Unha programación "de trámite, a cabalo de dúas xestións completamente diferentes", pero cunhas liñas moi claras. Así define o novo coordinador do teatro Colónteatro Colón, Xosé Manuel Aldea, a programación que manterá o teatro ata fin de ano, cando abandone as mans da Deputación nas que se atopa a día de hoxe. O pulo á industria artística galega, os espectáculos infantís e a cesión do espazo ás iniciativas solidarias serán os tres eixos que moverán o cartel ata decembro, cando o Concello asuma a súa xestión.

- Como afrontou esta nova etapa do Colón, agora que a xestión é pública?

-Había moitos compromisos xa adquiridos pola xestión anterior e pola propia Deputación, como a programación lírica. Pero, aparte diso, dimos presentado ao público o que penso que é un bo cartel de actividades. Creamos varios ciclos, como os matinais para gozar en familia e un ciclo de produción propia. Tamén son moi importantes os eventos organizados por entidades como as ONG. A nova xestión do teatro non ten fins lucrativos, e quere dar visibilidade a estas iniciativas solidarias.

- Foi complicada a transición cara este novo modelo?

-O máis complicado foi que non estaban os protocolos de comunicación e de xestión da información entre todas as empresas implicadas. Incluso a propia Deputación sacou hai pouco a normativa de prezos e hai un mes a de usos do teatro? A relación foise creando pouco a pouco.

- Unha das novidades do cartel son as proxeccións cinematográficas. Por que quixeron recuperar a función de cine do Colón?

-Porque se pode achegar a outra cidadanía, a outra que si ten ese recordo do Colón como cine, ao novo teatro e á nova programación. Parecíanos interesante recuperar esa imaxe que aínda queda en moita xente do Colón como espazo de emisión de cine.

- E agora como espazo artístico galego. O programa o compoñen esencialmente artistas de aquí, por que desbotaron a escena nacional e internacional?

-Como mostra de outra escena hai unha cesión a unha empresa que organiza o ballet de Moscú. En todo caso, a función do teatro non ten un fin meramente lucrativo, que facilitaría programar este tipo de espectáculos, cun caché e público asegurados. Pareceunos máis arriscado deixar cabida a todas estas novas expresións.

- Cales son os pratos fortes da tempada?

-Eu penso que o forte van ser as matinais dos domingo. De feito xa hai algunha, como a de María Fumaça, que non ten entradas dispoñibles. Facía falta unha programación no centro da cidade de domingos con estabilidade.

- É unha aposta pola canteira?

-Claro. Tamén os organismos públicos teñen esa función, crear público para un futuro consumo cultural a través do teatro e doutras especialidades escénicas.

- De que xeito complementará a actividade do Colón a de outras entidades como o Teatro Rosalía?

-Non hai unha liña de traballo continuada, porque foi todo nun periodo moi curto de tempo, pero si mantemos conversas co Rosalía como coa propia organización do IMCE para tratar de non pisar programacións.

- Que rumbo debería seguir o teatro?

-Habería que coordinar todos os espazos escénicos que son de propiedade municipal, e creo que se está traballando en crear unhas liñas mestras para cada espazo. Debería estar directamente relacionado coa xestión do propio Rosalía. Están abocados a complementarse.

- Que papel debería xogar o Colón a partir de agora?

-O Colón está chamado a seguir sendo o gran teatro da cidade da Coruña, polo número de prazas, pola amplitude das súas instalacións e pola súa situación. É un referente xunto ao Rosalía, ademais dun teatro que está entre os mellores de toda Galicia e do panorama español.