Colexios e garderías abren as súas portas este setembro e, con elas, as tempadas dos centros culturais da cidade, que preparan os seus escenarios para entreter aos máis pequenos na súa rutina do outono con obras e concertos. O festival de monicreques da sala Gurugú, as representacións de contos clásicos de Teatro do Andamio e a ampla oferta infantil que ofrecerán o Fórum Metropolitano e o centro Ágora cos seus ciclos Todo Público e Bebescena compoñen o cartaz de lecer dos próximos meses, no que farán a súa maxia tanto compañías locais como internacionais.

As actividades máis vencelladas á música terán lugar no Ágora. Da man do programa Apego, pensado para fomentar o uso do galego na contorna da familia, o centro acollerá preto dunha decena de propostas, nas que o canto e os instrumentos terán un especial protagonismo. Entre elas estará Paxaro amigo, o novo espectáculo de Mamá Cabra, que tratará de transmitir aos nenos valores como a paz na súa función do 11 de outubro e que estará seguido, unha semana despois, por un dos shows estrela entre os meniños, os Cantacontos para bebés de Pablo Díaz. "A súa música funciona moi ben, as prazas esgótanse enseguida", comenta o técnico do concello Iván Méndez, en relación ao músico coruñés.

A función de intención poética Acouga, que recrea personaxes da mitoloxía galega para nenos de 1 a 3 anos, é outro dos espectáculos destacados por Méndez para o centro Ágora, no que tamén se levarán atención os bebés. O seu ciclo Bebescena, que comezaba o domingo pasado, continuará ata decembro con propostas como Loo, premio Feten ao Espectáculo para a Primeira Infancia (15 de outubro) e Esferic, de Aboon Teatre (26 de novembro). A súa vertente didáctica a compartirán obras como Ela, a función de Caramuxo Teatro, que se presentará por primeira vez o 6 de outubro no Fórum Metropolitano, e que abrirá o ciclo Todo Público cunha historia baseada no universo creativo de Maruxa Mallo. Á pintora seguiralle outra estrea, a de Aguratrar, a adaptación dun libro de Roald Dalhl levada a cabo por Victoria Pérez e Manu Ferández. "Nunca estrearamos obras que non tivesemos visto antes, pero sabemos que estas son boas e de calidade", afirma a directora do Fórum, Begoña Llamosas, sinalando logo o "humor" doutros espectáculos como La gallina de los huevos de oro.

Esta obra, interpretada por Zum-Zum Teatre, fará compaña a varios dos pratos fortes que o Teatro do Andamio amosará nesta tempada. Segundo a actriz e profesora da sala, Gema Ulloa, o edificio apostará por "unha programación diversa", que incluirá "maxia, teatro para bebés, monicreques e clowns", e na que destacarán as historias tradicionais. "A xente reacciona moi ben ante os clásicos, e este ano teremos tres", asegura, mencionado as función de Hansel y Gretel (28 e 29 de outubro), Caperucita Roja y otros lobos (4 e 5 de novembro) e El Patito Feo (9 y 10 de decembro). Con elas, estará a produción da propia compañía do Andamio, O sal do mar, unha peza "de temática mariñeira recreada sobre a cuberta dun barco" que verá a luz o mes que vén.

Tamén en outubro comezarán as actividades de Gurugú. A sala infantil abrirá o día 7 cun Festival de Títeres, que dará paso a partir do 29 á programación habitual, que quere ter como eixo, en palabras do seu responsable Carlos Clemente, "a labor social e o barrio". Desde entón e ata as festas de Nadal, pasarán polo edificio Magín Blanco, Trinketrinke teatro e Golfiños, acompañados por un amplo programa para bebés en forma de teatro e contacontos.