Aconteceu dous ou tres anos despois do seu primeiro disco. Logo dunha estrea no panorama da música infantil con Tic Tac (2009), un álbum cunha pegada que traspasara fronteiras, Pablo Díaz recibía por Facebook unha mensaxe da cantante e directora teatral Marina Bollaín. A artista, irmá xemelga da actriz e directora cinematográfica Icíar, pedíalle prestados dous dos seus temas para o seu novo espectáculo para nenos, El duende calcetín, un conto musical protagonizado por un trasgo en busca de medias para protexer as árbores no inverno, e que a cantante quería que tivera presentes as composicións do músico coruñés.

"Díxome que lle gustaran moito as miñas cancións. Pediume Imos contar un conto e O reloxo de Alberte, e eu díxenlle que encantado", lembra Díaz, que considerou "un orgullo" a proposta "dun referente" como Bollaín.

O asunto, porén, quedou en principio en palabras. Os cantantes non volveron falar do tema, e Díaz esqueceu o proxecto ata a semana pasada, cando atopou un vídeo do show por internet. "Comeza cun dos meus temas, fíxome moita ilusión. Estamos nunha esquiniña, e que xente importante estea a traballar coa miña música é un honor", asegura, afirmando que o mellor da colaboración son as achegas musicais que Bollaín fai as súas pezas. "É outra visión da túa música. Son cancións que eu interpreto dun xeito máis simple, e que ela canta entre lírico e operístico", comenta.

O coruñés admite que aínda hoxe non sabe como chegaron a oídos da madrileña. Un artigo nunha revista xa desaparecida da capital na que se falaba do seu disco puido ser a responsable pero, se ten que arriscar, o compositor aposta polo novidoso que Tic Tac resultou para a música infantil galega. "Era un momento no que case non había nada de música para nenos en galego. Tivo moita repercusión", asegura.

A ese traballo seguíronlle moitos outros. Toc Toc e Xente miúda moita fartura engrosaron unha carreira musical que Díaz comezaba aos cinco anos no ámbito da música tradicional e que, logo de varios grupos e proxectos de folk, desembocaba no panorama infantil coa paternidade. "Tiña nenos, pero non música que poñerlles. Non había nada específico en galego, e que falase das nosas tradicións", lembra o músico, incidindo na importancia de que "a nosa cultura se reflicta" nas melodías para nenos e de que estes "teñan cousas propias" que lles sirvan ademais para traballar nas aulas.

O panorama agora, conta, é ben distinto. "Grandes grupos e artistas" como Magín Blanco achegáronse aos máis pequenos, un público ao que moitas veces non se lle fai a xustiza que merece. "Inténtanse facer cousas con ñoñería, e non se trata diso. Os nenos son un público intelixente e con criterio, o contido ten que ser interesante", di Díaz, que segue traballando, entre actuacións e clases de baile, gaita e pandeireta, en fórmulas para entreter e ensinar aos pequenos a través da música.

Dentro de pouco, o coruñés vai sacar unha peza "sobre as emocións infantís" en colaboración coa Fundación Meniños. Tamén está a preparar dous novos traballos, un "máis simple" para nenos máis pequenos e outro "máis elaborado", que sairán aproximadamente de agora a un ano e medio. Entremedias, o compositor non descarta volver a contribuír ao traballo de Marina Bollaín, nin chegar a colaborar con ela dalgún outro xeito. "Sería precioso. Tamén que o espectáculo viñera a A Coruña. É unha proposta infantil moi potente, tanto a nivel teatral como musical", conclúe.