- Falamos de prazos. O concelleiro Xiao Varela dixo que a finais de ano podería funcionar xa o espazo. É posible?

-Dependerá da labor de rehabilitación. Máis que de acondicionamento dunha parte da instalación, vai ser de evitar que o edificio non se deteriore máis. Nós non podemos acurtar ou alongar ese prazo de tres meses desde que se empece a obrar. A idea é que, unha vez feita a obra, non nos podemos durmir porque quedaría máis ou menos un ano de concesión. As actividades deberían ser inmediatas.

- No proxecto que enviaron ao Concello falan de crear unha biblioteca, obradoiros, espazos de exposición e de debate, unha radio... Que é o prioritario ou máis sinxelo de levar adiante?

-O máis importante é que os espazos non sexan para un único uso. O que se utiliza para un obradoiro de baile tense que usar para moitas outras cousas. Todo o que se vaia a abrir, que é un 25% do edificio, ten que ser de uso versátil, con horarios coordinados. Podemos comezar cunha biblioteca, un espazo para as reunións de asociacións, espazos expositivos ou relacionados coa memoria histórica, que é un pilar moi importante. Trátase de ir ordenando nestes meses que quedan. Entre todos temos que definir a coordinación de actividades.

- Que se poderá facer xa ao día seguinte de reabrir o cárcere?

-Estaría ben que, como se fixo nunha exposición na Luís Seoane, se mostrasen os proxectos de fin de carreira da Escola de Arquitectura co uso do cárcere como tema, na que houbo vinte ou trinta traballos con diferentes usos. Sería tamén un bo xeito de mellorar a conexión da cidadanía coa Universidade. Tamén pensamos nun espazo de biblioteca, un taller de bicicletas, unha radio comunitaria para grabar ou emitir podcast. Hai moitas iniciativas, temos que priorizar o calendario das propostas e definir qué persoas van a ser responsables desas actividades, que se decidirán nas asambleas e nos grupos de traballo da plataforma.

- Con que fondos se vai xestionar o desenvolvemento dos novos usos?

-O Concello asumirá os gastos da auga e da luz. No que é a autoxestión, hai asociacións veciñais que participan en proxectos parecidos e viables en España. Na actualidade estase a falar de cuotas entre a xente da plataforma, de actividades como teatro ou proxeccións ou talleres nos que se cobran cantidades que repercutan no colectivos, dunha campaña de crowdfunding. Son diferentes liñas de recadación e a idea é ir graduando en función das necesidades que se teñan.

- Hai colectivos cos que xa se conta para traballos e actividades, como Mobi-Liza, Asociación Cultural 8Hz ou Lindy Hop Swing Coruña. Haberá máis?

-Hai xente que colabora con nós desde hai tempo, outra desde hai pouco. Iso non está pechado: quen queira pode sumarse e colaborar con nós. Non se exclúe a ninguén.

- Canta xente vai participar na xestión da instalación?

-Cando elaboramos o proxecto eramos unhas 30 personas máis os colectivos que hai detrás, pero a plataforma está aberta para toda a xente que se queira incorporar e aporte propostas distintas ás que xa aparecen no proxecto.

- Medrou o número de membros no colectivo mentres se foi deseñando o proxecto?

-Cando en 2010 fixemos tres xornadas de portas abertas, eramos moitos. Caemos ata seis, sete ou oito cando o edificio estivo pechado; nos últimos meses medrou o número e prevemos que aínda haxa máis cando abran as portas.

- Tiña claro o colectivo que a xestión do cárcere debía estar ao seu cargo ou plantexou unha coxestión co Concello?

-Sempre pensamos que a xestión tiña que ser diferente a como se leva en equipamentos municipais, como os centros cívicos, o Ágora ou o Fórum. Tiña que ser unha xestión cidadá que dea resposta ao que outros espazos municipais non dan. Pero non únicamente desde a xente que está en Proxecto Cárcere, senón que se poden incorporar outras persoas ou colectivos.

- Quere o Concello ter unha participación máis activa ou deixará facer?

-Cando o Concello saca a convocatoria para dinamizar o espazo tras o acordo de cesión con Interior, nós promovemos a autoxestión pero coa relación con Concello, como recollen as bases. Vemos necesario que cada certo tempo, cada tres meses, haxa un diálogo directo para ver como se leva o proceso.

- Como relacionarán cos veciños da contorna e da Coruña?

-Pensamos en tres escalas: unha de barrio, na zona de Monte Alto co cárcere como espazo referente, outra no resto de cidade e outra no resto da comarca. Como chegar a todos os veciños? Cando se empecen a facer actividades habería que publicar folletos, que haxa unha boa difusión boca a boca. Interese vai haber. A idea é poder facer actividades potentes para que o público se enganche ao cárcere.

- Terán arredor dun ano de actividades. Pensan máis aló?

-Non nos limitamos ao prazo dun ano, aínda que sabemos que as actividades estarán limitadas a ese tempo. Mais pensamos a longo prazo. Se a cidadanía da Coruña usa ben o espazo, independentemente do que pase nos tribunais nos vindeiros anos, esa cidadanía ten que acadar unha forza importante para que o cárcere siga tendo utilización.