A ofensiva do BNG contra o proxecto da planta de Gesmaga en Santa Icía, que comezou coa presentación de alegacións ao estudo de impacto ambiental diante da Consellería de Medio Ambiente, continúa agora no terreo parlamentario, xa que a formación rexistrou na Cámara galega preguntas orais e escritas, unha interpelación e dúas proposicións non de lei para esixir que a instalación non se constrúa.

O Bloque salienta a ubicación do complexo a menos dun quilómetro de núcleos de poboación da Coruña e que entre os residuos que se tratarán alí figuran metais como o aluminio e o chumbo.

As iniciativas presentadas polo BNG serán debatidas na comisión de Medio Ambiente e no pleno do Parlamento, co obxectivo de que a Xunta aclare cal é o motivo de construír a planta "tan preto destas zonas urbanas e sen ter en conta a afectación que conlevaría", explican os nacionalistas.

A asociación ecoloxista Arco Iris, que tamén presentou alegacións ao estudo ambiental enviou un escrito ao alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, no que lle advirte das "moi negativas consecuencias" da planta e califica de "burda manobra" a súa decisión de vencellar o permiso municipal á autorización da Xunta.