Natureza en 'Contos da Coruña'

19.09.2017 | 01:05

Xurxo Souto é o creador dunha xoia literaria, xa na súa cuarta edición, que se titula Contos da Coruña. Ao longo das súas 263 páxinas o lector pode gozar de relatos de bares e tabernas, lendas de homes mariños, repichocas animadas, sabios mariñeiros e tamén de pinceladas de natureza. Porque o diplomático Souto plasmou nas páxinas de La Opinión de A Coruña co inicio do novo milenio pasaxes radiofónicas cheas de percebes, de algas deitadas na praia por temporais, peixes xigantescos de augas frías, vacas e toxos. E, con eles, percebeiros, apañadores do fértil argazo, mariñeiros que triangulaban A Coruña, Euskadi e Canadá, gandeiros e labregos. Todos eles recordos dunha Coruña vencellada intimamente ao mar e á terra dun xeito que agora nos custaría imaxinar, e que probablemente nunca volte. Xa son recordos do pasado os muíños do Reboredo e da Triga no malogrado río de Monelos, e tamén os barcos de pesca de vela, temerosos dos ventos das viúvas e da fame. De non ser polo de Santa Margarida, os muíños de vento que antes coroaban os altos coruñeses serían artefactos pretéritos. Quedan, iso si, os retais, os testemuños dese pasado primario que se resiste a marchar, e que ten forma de ovellas a pastar no Bosque, nas Bouzas ou na Gramela. Ou das toxeiras que amarelean a contorna da Torre ou os montes de San Pedro, Cortigueiro e Os Castelos. E quizais as libeliñas do rego de Campos ou do río Lagar. E quedan tamén as historias que tornan á vida desde a boca dos sabios: das avefrías das Mariñas Douradas, de amieiros e anguías do río de Monelos, dos paseos de Palavea ata Penarredonda entre castiñeiros centenarios. Recordar é fundamental. Rexistrar, imprescindible. Revalorizar é desexable. E precisamente esta revalorización do autóctono, do noso, enriquece as páxinas deste libro, farturento de verbas fermosas, moitas delas con sabor a mar. A que sabe, pois, a pasaxe dos primeiros temporais fortes do outono -as ecanotadas- que deixan o argazo na ribeira? Ou a que van lembrar os enormes bacallaus de Terranova, que lles dicían "homes"? E que gusto teñen A Perdiz, O Boi ou A Vaca se non é a mar?

Contos da Coruña é unha leitura deliciosa de salitre, música, xentes e, como non, de natureza. Medre o mar!

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine