O orientador escolar e especialista en ciberacoso Javier García Barreiro, que exerce no instituto Johan Carballeira de Bueu (Pontevedra), participará este xoves 9 de novembro no congreso Mocidade e consumo. Novos retos nunha mesa redonda sobre fracaso, acoso e convivencia escolar. Antes, profesionais sanitarios falarán sobre sexualidade. As xornadas comezan este mércores, na sede de Afundación (Cantón Grande, 8), e tocarán temas como o consumo na adolescencia e os trastornos alimenticios, o xoves. A actividade rematará o venres, con charlas sobre alcol e drogas e o uso de internet e as redes sociais.

- As novas tecnoloxías, son un aliado para o acoso escolar?

-A miña idea é que hai usos negativos da rede que fan tanto adolescentes como maiores, pero tamén os hai positivos, porque estas ferramentas serven para empoderar as persoas, para facelas máis visibles e até para transformar a sociedade. Os mozos e mozas participando na rede poden cambiar as cousas, poden coñecer plataformas como change.org, facer memes ou gifs contra as mensaxes negativas que lles cheguen ás súas redes sociais e reaccionar contra as mofas e as agresións, non ser pasivos.

- Ás veces cúlpase aos nativos dixitais de seren só 'activistas do click ' precisamente por iso, por dar un 'gústame' e nada máis.

-Ser nativo dixital non implica ser competente dixital, non significa saber facer un bo uso das redes sociais, así que, o dos activistas de sofá é só certo en parte. Para eles internet é o seu espazo natural, como para os nosos avós a taberna ou para nós o parque.

- É un problema o feito de que os fillos coñezan máis este medio que os pais?

-Hai unha frase que di que as familias non temos que saber moito das redes sociais, pero si que temos que estar interesadas nelas. Cando os nosos rapaces antes marchaban xogar ao parque, queriamos saber con quen se relacionaban e que facían, agora ómpre facer o mesmo na rede. Temos que acompañar e non abandonar ao neno para que non teña unha exposición en solitario ás redes sociais. O valor da familia sempre foi educar en valores, así que os rapaces teñen que construír bos valores morais para, despois, trasladalos ás redes. Se no mundo offline educámolo para non insultar, non maltratar, non discriminar... iso vaino transferir ás redes sociais.

- Pero a xente non se comporta igual nas redes que en persoa, como se fose outro mundo.

-Para os adolescentes non é outro mundo, quizais para os adultos si. Eles teñen unha identidade híbrida e é certo que as redes teñen o poder de que as ofensas cheguen a máis xente e que carecen de claves emocionais e iso axuda... Cando retuiteo unha imaxe ofensiva non estou vendo a reacción do outro, non vexo que lle fago dano e é moi doado compartir a ofensa. Iso fai que fenómenos como o ciberbulling sexan máis graves. Co bulling os rapaces van á súa casa e están seguros, pero as redes non paran. Un estudo da Universidade de Oviedo di que o risco de padecer ciberbulling é un 14,7% máis alto na poboación que sofre acoso, porque as redes son un espazo natural para eles. Se se meten con ela ou con el na escola seguirán facéndoo no WhatsApp ou no Instagram ou noutra rede social.

- A prohibición de estar nas redes sociais, é unha boa solución?

-Non o é a medio prazo, porque as redes sociais e internet viñeron para quedar, así que hai que aprender a usalas e educar nos valores morais e nas habilidades de vida que fan que unha persoa estea protexida; ademais, non se pode educar no medo. A Organización Mundial da Saúde xa sinalou os valores que fan que non nos metamos en drogas e non son outros que a empatía; neste caso sería tamén a empatía virtual, a que nos permita poñernos no lugar do outro, o autocoñecemento, a resolución pacífica dos conflitos, a autoestima, a tolerancia... Hai estudos que conclúen que estas habilidades de vida son as que permiten unha auténtica prevención tamén no ciberbulling. Hai pautas para as familias, como que os rapaces que levan o teléfono á cama teñen máis risco de que fagan un uso problemático de internet. Nas familias que teñen menos coñecemento da rede, hai máis risco de ter un menor vítima ou acosador.

- Falamos de adolescentes, pero hai grupos de WhatsApp de pais e nais...

-Si, porque ninguén os educou para usar esas ferramentas. As redes sociais teñen un efecto desinhibidor, baixo un aparente anonimato dinse cousas que non se deberían dicir, así que tamén os adultos debemos aprender e aplicar eses valores morais que temos na nosa vida offline.

- Cos móbiles e as redes sociais, hai estratexias para combatir a súa mala utilización?

-É todo unha cuestión de hábitos e de determinar cando esas tecnoloxías non deben estar presentes porque interrumpen relacións da vida real, tanto os mozos como os adultos. Cantos pais están co móbil cando os rapaces están reclamando a súa atención... No caso dos menores, está comprobado que facer deportes federados reduce o risco do uso problemático de internet, porque teñen uns horarios pautados.

- O ciberacoso vai a máis ou é que agora somos máis conscientes da súa existencia ca antes?

-Acoso escolar hai o mesmo de sempre, pero afortunadamente, agora a sociedade está máis concienciada. No caso do ciberacoso, canta máis exposición ás redes sociais, máis risco haberá, porque non se relacionan axeitadamente.