A Fundación Luis Seoane comenza hoxe a súa particular homenaxe polo 80 aniversario do álbum 13 estampas de la traición, un libro de debuxos do artista galego. A exposición, aberta ata o 1 de abril, céntrase na obra de Seoane dende unha perspectiva de investigación e fai unha contextualización na Guerra Civil española.

O debuxante, cando tiña 27 anos, puxo de manifesto neste álbum a dramática situación da poboación civil no 1936 e sinalou aos responsables do golpe de Estado e aos seus cómplices. As 13 ilustracións -14 coa portada- foron editadas no 37 e formaron parte das diversas publicacións que integraron a campaña de propaganda no exterior levada a cabo polos republicanos. A directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, a profesora da Universidade da Coruña, María Antonia Pérez e o responsable do deseño da mostra, Juan Martínez de la Colina, non queren que estes debuxos queden no esquecemento. Na mostra haberá tamén artículos, textos e obra gráfica doutros artistas como Castelao, Manuel Colmeiro, Maruja Mallo e Camilo Díaz Baliño. Feita en exclusiva para esta exposición, os visitantes poderán gozar dunha peza audiovisual baseada nos debuxos orixinais de Seoane. Para completar, haberá un ciclo de conferencia, un recital de poemas do artista e un obradoiro de estampación co deseñador e tipógrafo Ricardo Rousselot. Ademáis de somerxer aos visitantes nun relato bélico e artístico, estes poderán contemplar parte da biblioteca persoal de Luise Seoane, cedida pola Real Academia Galega.