María García, concelleira de Medio Ambiente, demanda unha análise rigorosa das medicións medioambientais. Recoñece que as superacións dos límites contaminantes na atmósfera que se rexistran na cidade non son reiterativas e malia que é máis habitual que respeten aos límites legais defende un traballo continuo por mellorar a calidade do aire. Para iso aposta polo plan de acción municipal que terá ese obxectivo, e tamén polo uso moderado do vehículo privado, sen ter que chegar a medidas máis limitadoras como as que se toman en Madrid.

- Preocúpanlle ao Concello os datos que amosan unha superación dos niveis contaminantes no aire da cidade, dos que da conta Ecologistas en Acción?

-Ao repasar os datos técnicos do departamento de Calidade Ambiental da Concellaría non se rexistran superacións nás áreas de medición municipais. A Xunta, que é competente sobre a calidade do aire industrial, ten outras redes de medición. Ecologistas en Acción sabe que a estación situada na contorna da Torre de Hércules da anomalías nas medicións ao estar influida polo aerosol mariño e non medir tráfico motorizado nen contaminación industrial. Eu diría que non está a haber unha situación de emerxencia con superacións continuadas ou reiterativas dos límites de contaminantes no aire, pero temos que avanzar en que a calidade do aire mellore aínda que se respeten os límites legais.

- Mais a circulación rodada e a actividade industrial son importantes factores de contaminación.

-É evidente para todo o mundo que o tráfico e a industria producen polución e aí temos moita marxe de mellora todos. Eu discrepo cos datos que poden alarmar sen ter unha análise pormenorizada de a qué se deben os niveis rexistrados. Os informes ecoloxistas son valiosos porque nos obligan ás administracións a reflexionar e a acelerar, e tamén fanlle ver á poboación que se pode deixar o coche na casa.

- Estes días foise máis aló do límite nunha ocasión e houbo unhas trinta superacións no conxunto do ano. Que hai que propoñer aos veciños desde a área de Medio Ambiente? Só restrinxir o tráfico?

-O primeiro que temos que facer é agradecer a Ecologistas en Acción a labor de pór enriba da mesa todos os anos este tema. Pero fago un chamamento para que os datos sexan analizados con rigor. Certo, pode haber máis superacións pero teñen que ver coa forza do mar. Qué medidas? Non estamos nuncha situación de emerxencia pola que teñamos que tomar medidas como as da limitación do tráfico que tomou Madrid. Estamos a traballar a longo e medio prazo en diminuir o tráfico na cidade: co carril bici, cun plan de transporte coa área metropolitana, en mellorar moitísimo a condición do transporte público cos concellos da comarca, en áreas peonís, na expansión do arborado...

- Que se lle hai que pedir tamén á industria e o Porto?

-Lle temos dito á Autoridade Portuaria que convoque o foro ambiental para nós tamén poder explicar á poboación que se está a facer ben e que se fai mal. Nós, nas redes de medición da calidade do aire, non detectamos episodios significativos de polución, mais hai que ter en conta que se miden parámetros como as partículas de determinado tamaño ou determinados compostos químicos. Dependemos do Porto e das competencias autonómicas. En tres anos non se convocou foro ambiental e entendemos que a información ten que circular mellor.

- Di o Concello desde hai tempo que está a traballar no Plan de Acción da calidade do aire. Cando estará rematado?

-O plan tenta mirar se hai que cambiar as ubicacións das estacións para ter mellores medicións, traballa en protocolos que entrarían en vigor en situacións de emerxencia, se cadra como en Madrid, cando as superacións de partículas son reiterativas e sistemáticas dos niveis da calidade do aire, en protocolos de comunicación... Din os técnicos que é posible que esté listo antes do remate do ano, pero non me quero coller os dedos. Hai xa moito traballo feito por parte dos técnicos. Seríamos das poucas cidades que teñen este plan de acción, e terá que haber coordinación co Goberno autonómico.