Moi poucas persoas saberían na Coruña que o coronel que chegou á cidade en decembro de 1925 como inspector accidental de Sanidade Militar da 8ª Región Militar era un extraordinario científico. Falamos de Antonio Casares Gil, nado en Compostela en 1872, probablemente o botánico galego máis relevante da historia. O mesmo que en marzo de 1928 ocuparía o posto de director do Hospital Militar e que morrería o 9 de abril de 1929.

Levaba un tempo enfermo, afectado por un cancro de pulmón. A condución do cadáver ao cemiterio de Santo Amaro, o mércores 10 de abril ás 6 do serán, constituíu, segundo os medios locais, "una manifestación de duelo muy numerosa" que presidiu o gobernador civil, Rafael Muñoz Garde, o capitán xeral, Francisco Artiñano, e outras autoridades, ademais da familia, representada por Javier e José Casares. Precisamente José veu á Coruña a pasar con Antonio o seu derradeiro Nadal, en 1928, consciente do mal estado de saúde do irmán.

A saga dos Casares

Antonio era parente de sobranceiros científicos. A familia de Casares Gil formaba parte da elite santiaguesa, mantiña boas relacións nas institucións madrileñas e nos ámbitos do poder local compostelán, onde estaba moi ben instalada na Universidade de Santiago. O seu pai, Antonio Casares Rodríguez (1812-1888), catedrático de Química, foi reitor da Universidade entre 1872 e 1888 e iniciara unha notable saga de catedráticos en Compostela, con proxección posterior en toda España. Un irmán, José Casares Gil (1866-1961), químico sobranceiro, foi catedrático das universidades de Barcelona e Madrid e ocupou cargos de responsabilidade en salientables institucións.

Unha dobre dedicación

Antonio Casares presenta a singularidade de que foi un excelente especialista nunha disciplina científica, a Botánica, allea á súa formación e carreira profesional, a Medicina no ámbito da Sanidade Militar. Iniciara a súa formación na cidade natal, onde cursou a carreira de Medicina; despois ingresou en Sanidade Militar en 1894, ocupando praza en Barcelona, onde coincidiu co seu irmán José. Destinado a Cuba, volveu a España cando a colonia acadou a independencia. Pertenceu ao Instituto de Higiene Militar, no que ideou un valioso método de tinguidura dos cilios das bacterias. E estudou, por encargo do Goberno, a vacina antitífica en París, Berlín e Londres, que aplicou nas campañas coloniais en Marrocos.

En 1899 obtivo unha licenza de catro meses, prorrogada en dous máis, para acudir a Múnich para formarse en Botánica co profesor Karl Ritter von Goebel. No seu prestixioso laboratorio estudou organografía vexetal, sobre todo das briófitas (musgos) e pteridófitas (fieitos), e iniciou o estudo sistemático das primeiras. Antes de regresar visitou varios laboratorios en París, Berlín, Frankfurt, Nürnberg e Würzburg. Na Universidade de Würzburg tivo o privilexio de visitar a cátedra e o laboratorio do famoso profesor de Fisioloxía Vexetal Julius von Sachs, quen morrera había pouco.

Casares residiu uns anos en Madrid, onde atopou o apoio dos profesores Ignacio Bolívar e o ourensán Antonio García Varela, directores do Museo Nacional de Ciencias Naturales e do Xardín Botánico, para proseguir as pescudas botánicas e publicar os resultados. O instrumento utilizado sería a Junta para Ampliación de Estudios (JAE), na que Antonio foi profesor colaborador. Impartiu cursos sobre musgos para bolseiros nos locais do Museo Nacional de Ciencias Naturales e, despois, no Xardín Botánico. Grazas ás xestións de Bolívar, dispuxo dun pequeno espazo de traballo, o Laboratorio de Criptogamia y Briología da JAE, do que foi director.

Briófitas, unhas plantas peculiares

Os vexetais que viven no medio terrestre atoparon unha solución á necesidade de auga dos seus compoñentes elementais, as células, no desenvolvemento dunha estrutura de absorción da mesma do chan, as raíces, e, sobre todo, cun sistema de condución do fluído, a savia, de aí o nome de plantas vasculares, con vasos que comunican. Iso lles permite sobrevivir en contornas ben secas e acadar importantes tamaños. As briófitas, un grupo de plantas dos que forman parte os musgos, carecen de ambas ferramentas, polo que precisan vivir en lugares húmidos e son de reducidas dimensións.

Por esas características e pola súa menor utilidade directa para os seres humanos, as briófitas pasan bastante desapercibidas, agás casos concretos como o da turba, formada a partir duns musgos, os esfagnos. O seu interese ten que ver coa posición evolutiva, como unha vía de colonización do medio terrestre, e polo feito de seren o segundo grupo de plantas terrestres máis diversificado, cun importante papel estabilizador nos ecosistemas. Tamén son estupendos bioindicadores de contaminación e poden xogar un interesante papel ornamental, de adorno. En períodos de deshidratación son quen de sobrevivir nun estado metabólicamente inactivo e recuperar as súas funcións vitais ao volver a dispoñer de auga.

Casares traballou sobre eses "vexetais inferiores", sendo recoñecido como o creador da moderna brioloxía ibérica. Desde a volta de Alemaña abordou o estudo sistemático das briófitas peninsulares; realizaba o labor dun taxónomo, recolección de exemplares, estudo das súas características, comparación con outros, identificación de novas variedades, descrición dos exemplares, etc. O seu primeiro resultado relevante foi a monografía dedicada a un grupo deses seres vivos, as Hepáticas (1919), considerada polos expertos unha "obra perfecta" no seu xénero.

A visita dos Allorgue na Coruña

No ano 1924, Casares ocupou un posto singular, que expresa claramente a relevancia científica do noso botánico, a presidencia da Sociedad Española de Historia Natural, cargo no que foi substituído en 1925 por outro galego, Antonio García Varela. Desde a publicación da memoria sobre as hepáticas estaba centrado na redacción do segundo tomo sobre as briófitas peninsulares, o dedicado aos musgos. Na estadía coruñesa continuou con esa tarefa no tempo libre que lle deixaba o seu labor profesional, cun extraordinario esforzo para, enfrontado coa enfermidade, rematar ou deixar moi avanzado ese traballo.

Na cidade herculina recibiu a visita de dous excepcionais botánicos, Pierre Allorgue (1891-1944), presidente da Sociedad Botánica Francesa en 1913, e Valentine Sélitzky (1888-1977), tamén coñecida co apelido do marido, Valentine Allorgue. Estes científicos publicarían en 1930 unha eloxiosa nota necrolóxica sobre Casares na Revue bryologique et lichénologique, na que o cualificaron como "briólogo de alto rango" (haut range) e exaltaron a súa figura, a dun "verdadeiro sabio", modesto e entusiasta e de carácter nobre. Nela explicaron que o coñeceron na Coruña en 1926, a raíz dunha excursión botánica pola Península Ibérica, e contaron que os acompañou amablemente a visitar as localidades máis interesantes da provincias coruñesa e lucense desde o punto de vista do seu interese briolóxico, amosándolles onde descubrira a presenza de especies interesantes.

Os Allorgue estableceron unha relación profesional e de amizade co senlleiro botánico galego e publicarían, entre outros traballos, un sobre as algas de auga doce: Matériaux pour la flore des algues d'eau douce de la Péninsule Ibérique. I. Hétérocontes, Euchlorophycées et Conjuguées de Galice (1930). Valentine, por ter vivido máis anos e polo contacto cos botánicos cataláns, constituíuse no nexo histórico entre Casares e os briólogos peninsulares da seguinte xeración.

Publicación póstuma

Na estadía dos Allorgue Antonio Casares tivo a satisfacción de explicarlles como avanzaba o seu traballo sobre os musgos. A parella francesa comprobou que a publicación que Casares preparaba sería perfectamente comparable coas dos mellores especialistas internacionais. Mais cando morreu, a obra estaba inconclusa. Ignacio Bolívar decidiu, pola súa importancia, concluír esa monografía, que incluía máis de "dos mil cuartillas y numerosas figuras con la parte descriptiva referente a los musgos peninsulares" e encargoulle ao botánico Arturo Caballero que completase o labor. A obra póstuma aparecería publicada en 1932 cunha Advertencia preliminar de Bolívar explicando o proceso e cunha nota biográfica e bibliográfica do propio Caballero.