- Hai lugares da cidade nos que se cometen infracións de tráfico que están xa case incorporadas á condución, en que zonas se cometen máis erros deste tipo?

-Por toda a cidade. Nos datos de 2016, que teñen continuidade no 2017, as denuncias máis sancionadas son as estáticas, as de estacionamento. O maior motivo de denuncia é por aparcar en beirarrúas e zonas peonís. A nivel de denuncias doutro tipo temos por velocidade, desde o ano 2015 movémonos entre 350-450 controis anuais. No ano 2015 houbo 1.461 denuncias, no 2016, 1.281 e, este ano, con menos controis realizados, a finais de outubro tiñamos xa 1.430 denuncias. O segundo motivo polo que máis se denuncia aos vehículos en movemento é por falar polo móbil e, o terceiro, por non respectar os semáforos.

- Ampliar a zona 30, como se dixo que se ía estudar, é unha solución para a mobilidade e a seguridade da cidade?

-Iso ten que ver cunha política de mobilidade sostible e calmado de tráfico para rebaixar o número de vehículos privados que circulan pola cidade, pero aquí cóstanos moito. Hai moitos exemplos satisfactorios, como Pontevedra ou Oviedo, ao principio a xente quéixase, pero despois afaise. Falábase de baixar aínda máis a velocidade no ámbito urbano, de 50 a 30 e incluso a 20 quilómetros por hora. A nivel peonil e ciclista ten moitas vantaxes, a nivel usuario cómpre cambiar de mentalidade.

- Inténtase que sexa máis doado ir andando, en bicicleta ou en transporte público que no vehículo privado?

-Si, e non só iso, senón a nivel de aparcamento e de seguridade. Un dos nosos obxectivos como Policía Local é baixar o número de atropelos que se producen na cidade. O límite de velocidade interfire na lesividade, a 50 quilómetros por hora hai un 70% de posibilidades de sufrir lesións graves, se o atropelo se produce a 60 quilómetros por hora, falamos xa de risco de morte nun 70%; a 30, o risco de sufrir lesións graves está por debaixo do 20%, pero iso é unha política de mobilidade, que responde a unha tendencia estatal. Son políticas que funcionaron xa noutras cidades e que implican un cambio de mentalidade.

- Os peóns tamén cometen infracións ao se desprazaren pola cidade?

-Si, e os ciclistas e os motoristas... Facemos menos controis e o volume de denuncia é menor, aínda que facemos campañas de concienciación. Hai cidades nas que xa hai sinalización no chan para que os peóns vexan os sinais ao cruzar se van co teléfono, porque os despistes son masivos. A nivel de ciclistas é moi habitual circular con auriculares, xa sexa con música ou falando, esquécense de que son condutores e que non poden levar cascos. Nós temos un equipo ciclista que se encarga de que en lugares como o paseo marítimo, a convivencia sexa boa entre peóns e ciclistas e que cadaquén vaia por onde ten que ir, sen molestar aos demais.

- Hai enfrontamentos tamén nas beirarrúas, porque hai ciclistas que non circulan pola estrada, iso tamén se vixía?

-É un tema de conviviencia, educación vial e civismo. Partimos da base que nos dá a normativa, que di que as bicicletas non poden ir polas beirarrúas. Ás veces xorden conflitos porque as beirarrúas son estreitas e, ou pasa o ciclista ou o peón. Coa ampliación do carril bici imaxinamos que baixarán as queixas por este motivo. Os ciclistas dinnos que teñen problemas, sobre todo, os que residen pegados á cidade pero tamén fóra dela, por exemplo, en Santa Cristina ou A Corveira, que non teñen carril bici e, ás oito da mañá, non poden ir por Alfonso Molina porque o risco de sufrir un accidente é notorio, coa densidade de tráfico que hai e o estrés da circulación.

- As infracións, son sempre as mesmas ou hai algunha que cobre maior protagonismo estes anos?

-As denuncias de móbil levan varios anos no mesmo nivel, a pesar de que xa os levan de serie os coches, outras, porén, baixaron moito, como as do cinto de seguridade, máis do 95% dos usuarios usa o cinto; ou o casco nas motos, agora é estrañísimo ver a alguén circular sen casco.

- A dobre fila provoca que se cometan máis infracións?

-Si, ese minutiño de deixar o coche aparcado en dobre fila pode até inutilizar un carril e provocar que un vehículo teña que facer una manobra subitamente, como invador o carril contrario ou dar marcha atrás, que pode prexudicar a circulación doutros vehículos e ocasionar colisións.

- Quen son os que máis imprudencias cometen deste tipo?

-En zonas como a ronda de Outeiro, por exemplo, onde están prohibidos case todos os xiros á esquerda, quen comete infracións non son persoas que se despistan senón veciños que, por aforrar tempo, collen o camiño máis curto. Tamén os pais que van deixar os nenos ao colexio, pensan que é "un minuto", pero sempre é máis e iso paraliza o tráfico. Nalgúns colexios colaboramos para correxir ese hábito e noutros deixamos convivir porque, se non, podemos crear un problema maior. É un tema pendente, porque hai demasiado uso do vehículo particular. Despois hai outros lugares, como o Materno, no que, a determinadas horas, tamén se producen infracións.