Os días 16, 17 e 18 de novembro de 1796 a cidade da Coruña veuse sometida á acción de fortes ventos do noroeste, que "alteraron la mar, de tal suerte que las olas como montañas venían á estrellarse con grande estruendo en las rocas de las orillas, subiendo las aguas a alturas grandísimas". Quen así nos conta o sucedido, Baltasar Boldo, tamén deixou escrito que como consecuencia do temporal "murieron muchos pescados estrellados contra las peñas, y la resaca traxo [sic] a la orilla infinidad de fucus, algas, coralinas, conservas, conchas y otras producciones habiendo salido entre ellas un huevo". Sobre ese ovo publicaría un singular folleto co título de Producción marítima particular, observada en La Coruña.

O médico e naturalista Baltasar Boldo

Baltasar Manuel Boldo Tuced nacera sobre 1766 en Zaragoza e fixo estudos de Medicina en Valencia, exercendo a profesión en diversos lugares, ata que en 1793 foi nomeado médico de número do Exército con destino na rexión pirenaica de Rosellón durante a guerra entre España e Francia. Por esas datas analizou augas minerais de Cataluña, realizou traballos químicos e epidemiolóxicos e, como botánico correspondente do Real Jardín Botánico de Madrid, percorreu os montes, vales e costas cataláns e das illas Baleares, elaborando unha interesante colección de obxectos naturais.

A estadía de Boldo na Coruña debeuse a que formou parte, como botánico nomeado polo Goberno español, dunha expedición científica que con destino a Cuba partiu da cidade herculina a fins de 1796. Unha circunstancia que garda relación coa apertura en 1764 do porto ao tráfico comercial con América a través dos Correos Marítimos, elemento que resultou clave para a vida económica da cidade. O mar, elemento central na súa historia, adquiriu aínda un maior protagonismo. Para unha localidade situada na periferia xeográfica, cunhas precarias comunicacións terrestres, o océano converteuse na autoestrada que a conectaba co mundo. Lembremos que entre outros viaxeiros ilustres, Alexander von Humboldt utilizou esa vía mariña uns tres anos máis tarde.

A expedición científica do conde de Mopox a Cuba

A expedición dirixida polo conde de Mopox, o cubano Joaquín de Santa Cruz y Cárdenas, levou o nome de Real Comisión de Guantánamo porque tiña como obxectivo explorar a baía desa provincia cubana, proxectar camiños na illa caribeña e levantar o plano dunha canle fluvial que permitira trasladar a madeira dos montes de Güines; un material que debería fornecer aos arsenais de La Habana para a construción de buques de guerra. Joaquín de Santa Cruz, curmán e colaborador de Francisco Arango y Parreño, formaba parte da elite social e económica habanera, que reclamaba a construción de camiños e peiraos coa fin de incrementar os beneficios económicos mediante o comercio do sucre e o tráfico de escravos. Contaba co apoio do poderoso Manuel Godoy, con quen compartiu negocios e de quen recibiu o título de conde ese mesmo ano de 1796.

Xa desde a súa xestación a expedición incluía entre os seus obxectivos o estudo das diversas variedades de madeira. De aí a necesidade dun científico, un "buen botánico a fin de que reconociese todas las plantas que encontrásemos y sus virtudes", como lle explicou Mopox a Godoy. E o director do Xardín Botánico de Madrid propuxo a Boldo como profesional axeitado para a misión. Entre o persoal técnico tamén figuraba José Guío Sánchez, que participara como debuxante e disector na célebre exploración de Alessandro Malaspina (entre 1789 e 1794).

O 29 de outubro de 1796, xa cos membros da expedición en Coruña, Mopox escribiu a Godoy que "los equipajes están a bordo y todo ha quedado preparado para dar la vela el 1º de noviembre". Mais a saída adiouse na espera de ventos favorables. Por esa razón Mopox decidiuse a solicitar a Godoy que o buque, a fragata-correo El Rey ao mando do capitán Pedro Núñez, se dirixira sen escalas para Cuba, que non fixera as habituais paradas nas Canarias e Porto Rico, petición que tivo éxito.

O barco partiu o 3 de decembro e chegou en febreiro ao porto de La Habana, comunicando o administrador xeral de Correos da Coruña, José Zorrilla y Monroy, ao "Príncipe de la Paz" a boa nova. Na estadía cubana Boldo reuniu numerosos materiais botánicos porén non rematou o seu labor, pois morreu na capital caribeña en xullo de 1799. Poucos meses antes da morte visitou os EEUU e en Baltimore recolleu plantas e realizou observacións meteorolóxicas.

Descrición do ovo de raia

A demora na saída da expedición permitiu a Boldo a percorrer a costa coruñesa, recollendo plantas e animais mariños. E entre eses obxectos localizou un ovo de raia pechado que disecou, observando o seu interior, o embrión, polo que puido aclarar a antiga polémica sobre a natureza do propio ovo, que algúns naturalistas consideraban un animal mariño ou un tipo de alga. Xa que logo, moitos anos antes de que por estas terras se iniciaran os estudos biolóxicos dos seres mariños, cando aínda faltaba máis dun século para que se constituíra a sociedade oceanográfica da Coruña, case dous para que empezara a funcionar o laboratorio local do Instituto Español de Oceanografía e a Facultade de Ciencias da universidade herculina, e case 203 anos antes da inauguración do Aquarium Finisterrae, Boldo publicaría a descrición das súas pioneiras observacións sobre o ovo dunha raia, vertebrado mariño que forman parte dos Condrictios.

O texto, no que o debuxante Jose Guío elaborou unha lámina, foi redactado nos días previos á partida, apareceu como como folleto editado pola imprenta compostelán de Ignacio Aguayo e foi dado a coñecer polo investigador coruñés Javier Dosil Mancilla en 2002. Boldo recoñecía que o obxecto estudado por el "es bastante común en las Playas que circundan la España por la parte del Mediodía en las Islas del Mediterráneo, en las Costas Norte, y señaladamente en el seno del Orzán, uno de los mas inmediatos a esta famosa Capital de Galicia". Sen embargo, existía moita confusión sobre a súa identidade, recibindo numerosos nomes nas distintas localidades e o naturalista pretendía demostrar que se trataba do ovo dun peixe, como xa postulara o mallorquino Cristóbal Vilella.

Observou o interior e deixou escrito: "Para salir de mis dudas resolví hacer anatomía de él: abrilo con mucho tiento por la costura de un costado, y observé ... un huevo mui hermoso de la magnitud de una nuez pequeña, que se unía por un corto ligamento a una carnosidad blanquecina pegada á una de las paredes interiores del referido saco [...]. Pareciome al principio ser esta la placenta de aquel huevo: pensé despues si haria las veces de un ligamento compresivo para sujetar al huevo, y impidiendole que en los movimientos del mar diese frecuentes choques contra las paredes de la bolsa en que estaba contenido. Pero, examinandole con mas escrúpulo, hallé ser un fetus ya fecundado y que en la formación de la cabeza cuerpo, alas y cola manifestaba ser el pescado conocido con el nombre de Raya". Confirmaba o carácter reprodutivo do obxecto, sinalando que "en rigor no (...) huevo sino el utriculo ovario amion, ò sea saco membranoso que le contiene".

O importante contacto con Cónsul Jove

A difusión do estudo de Boldo foi posible pola existencia de interlocutores locais con experiencia científica e disposición favorable á colaboración. De feito, no proceso da publicación xogou un papel determinante Francisco Cónsul Jove (1754-1810), quen estivo presente en todas as observacións e se encargou da edición do folleto. Cónsul chegou desterrado desde a súa Asturias orixinaria a Santiago sobre 1782 e desde 1791 a 1802 viviu na Coruña exercendo como médico e "físico e médico" do salientable Consulado Marítimo. Defensor da ciencia moderna, da preeminencia do experimento fronte a especulación valeira, publicara en 1789 un Ensayo de Hidráulica Rústica polo que a Inquisición lle abriu un proceso. O contraste é evidente, mentres en Francia tiña lugar a revolución que abriu o paso aos novos tempos, por estes lares o poder utilizaba o tribunal inquisitorial para deter o avance científico. O pasado serve ás veces para entender as eivas do presente.