Logo de trece anos á fronte da asociación veciñal de Eirís, Suso Prado deixa a primeira liña, aínda que asegura que non marcha "nin aburrido nin escapado", así que, espera que o día 23, cando formalice a renuncia, se presenten moitos candidatos a sucedelo no posto e que sigan loitando polo barrio. El avanza que prestará consello a quen queira pedirllo.

- Deixa a presidencia logo de trece anos, era un paso que tiña xa pensado ou veu acelerado polo conflito cos veciños coa paralización do proxecto Mi Casita ?

-Isto xa o tiña pensado hai máis de catro anos, pero como é un barrio que está en pleno desenvolvemento funno aprazando e non daba deixado. Agora que parece que está a cousa máis tranquila, decido dar paso a outra xente.

- Que balance fai destes trece anos, quédalle un bo recordo?

-Si, porque se traballou moito. O balance é positivo porque eu sempre tiven o apoio dos veciños. Nos trece anos que levo como presidente, nunca convoquei unha manifestación, nunca saquei á xente á rúa, porque sempre busquei acordos e consensos. Iso é moi difícil, sobre todo nun barrio como Eirís, no que se desaloxou todo o parque, todo o ofimático. Iso é algo que me dá orgullo porque cando o veciño ten que dar a cara pola asociación, sempre a dá. Non se pode facer manifestacións sen intentar antes chegar a un acordo coa Administración. Ese, eu penso que ten que ser o último recurso e foi o que fixemos nós con todas as obras que se fixeron aquí. Eu levo mellores recordos dos que parece.

- Por que?

-Porque cando collín a asociación de veciños tivemos que loitar pola obra de tapar o túnel que partía Eirís en dous. Iso foi moi duro e tivemos que loitar moito, pero aí contaba co apoio do alcalde Francisco Vázquez e do enxeñeiro municipal e, ao final, conseguiuse e, enriba, hai un parque infantil e un aparcadoiro de coches. Liberáronse 6.000 metros cadrados de parque que ían quedar coma un burato. Esa foi a primeira satisfación que tiven.

- Para vostede é o parque o orgullo do barrio?

-Son case 100.000 metros cadrados de verde, pero cando eu collín a asociación xa case estaba rematado. Eu o que sufrín foi o acondicionamento, porque quedaban cousas sen facer, aínda agora hai cousas que pedir. Agora fíxose unha reforma moi boa na cúpula e no estanque, pero a ver se se puidesen reconstruír un pouquiño máis as ruínas do castillo Valparaíso, necesita máis randeeiras... O deber dunha asociación é pedir.

- Como lles afectou o desenvolvemento do ofimático e levar tantos anos de espera e de obras?

-Cando eu empecei, aínda estaban comprando os terreos á xente para facer o parque ofimático. Iso foi un cúmulo de erros, que algún día terán que explicar os políticos, pero quen máis o sufriu foron os veciños. Nós estamos esperando como auga de maio que se recepcionen os viais para poder cambiar a calidade de vida de Eirís de Abaixo, porque levan sufrindo sete anos, teñen que dar rodeos para chegaren ás súas casas, teñen un mal servizo porque non están os camiños adaptados... Agora esperemos que vaia todo adiante. Así como noutras cousas discrepo co Goberno municipal, neste caso teño que dicir que lle está a poñer moitas ganas.

- Nestes trece anos pasaron moitas cousas, como os realoxos de Penamoa no barrio ou ultimamente o rexeitamento dos veciños a Mi Casita , como os viviu?

-Eu tiven a sorte de estar na comisión de integración de Penamoa e coñecía moi ben o que se ía facer con eles. A asociación foi moi criticada por outras asociacións e por partidos políticos, incluso houbo manifestacións que pasaron por diante da miña casa tendo á cabeza a un presidente que despois foi concelleiro, dixéronse moitas mentiras sobre os realoxados. Aquí non houbo problemas como noutros barrios. É certo que, nun bloque de máis de cen vivendas sempre pode haber alguén que non se comporte ben, pero non ten por que ser o de Penamoa quen o faga. Aquí había catorce chabolas e as familias foron realoxadas, tamén se realoxou á xente que vivía nunha zona de casas que se tiraron que se chamaba O Cácharo. Eu entendo que toda a xente que veu comportouse ben, con respecto cara ao barrio. Cando viñeron para aquí, os nenos no parque facían grupiños e non se mesturaban. Agora vas e non sabes quen naceu aquí e quen veu realoxado porque xogan todos xuntos. Hai máis distancia entre os pais, pero eu entendo que dentro duns anos, xa non pasará isto e que haberá unha integración total.

- Pois con Mi Casita os veciños non estaban nada contentos...

-O día máis feliz da miña vida na asociación de veciños foi cando me chamaron para dicirme que se aprobara tapar o túnel de Eirís e o máis triste foi cando viñeron o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, presentar o proxecto de Mi Casita e os veciños lle deron un rexeitamento total. Paseino fatal aquel día, porque non tiñamos que ter chegado a ese extremo e eu intenteino, pero non me escoitaron. Non o pasei mal por min senón pola imaxe que se deu do barrio. Eu penso que as asociacións non poden estar en contra dos gobernos municipais, igual que os gobernos teñen que estar para axudar ás asociacións.

- Pero iso non sempre pasa.

-Todo aquel alcalde que non estea coas asociacións de veciños é alcalde unha vez pero non volve. Negreira non atendía ás asociacións de veciños e mira...

- Fomentou a creación das entidades de veciños e comerciantes e falaba con elas.

-Por desgraza. Facía asociacións politizadas. Esas son as que acaban coa credibilidade dos veciños cara ás asociacións. Unha asociación non se pode politizar, ten que ir ao Concello ou onde toque para defender aos veciños e non a un partido político.

- Agora que deixa o cargo, que lle gustaría que fixese a nova directiva?

-Gustaríame que seguise loitando polo barrio como se fixo até o de agora. Eirís é un barrio moi complicado, porque mantén partes rurais, como A Calexa. Se chega a ser polos promotores, estas zonas non existirían, pero Javier Losada, durante o seu mandato, non o permitiu. Co ofimático hai moito que pelexar co Concello, porque hai que integrar Eirís de Abaixo e hai que facelo ben, tamén cómpre entroncar o ofimático co Monte de Mero e coas casas do Foxo, que están detrás de Maristas.

- A asociación de veciños respira tranquila, agora que se paralizou o proxecto do museo do automóbil?

-No parque de Eirís a min non me gustaría que se instalase, hai varias parcelas de equipamentos dotacionais públicos e a min gustaríame que se destinasen ao ámbito sanitario e ao educativo, por exemplo, ao alzhéimer, ou para as enfermidades raras...

- E vai seguir na loita ou retírase definitivamente do movemento veciñal?

-Eu estou aquí para axudar no que a nova directiva necesite. Eu nin marcho escapado nin aburrido, pero hai que dar paso a outra xente.