Humor e debuxo uniranse esta tarde no teatro Colón da man de Carlos Blanco e Luís Davila. Os artistas da gargallada, que xa traballaran xuntos no espectáculo Menú do día, regresan á cidade para representar a segunda parte do seu show, Menú da noite, unha función na que volverán a combinar as súas habilidades de verba e debuxo a partir das 20.30.

O formato do novo número será o mesmo que o de Menú do día. Os monólogos de Blanco sucederanse acompañados do traballo de Davila, que plasmará de forma gráfica os contos do cómico cuns debuxos que se proxectarán no escenario. A temática do show, porén, será ben distinta ao primeiro espectáculo. Os humoristas substiuirán en Menú da noite a saia escocesa polo traxe e gravata, e adentraranse no sofisticado ambiente de Broadway que envolve o seu último show. "Todo xira en torno a Nova Iorque, pero tamén ten elementos nosos", explica Davila, sinalando algunha das sorpresas da función. A máis destacada será a preparación dun caldo galego. Blanco cociñarao cunha thermomix ao longo do espetáculo, que rematará cun baile de claqué protagonizado polos artistas.

"Vai ser un show moi bonito. O espectador vai estar estimulado visualmente polos meus debuxos e polas palabras de Carlos", conta Davila, que apunta que o espectáculo é "unha homenaxe á xente que sacha" tanto no rural como "na sanidade ou na educación".

Esta non será a primeira vez da función na cidade, pero si unha das últimas. Tras dous años de xira, o dúo plantéxase xa comezar con outro traballo. "Cando á xente lle gusta algo, non queda máis remedio. Hai que ofrecer algo novo. Pero seguiremos xuntos", di.