Amedida que se van coñecendo as sentenzas respecto ao antigo edificio de Fenosa córrese o perigo de considerar a licenza outorgada polo Concello en 1997 como un pesadelo que hai que esquecer, en lugar de contemplalo como un feito singular que alumeaba algunhas das irregularidades urbanísticas máis destacadas das corporacións vazquistas.

Pasaron vinte anos, pero a polémica xurdida en torno ao futuro do edificio parece que vai a proxectarse sobre o conxunto da cidadanía coruñesa por bastante tempo. Para moitos cidadáns, o arquitecto Valentín Souto, o denunciante das ilegalidades cometidas, pode ser un maldito, para outros, nos que me inclúo, simboliza a mellor testemuña de cargo na defensa da legalidade urbanística. Aceptar que sen a teima deste cidadán o asunto do antigo edificio de Fenosa existiría de forma moito menos consistente non é máis que recoñecer o evidente.

Mais o caso é que a súa teima por destapar un escándalo de tanta envergadura parece ser recibido por algúns cidadáns de xeito negativo, pero penso que a súa determinación é un acerto porque revela os fíos dunha etapa en materia urbanística, as artimañas, o pasteleo e os resortes que había que tocar no Pazo de María Pita para navegar por el. Mentres Vázquez foi alcalde, todo o poder residía nas súas mans: a súa vontade equivalía case que á unha especie de soberanía cidadá. Así, o escándalo de Fenosa comparte honores estelares con outros como o de Someso, Ofimático ou Durmideiras. Son asuntos distintos, pero teñen en común elementos de presuntas irregularidades: abusos de posicións dominante, política e administrativamente, que acaban beneficiando aos protagonistas, personas próximas ás esferas de poder local.

A coartada máis perniciosa en todos eses casos é a dun suposto ben común para a cidade. Xustificado o fin, valen todos os medios, e así unha irregularidade tápase con outra, ata corromper todo o andamiaxe urbanístico. Este é o símbolo dunha época que hai que contemplar á luz de casos como o de Fenosa, desvirtualo ou culpar ao denunciante dos males que poden derivarse dun hipotético derrubamento do edificio é facer abstracción da herdanza dunha época como si vivíramos na mellor das cidades posibeis e non gravitara sobre A Coruña unha situación urbanística desastrosa desde 1997.

A verdade é que non sabemos como rematará o asunto. O Concello asegura, como non podía ser doutro xeito, que defenderá os intereses da cidade e da comunidade de afectados, mesmo esixindo responsabilidades aos autores da concesión da licenza en caso de que haxa que indemnizar aos estafados. Pero desta historia, moitos cidadáns agardamos o remate e erradicación definitiva das antigas prácticas urbanísticas que constitúen todo un calvario para a cidade. Unha esperanza de normalización á que todos, clase política e cidadáns, temos dereito.