Amorte só chega unha vez, pero hai algunhas que se senten en varios momentos da vida. E hai noticias que un nunca querería escoitar, e moito menos dar. Que morreu Ángel Gómez Hervada non o saben por min, porque a noticia correu o luns pola cidade como unha nortada que xeaba o corpo e os corazóns. Pero dóeme cada tecla que premo como se estivese anunciando o seu falecemento con cada unha. Tampouco lles vou explicar como era a moitos de vostedes que xogaron de nenos, estudaron ou traballaron con el. Só dicirlles, como non sei se atinei a dicir, coa voz crebada, cando me chamaron da súa emisora, que a xente de Radio Coruña, e nesa categoría inclúo á súa audiencia, tivo moita sorte de ter a Anca como director, algo que non se pode dicir de moitos, e menos nestes tempos. Sorte porque é raro atopar a alguén que defenda aos seus, aínda que logo merezan unhas palabras de portas para dentro. Non é moi habitual hoxe en día un xefe que teña claro que, por moitos compromisos que haxa, o principal é co público, e no caso de Anca, o compromiso tamén cunha tradición case centenaria. E menos corrente é aínda, non necesitando arriscar nada, apostar máis dunha vez por proxectos e xente que outros medios nunca apostarían.

Anca era unha persoa á que sentía cómplice no persoal e no profesional, por moito que nos separasen unha chea de cousas. Desas persoas coas que estás a gusto e, o que é máis raro, sabes que están a gusto contigo. Escéptico, como todo aquel que sabe como funciona o mundo, pero sempre alegre e nunca resignado a que as cousas fosen como eran.

Cada vez que se vai alguén temos a sensación de que non lle demos todo o cariño e a atención que merecían. A última vez que pasei pola emisora, e de paso preguntei se estaba o xefe, Julia díxome que non cunha mirada que naquel momento debín interpretar mellor. As últimas veces que falei por teléfono con Anca foi: un deses cruces de chamadas que rematan en deixar recado ou nos contestadores automáticos, onde sempre acabo dicindo, como cita irónica: "Lo nuestro es imposible". No contestador de Anca debe estar un deses "lo nuestro es imposible", aínda que en realidade gustaríame que fose un "fue bonito mientras duró". Foi un pracer coñecerte, Ángel.