Oito grandes voces da música galega danse cita esta tarde en Hemisferios, a gala encargada pola área de Cultura da Deputación que loitará, a través de cancións de moi diversos estilos, pola igualdade entre sexos e o empoderamento da muller. O concerto, que dará comezo ás 20.30 horas no Teatro Colón, está enmarcado no Día Internacional contra a violencia de xénero que se festexará mañá, e terá como protagonista o tema composto este ano pola cantautora Alba María con motivo do Día da Muller.

A canción, que da nome á gala, será a que peche o espectáculo. Por el pasarán artistas da cidade como Silvia Penide e Carmen Rey, e outras nadas ou vinculadas a Galicia como Uxía, Pilocha, Belem Tajes, Ugia Pedreira e Sonia Lebedinsky. A cantante Alba María, condutora do ciclo de concertos, abrirá as actuacións con improvisación e unha canción do seu repertorio, ao que seguirán un tema do resto do elenco participante, caracterizado pola diversidade a todos os niveis. "Somos oito cantoras moi heteroxéneas, de distintos estilos e idades", conta Alba María que, con tan só 22 anos, é a máis nova entre as participantes.

O tema co que iniciará Hemisferios é, como os resto dos títulos, unha das sorpresas da gala, que tamén contará con artistas invitados. A condutora do espectáculo adianta, porén, que as verbas das cancións do show falarán de "mulleres que se atreven a dicir que non e que transcenden ao longo dos séculos", e que cristalizarán na interpretación conxunta do tema composto por Alba María polo 8 de marzo. "Fala da diversidade, da conexión coa natureza e da consciencia de nós mesmas", explica a cantora, que escolleu o nome de Hemisferios porque "é aquilo que separa dúas metades".

Poder cantar o tema xuntas, por primeira vez nun escenario, enche de emoción e expectación ás artistas, coas que a gala irá da música galega o jazz e o folk. As participantes estarán acompañadas dunha banda de músicos e dos arranxos de Xosé Manuel Díaz, que completarán o conxunto de actuacións producidas pola Central Folke.

O espectáculo estrearase na Coruña, pero a cantora viguesa agarda poder levalo a outros enclaves no futuro. Alba María considera que "as cancións son unha boa vía" para "potenciar o empoderamento" da muller, que sofre aínda o peso dunha realidade "machista". "A sociedade trata de culparnos moitas veces, o vemos por exemplo na rapaza á que culpan despois de que a violaran", di a cantante, en referencia á vítima de 'La Manada'.

A invisibilidade das inxustizas que viven as mulleres polo seu xénero, e que comezan aínda agora a desvelarse no mundo artístico en ámbitos como o da interpretación, os atribúe a compositora á educación, unha das causas da discriminación da muller. "Non nos educan para liderar ou decidir. A sociedade machista crea mulleres machistas e, se as mulleres son machistas, alimentan esa sociedade. É un círculo do que é moi complicado saír", afirma.

A compositora quere, a pesar diso, "ver as cousas en positivo". A mesma realidade que é hoxe un problema, di a cantautora que pode converterse, con outro plantexamento, no camiño cara a igualdade de xénero. "A esperanza está na educación dos pequenos, para que vexan que o feminismo é unha procura da igualdade de todos e todas", asegura Alba María, contenta de que "cada vez máis persoas estean collendo consciencia e actuando".

Entre elas, ela mesma. Ademais da gala, coa que quere demostrar "a forza das mulleres cantoras e de todos os ámbitos", a artista está a traballar nun nunha serie de obradoiros de improvisación oral para escolares, vinculados á igualdade de xénero. "É unha ferramenta para a rapazada. Para que, a través das palabras, intenten cambiar a sociedade na que viven", conclúe.