Esta entrevista foi realizada nun pazo de María Pita co ánimo a media asta apenas horas despois de coñecerse o definitivo mazazo xudicial que obriga a derribar o antigo edificio Fenosa, que se pode convertir nunha lousa económica para o erario público da Coruña no futuro inmediato. O alcalde, Xulio Ferreiro, analiza os grandes retos que afronta o Concello nesta recta final da lexislatura e advirte que sería "moi frustrante que os grandes proxectos e investimentos da cidade nestes dous próximos anos se viran afectados por unha decisión ilegal cometida hai vinte anos".

- En xunio fixo un balance "razonablemente positivo" dos dous primeiros anos na Alcaldía. Agora ten a oportunidade de eliminar ese matiz de reserva?

-Un nunca pode estar completamente satisfeito. Supoño que tampouco o vou estar ao final da lexistura. Nesta fase final temos que executar o groso dos fondos europeos concedidos, deixar encamiñada a reforma dos peiraos e a construción da área metropolitana practicamente feita. Eses son os tres grandes retos, xunto coa percura da solución menos gravosa posible á desfeita do edificio Fenosa. Nunca un Goberno na Coruña tivo as dificultades que tivemos nós pola propisa aritmética do pleno para sacar as cousas adiante, pero nestes dous anos ten que facerse visible o noso traballo.

- Puido sair da Alcaldía en febreiro e meses despois disfruta da maior estabilidade. Que leccións tirou deste máster acelerado?

-A primeira, que é moi difícil facer vida normal cando asistimos a un ciclo electoral de ano e medio. A segunda, que ás veces un ten que poñer todo o sentido en coidar tamén as relacións cos outros grupos. Non hai que dar nada por feito.

- Está encauzado o desencontro cos socialistas?

-A cuestión de confianza foi un momento delicado, pero tamén un punto de inflexión. Deixou claro que non hai alternativa a un Goberno da Marea Atlántica. Foron importantes tamén as primarias do PSOE e os cambios no grupo municipal socialista.

- A marcha de Barcón como consecuencia do triunfo de Sánchez facilitou o achegamento?

-Nin creo que Mar Barcón fose o impedimento nin que a súa marcha fose a solución. Creo que houbo unha mensaxe moi clara da militancia socialista na Coruña de que non lle gustaban os coqueteos co Partido Popular. É certo que hai diferencias, nalgún caso de calado, pero tamén que hai unha marxe moi grande de cuestións que nos unen. Poñer o foco aí está ben. O certo é que co portavoz actual do grupo municipal socialista si estamos sendo quen de manter un diálogo fluído e sincero. Pero xa pasou noutros momentos deste mandato que as cousas parecían que se encauzaban e acabaron por torcerse. A confianza que estamos tentando reconstruir é fráxil e todos temos que ter ter moito coidado para que non rompa de novo.

- Esta sintonía non se dou aínda no impulso da área metropolitana.

-Non foi posible o acordo por que seguramente primaban outras cousas. O Partido Socialista ten que definir cal quere que sexa o papel da Coruña no século XXI. O 70% da poboación europea vive en cidades, á que van a maioría das axudas de Bruselas. Esas cidades precisan unha masa crítica, que aquí é de medio millón de habitantes, para liderar Galicia. E iso leva a que a cidade da Coruña se recoñeza nunha realidade que traspasa os límites do concello. Alguén pode pensar que esto tería que pasar por anexionar outros concellos, pero nós cremos nun proceso de colaboración e unión que recoñeza o liderazgo natural da cidade da Coruña na área metropolitana.

- Dase o paradoxo de que a apoian os concellos socialistas na comarca e de que foi unha bandeira que ergueu o PSOE en 2009, freada pola chegada de Feijóo á Xunta.

-Cuestionarse o crecemento da influencia da área coruñesa en base a se beneficia ou non a un determinado alcalde ou partido é un erro. Precisamos luces longas para ver cara onde queremos levar esta cidade, e se queremos que sexa o motor de Galicia. Cun modelo económico diferente que ten que ver coas TIC, o deseño téxtil, a innovación ou a produción cultural e non con modelos caducos como o inmobiliario, que agora vemos coa demolición do edificio Fenosa o desastroso legado que deixou na cidade.

- A Xunta tampouco parece entusiasmada coa Gran Coruña.

-Ten medo de que ter dúas áreas potentes no norte e no sur que fosen os motores económicos e sociais de Galicia lle poida restar peso político. Pero queirámolo ou non, o futuro da gobernanza no século XXI pasa por fórmulas múltiples nas que non se acapare todo o poder por unha soa institución.

- O consorcio de administracións é o instrumento para conciliar intereses nos peiraos?

-O Porto é un espacio de oportunidade para ese novo modelo económico do que falabamos, polo que teñen que apostar non só as institucións senón tamén o tecido social e empresarial. Alégrome de que o que hai dous anos diciamos prácticamente en solitario fose aceptado por unanimidade polo Parlamento galego a semana pasada. O reto é constituir este mesmo ano un protocolo de colaboración entre as institucións que se marque xa obxectivos, que deben pasar primeiro pola renegociación dos convenios urbanísticos de 2004, que son un lastre.

- Os empresarios coruñeses manteñen que ese convenio, que prevía unha masiva construción de pisos propia do boom inmobiliario, non ten sentido nestes tempos.

-Iso lle teño escoitado aos propios empresarios da construción. O sentido común acaba por impoñerse.

- O maior problema do Porto, ademais da débeda de máis de 200 millóns, é como financiar o tren a Langosteira, estimado en 130 millóns.

-É inviable que se pretenda pagar o tren cargando máis débeda na Autoridade Porturia da Coruña, que está afogada. Sendo como é unha infraestrutura de interese xeral, debería ser financiada polo Gobermo ou ben asumida cunha decidida aposta de Fomento na petición de fondos europeos con ese fin.

- O Porto comezou xa a admitir esa realidade nos últimos meses.

-Si, pero eu tamén entendo ás persoas que teñen a obriga de amortizar cantidades colosais nun prazo determinado. Para eles é máis complicado poñer as luces largas e ver cal é a mellor solución de futuro. Para iso ten que haber un compromiso do Goberno.

- Defende unha quita da débeda do Porto coa fórmula que se aplicou nas autoestradas de Madrid.

-Non estamos inventando nada que non se teña aplicado xa. A cuestión fundamental é que o compromiso que o Goberno tivo coas autoestradas de Madrid o teña tamén co Porto da Coruña, un dos motores económicos de Galicia.

- A Xunta xa aceptou participar no consorcio, pero falta o interlocutor clave, Portos do Estado, que leva meses dando largas

-É certo que o presidente de Portos do Estado foi dilatando esta negociación por deversas razóns, primeiro a estiba e despois os plans económicos dos distintos peiraos. O compromiso é que despois do verán xuntaríamonos de novo. Neso estamos.

- Facenda revelou a semana pasada que o Concello da Coruña foi o de maior investimento real en 2016 en Galicia.

-Iso ven desmentir o runrun interesado que algúns repiten como un mantra en ten base algunha nos datos reais. O concello da Coruña, pese a a probación tardía dos orzamentso é o concello galego que máis inviste. E ademais cunha caída da débeda.

- Teñen 15 millóns dos fondos europeos para investir nun novo modelo de cidade nos próximos anos. Hai un cronograma?

-Agora mesmo estamos niso. Temos que presentar nas próximas semanas a Facenda un manual de procedementos e a programación concreta. Primeiro irá á comisión plenaria e despois levarase a Madrid para asumir compromisos concretos de execución. A nosa intención e que moitas destas obras estén en marcha xa no 2018.

- A Xustiza doulles a razón no adianto da retirada da concesión do edificio do Hotel Atlántico. O incríble é o que paga a concesionaria ao Concello: 2.600 euros anuais! Canto lle cobra polo aluguer ao NH?

-Eses datos non están no Concello, pero fálase dunha cantidade que pode chegar aos 800.000 euros. Non é preciso ter moitos coñecementos de propiedade inmobiliria para pensar que o custo de alquilar durante un ano todo o edificio do Hotel Atlántico multiplica por varios centros eses 2.600 euros que a concesionaria paga ao Concello.

- O edificio seguirá con uso hoteleiro? Propuxeran dedicalo a residencia universitaria.

-Unha vez que que se resolveu o asunto da residencia gracias a colaboración entre o Concello, a Deputación e a Universidade, o uso proposto hai tres anos non ten sentido. Levamos dous veráns demostrando que as prazas hoteleiras na Coruña son necesarias, polo menos as que hai, co cal o principaluso seguirá sendo hoteleiro, aínda que se poda compatibilizar con outros.

- O fallo do Superior obriga a Albada a selar os depósitos desbordados de Nostián do seu peto?

-O ten que facer Albada e nos defendemos tamén que o pague Albada. Neste momento o que esta enriba da mesa e que os terá que selar.

- Remunicipalizar os servizos é máis complexo do que parecía?

-Non. Nós non propuxemos remunicipalizarservizos porque pensásemos que fora fácil. Pensabamos que era necesario e o seguimos pensando, É certo que tiñamos unha ruta xurídica que entendiamo que era acorde coa legalidade actual, pero houbo informes en sentido contrario que fixeron que carecésemos dos apoios necesarios para seguir adiante pola vía inicialmente prevista. Isto non significa que a abandonásemos, senón que que tivemos que cambiar o modelo de remunicipalización e os prazos con vías de transición para facelo nunha situación de seguridade xurídica.

- Que pasará coa concesión de Tranvías?

-Cumprimos co noso programa electoral. Díxemos que iamos revisar a concesión, fixémolo, e entendimos que en aplicación da a normativa europea, e así se nos deu razón en Bruselas, a concesión estaba extinta. A normativa europea danos agora unha marxe de dous anos para preparar unha nova licitación. O máis importante neste momento é garantir a continuidade e a calidade do servizo. Non era o momento de xogar coa incertidume nun servizo tan importante para os cidadáns.

- A entrada dos buses da comarca está pendente do remate das obras de Entrexardíns. Hai data?

-Si, a metade de outubro estarán rematadas.

- Que diferencia hai entre o acordo que firmaron coa Xunta e a proposta inicial do Goberno galego?

-En que agora hai un acordo e antes non. Foi unha proposta unilateral da Xunta que non contaba coas competencias dos concellos afectados, particularmente o da Coruña, e que non tiña pactados os lugares de colocación das paradas dos buses, nin os tempos, nin as fases. Era moi deficiente. Pactamos un modelo de fases cun concepto de revisabilidade da penetración dos buses. Se non funcionase a primeira fase, pódense adoptar elementos correctores ou revertir certas decisións se houbera problemas de tráfico. Iso non estaba na proposta inicial da Xunta.

- A chegada dos buses ao centro fai máis necesario o carril bus, que anda algo atrasado. Para cando?

-Non temos datas neste momento porque a posta en marcha do caril bus terá que ir acompañada doutro tipo de medidas. Agardamos que durante este ano ano podamos ser máis concretos.

- A renta social, prevista para 2.500 persoas, chega a unhas 200. A tramitación é complexa ou hai pouca xente necesitada?

-Gustaríame que fose esto último, pero creo que unha medida desta complexidade precisa un periodo de implantación, incluso que a xente á que vai destinada coñeza que existe. Os destinatarios non son usuarios habituais dos servizos sociais e pode que non estemos chegando aínda a esa xente.

- A boa relación que tiña co alcalde Arteixo, Carlos Calvelo, agriouse repentinamente. A que se debe?

-Non o sei, estou bastante sorprendido, porque efectivamente ata agora nos casos puntuais houbo unha relación fluída e calquera dos dous descolgaba o teléfono cando entendía que había que aclarar algo. O primeiro que lle pediría, e teño que facelo desde aquí porque non hai este momento outro canle, é un pouco de calma. Xúntanse moitas cousas. Está o da planta de residuos de Santa Icía, que non sei se ten que ver ou non, e unha transición complicada transición complicada despois de deixar o Consorcio das Mariñas. Nós co de Santa Icía intentamos ser respetuosos co Concello de Arteixo. Non entendo que teña un interese especial nela, porque non é beneficiosa para os veciños de Novo Mesoiro ou Feáns pero tampouco para os de Santa Icia Uxes, Pastoriza ou Morás. No caso puntual dos veciños de Coruña que nalgúns casos foron realoxados en Meicende, nos tentamos en todo momento pedir a colaboración dos servizos sociais de Arteixo e manter as vías de contacto abertas. Non sempre puido ser así. Pero a reacción do acalde de Arteixo non foi tampouco a mellor. O que lle pedimos é prudencia, poruqe hai familias polo medio. Todo isto dame máis rabia pola mala imaxe e pola relación que temos de moitos anos.

- Outra relación que rechina: Luís Villares. A súa Marea non acaba de ser a súa?

-Estou centrado no Concello da Coruña e na Marea Atlántica, e iso xa da para manter varias cabezas ocupadas. En Marea debería ser un lugar de construción en común a nivel galego. Pero ás veces parece unha fonte de noticias de salsa rosa da política que oscurece as propostas de cambio. Iso non me interesa.

- Chegoulle algún reproche das bases polo investimento de 8 millóns en Riazor?

-Non son consciente dunha oposición. Nunha obra destas dimensións sempre se fala de pros e contras e é certo que son moitos millóns para un estadio de fútbol, pero xurídicamente estabamos obrigados a asumir a obra da cuberta e ademáis é un lugar onde cada quince días se reúnen 30.000 persoas. É importante que o fagan en condicións de seguridade. As opinións que recibín da xente foron maioritariamente positivas.

- Que coste emocional supuxeron estes dous anos no seu entorno familiar?

-Buff! Pois ter dous fillos que che digan que non queren que repitas como alcalde creo que da unha idea do custo que supón isto. Que unha nena de seis anos che diga 'prefería cando eras profe' ou directamente 'non te volvas presentar como alcalde' indica que sí ten un custo. Pero como o teñen outros traballos para moitísima xente e en peores condicións que as miñas.

- Presentarase á reelección malia ese custo?

-Cando un decide poñerlle cara a un proxecto coletivo coma este asume unha responsabilidade. Un mandato seguramente non é suficiente para cumplir os obxectivos. Máis de dous, serían demasiados, desde un punto de vista persoal é político. Se en Marea seguen a pensar que teño valía para isto, preguntareille á xente da Coruña que opina.