- Hai que tirar o edificio Fenosa enteiro ou queda algunha outra posibilidade?

-Esta última providencia do Supremo providencia ven derivada dunha resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contraria ao plan de demolición parcial que nos presentamos no seu momento, na que se viña a dicir que esa demolición parcial seguramente hai cinco ou seis anos tería sentido pero que a día de hoxe xa non estabamos na época de propoñer esas solucions. O que di agora o Supremo e que entendo que é o que imos ter que executar, é que hai que volver o edificio ao seu estado anterior. É a consecuencia de que as cousas durante moito tempo se levaron demasiado ao extremo coa finalidade de non tocar o edificio cando xa era irremediable.

- Quere iso decir que hai que tiralo enteiro?

-Quere decir que hai que devolvelo á situación en que estaba antes de que se iniciase a reforma. O cal pode que sexa mesmo máis gravoso que tiralo enteiro. É unha cuestión que haberá que analizar técnicamente. Xa encargamos os informes para que o proxecto de demolición contemple que significa en custo e en obra devolver o edificio á situación anterior á reforma. É dicir, a cando era o edificio de oficinas de Fenosa.

- Refírese a alturas e volumes ou tamén ao estilo do edificio?

-Entendo que en principio falamos de volumes e estruturas, non creo que haxa que retabicar por dentro a como estaba antes, pero haberá que cambiar moitísimas cousas e devolver os volumes a como estaban antes.

- Hai unha estimación de ata onde pode chegar o custo?

-Non temos unha estimación do custe da demolición, porque estamos falando da demolición e das garantías que habería que dar aos propietarios, pero o custo de mercado actual do edificio se non fose ilegal rondaría os 40 millóns. Había un frente xudicial que quedou en suspenso por esa vía de execución parcial que nos iniciamos, que é o da aseguramento das garantías aos propietarios. Non está claro aínda como se fixan esas garantías. Estamos pendentes doutra sentencia do Tribunal Supremo que vai fixar a xurisprudencia sobre cómo se calculan. Pero evidentemente as garantías están asociadas ao valor do inmoble.

- Cal é a posición do Concello?

-Nós agora estamos buscando as fórmulas para dar cumprimento a sentencia, xa que non pode ser doutro xeito chegados a este punto, pero tamén para salvagardar o interese público, o erario municipal e os dereitos dos veciños afectados. Imos tentar buscar unha solución que conxugue todos estos dereitos pero hai que ter en conta que a situación na que se coloca o Concello da Coruña e a facenda municipal é moi delicada.

- Cales serán os próximos pasos?

-Entendo que o Tribunal Superior de Xustiza nos próximos meses terá que decidir dúas cousas: unha é sobre a propia execución en sí da sentencia, supoño que se nos requerirá algunha formula de cumprimento e se nos darán uns prazos e por outra parte esas garantías que se están pedindo por parte dos propietarios. Entre as indemnizacións deberá estar contemplado tamén o custo do realoxo da xente que vive no edificio, porque unha que se cumpra a sentenza, o edificio non vai ser habitable ata que se volva reconstruir.

- A reclamación a Fadesa ten algunha viabilidade?

-É unha firma en total descomposición, sen patrimonio co que facer frente a nada. Non hai más que ver o que pasa coa urbanización de Miño.

- Unha pregunta ao xuíz, máis que ao alcalde: É xusta unha decisión que carga toda a responsabilidade no erario público de tódolos coruñeses mentres os responsables desta desfeita quedan impunes?

-Para poder reclamarlle a alguén os danos sufridos polo Concello da Coruña, primeiro terán que ser efectivos. Cando teñamos unha cifra certa do que lle custa isto ao erario público coruñés, será o momento de actuar. Desde logo, por nós non vai quedar. Se existen danos, pediremos responsabilidades. Pero a ninguén se lle escapa, por outra parte, que sería a primeira vez neste país que se atopasen responsables que respondan co seu patrimonio do dano causado pola súa actuación ilegal. En procesos como este, as responsabilidades acaban por diluirse xurídicamente. Outra cousa son as responsabilidades políticas. E eiquí hai que facer unha reflexión: cando un é estricto coa legalidade urbanística, aínda por riba acaba recibindo críticas e as consecuencias de non o seren son estas que temos agora enriba da mesa. É moi frustrante ver como un montón de proxectos e investimentos para a cidade que levamos dous anos tentando sacar adiante se poden poñer en perigo se non semos quen de atopar unha solución que o eviten, por uhna decisión ilegal que se tomou hai vinte anos.

- É desesperanzador ver que se repetirán pero multiplicadas as millonarias indemnizacións pagadas polo erario público por outra actuación ilegal cometida anos atrás en Someso polos mesmos políticos protagonistas no caso do edificio Fenosa sen que se mova un dedo contra os responsables. Hai un baleiro na Xustiza?

-Vou tentar responder como xurista e non como alcalde, aínda que é difícil disociar unha cousa da outra. Posiblemente os instrumentos do dereito penal non están pensados para isto, senón para outro tipo de delitos. Non hai máis que ver a clientela do sistema penitenciario para saber que hai determinadas actuacións previstas no Código Penal que se persiguen e castigan máis que outras. Hai artigos do Codigo Penal que non se utilizaron nunca e otros que se aplican tódolos días. É así porque se cometen máis delitos dun tipo que de outro? É só unha parte da explicación, hai outras razóns.