A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poñerá en marcha por primeira vez este ano a Semana STEM para fomentar o espírito científico e tecnolóxico do alumnado galego. A Xunta oferta 300 prazas a alumnos de 5º e 6º curso de Educación Primaria, e de 1º e 2º curso de ESO de centros docentes públicos.

As estadías serán dunha semana en réxime de internado e realizaranse en seis quendas durante outubro, novembro e decembro. A Consellería destinará 210.540 euros a sufragar os gastos das actividades. O prazo para a presentación de solicitudes remata o venres.

Esta iniciativa enmarcase na futura Estratexia galega de educación dixital 2020. Un dos principais obxectivos deste plan pasa por fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), algo que se está impulsando a través das materias de libre configuración autonómica como Robótica, Programación e Identidade Dixital, esta última de nova implantación o curso que vén.

Asociado a estas materias, a Consellería tamén enviou kits de robótica aos centros de secundaria, unha acción que vén de ser ampliada a primaria. A maiores, e dentro desta estratexia de potenciación das vocacións STEM, tamén cómpre salientar a posta en marcha dos clubs de ciencia.

Neste contexto, a Semana STEM proporcionarán ao alumnado un escenario propicio para desenvolver coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o seu interese pola ciencia.