Da man da ONGD Implicadas no Desenvolvemento, a activista feminista haitiana Caridade Valcourt mantivo onte, na biblioteca de Os Rosales, un encontro con mulleres galegas que exercen a actividade política, quería coñecer a súa realidade mais tamén poñer a súa diante dun espello para compartila. Hoxe visitará Compostela, para dar unha conferencia sobre o movemento feminista en Haití.

- Como empezou a súa loita no eido feminista no seu país?

-Desde pequena xa me empecei a decatar de que había diferenzas entre rapaces e rapazas e iso intrigábame porque non as entendía, por exemplo, os nenos podían saír á rúa a calquera hora e eu non. O momento definitivo foi cando fun á Universidade e fixen un curso de antropoloxía cultural. Tiña que facer unha investigación cunha compañeira, decidimos afondar na percepción das mulleres haitianas sobre os movementos feministas. Entrevistabamos mulleres de todo tipo. Unha delas foi unha rapaza de 23 anos que nos dixo que nunca escoitara falar de tal cousa, que non sabía que era iso do movemento feminista. Isto deixoume tan sorprendida que me deu o pulo definitivo para investigar, descubrir máis cousas e divulgalas e facerme activista.

- Que importancia ten en Haití o movemento feminista?

-O movemento feminista haitiano ten unha historia moi longa, pero se falamos dunha organización máis formal, temos que ter en conta o ano 1934, que foi cando se creou a primeira organización oficial feminista, que é a Liga Feminista Haitiana. Foi o momento no que o que eran só grupos illados de loita feminista se uniron nunha fronte común e que, xa no ano 1950, conseguiu o voto das mulleres.

- Visitando Galicia e outros lugares, considera que os problemas da muller son os mesmos en todos os países ou hai grandes diferenzas dependendo das culturas e dos lugares?

-No encontro que tiven con mulleres na Coruña vin moitos puntos en común con Haití, por exemplo, a reticencia que adoitan ter as mulleres á hora de participar na política por obstáculos que se repiten sempre, como a carga do traballo doméstico e os coidados, que implican falta de tempo, a falta de recoñecemento da súa valía por parte das organizacións políticas á hora de participar nas estruturas e unha invisibilización total das súas capacidades. Un aspecto diferente que atopei aquí foi que, en Haití, se traballa con grupos de axuda mutua [a mesma metodoloxía que utiliza Implicadas no Desenvolvemento], que é un xeito de empoderamento das mulleres rurais e aquí iso non existe. [Hai máis de 6.000 mulleres organizadas en grupos de axuda mutua, que dan unha base de traballo de transformación social moi sólida da que carece Galicia, segundo apunta a escritora e membro de Implicadas no Desenvolvemento, María Reimóndez, intérprete na conversa con Valcourt].

- Que cre que pasará no futuro co feminismo, porque algunhas veces parece que deixa de avanzar e mesmo que retrocede?

-Os dereitos das mulleres nunca son definitivos, pódense conseguir, pero con que haxa un cambio de goberno ou unha situación política adversa, xa desaparecen. É unha loita permanente, porque os dereitos das mulleres sempre están en cuestión, así que, os movementos feministas nunca poden deixar de loitar.