan señores con escopetas ou se escoitan as detonacións dos cartuchos, impactando presumiblemente en animais silvestres, completamente alleos ao devir dunha práctica que carece de calquera xustificación. A historia dos cotos do caza tamén é contemporánea, con modificacións ao gusto dos grupos de presión que, cunha pasmosa capacidade de influencia en Galicia, acadaron mudanzas lexislativas moi perigosas. A Lei de Caza de 2013 autoriza a redución das franxas de seguridade entre cotos e vivendas dos 200 aos 100 metros actuais, e posibilita disparar en camiños que non están debidamente sinalizados. Isto multiplica os riscos e resulta dunha indignidade absoluta por parte de quen goberna. Tampouco se pode obviar que esta práctica non ten futuro social nin moito menos excusa para continuar nos termos actuais. Menos do 2% da cidadanía ten licencia en Galicia, cunha idade media cada vez máis elevada, e onde non existe interese extractivo, senón formulado como se dun deporte se tratara. Esta consideración de actividade de ocio funciona tamén como recolectora de subvencións públicas. Non é raro ver como a Xunta promove convenios para fomentar a caza entre a mocidade, ou colabora coa organización de "Supercopas" de caza de raposo. Para eles a caza só é unha extensión dunha constante competición, e neste caso, para saber quen masacra máis seres vivos. O suposto interese ecoloxista dos cazadores queda desmontado co uso de metais pesados na súa munición, como o chumbo, que durante centos de anos permanecen nos espazos naturais cun devastador impacto sobre a fauna silvestre. A prohibición de empregar munición con chumbo nos humidais contribuíu á redución, nun 50%, da contaminación en aves. O lóxico sería ampliar o veto a todos os lugares, como pediu a Convención sobre a conservación das especies migratorias de animais silvestres da ONU. Pois os cazadores protestaron. Curioso discurso ecoloxista, non si?