A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou un novo programa de innovación educativa para introducir a robótica en Primaria. Deste xeito, a Xunta dotará de kits de robótica a un máximo de 120 centros docentes públicos o vindeiro curso co fin de que o alumnado poida iniciarse na programación básica, robótica e construción. O material estará conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos; así como un manual de uso e guía didáctica.

Cada centro, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica mediante unha materia de libre configuración de centro, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou en obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.

A iniciativa vai dirixida a alumnado de 4º, 5º ou 6º de Primaria, que ademais de adquirir nocións básicas sobre robótica e programación, tamén traballará as áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). O prazo de presentación de solicitudes e documentación finalizará o 29 de setembro.

Este programa enmárcase na futura Estratexia galega para a educación dixital 2020, que ten como prioridade incrementar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o estudantado galego, ao tempo de dotalos dos recursos e ferramentas necesarias para o uso seguro da tecnoloxía.