A cidade é auga e agocha auga. A toponimia amosa esa pegada, aínda que xa non se poidan ver os regatos correr. A Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, coa colaboración do Concello, organizou esta semana unha xornada para coñecer os pequenos espazos húmidos da cidade, en especial, as charcas e para saber como recuperalas.

Son uns enclaves que, segundo explica o biólogo e coordinador do Mapa da Biodiversidade da Coruña -elaborado polo Grupo Naturalista Hábitat para o Concello-, Cosme Damián Romay, son máis eficaces para a fixación de dióxido de carbono que as propias árbores. Así que, avoga por crear máis espazos deste tipo que son, aínda que non o parezan, moi ricos en canto ás especies que albergan.

E por que son tan efectivas as lagoas e charcas contra o dióxido de carbono? Romay explica que é polas algas que nacen nelas de maneira natural como especies autóctonas, que precisan de dióxido de carbono no seu proceso de formación. Fixan o gas que é o responsable do efecto invernadoiro que causa o quecemento global. Esas algas, cando morren, convértense en lodos que van parar ao fondo da charca e que dan paso a outros novos exemplares.

Cómpre desbotar a idea de que as charcas só se crean de maneira natural, de que están cheas de mosquitos e de que non son produtivas, porque o estudo da súa actividade amosa unha realidade totalmente diferente. Son charcas as fochancas que hai nos prados da Torre de Hércules que, a principios desta semana estaban completamente secas, pero que agora comezan a recuperar parte da súa humidade. Tamén é unha charca o estanque que ten a fonte do parque de Eirís ou a lagoa que se formou de xeito natural nun dos solares nos que a antiga Caixa Galicia proxectara construír dúas torres de edificios similares ás de Someso. Hai tamén até sete charcas no campo de golf da Zapateira, pero a xerencia non permitiu a este xornal que accedese ás instalacións para ver que especies crían nelas, alegando que é "un club privado". E hai unha que, a propósito, fixo a Universidade da Coruña no Campus da Zapateira para "compensar" que, coa construción das facultades, se perdesen tantas masas de auga na zona. Para construílas correctamente cómpre que teñan como unha cubeta ben illada con arxilas, cemento ou plástico debaixo da terra para garantir que a humidade non marche e así medre vexetación acuática e as aves, anfibios e insectos as tomen como un punto de referencia, tanto para vivir como para visitar ocasionalmente.

O Grupo Naturalista Hábitat propón que se estendan as medidas compensatorias, aínda que se teña que utilizar auga da traída para manter a humidade das foxas que sofren máis a seca, e que se interveña nos espazos que usan a auga como un elemento ornamental para que sexan fonte de vida.

Iso implica botarlle unha pequena man á natureza para que siga o seu curso. Cosme Damián Romay fala, por exemplo, de suavizar os bordes dos estanques que están cortados formando un ángulo de 90 graos, para que conten cunha caída máis suave até chegar á auga e que, tanto polo ben dos animais que viven nese enclave, como das persoas que van visitalos, que estean valados.

Iso impide, entre outras cousas, un dos males que afectan aos habitantes das lagoas, que é que os veciños liberen na natureza os peixes de cores que teñen na casa ou as tartarugas de Florida, cando xa non poden coidar deles ou cando se cansan delas. Son especies invasoras que acaban por aniquilar ás autóctonas. O valo impide tamén que os cans irrumpan nestas zonas nas que decote crían as aves.

Nas charcas da cidade hai insectos acuáticos, pero tamén se poden ver patos choupóns que foron ceibados na lagoa de Eirís ou patos reais e garzas reais salvaxes, que recalaron neste espazo e algún que outro híbrido de pato castaño, unha especie, a do pato castaño, que, en estado silvestre, está en perigo de extinción en España e até unha parella de galiñolas, que é a primeira que aniña na Coruña.

Estas charcas, segundo explica Romay, son tan ricas en diversidade como os bosques, porque hai tamén libeliñas, bolboretas, ras e réptiles que acoden a estes humidais e alí atopan o seu espazo natural. Hai vida, incluso, cando secan, xa que o que está debaixo da terra dunha lagoa non está morto; acubilla ovos e larvas de libeliñas que, cando a charca se volve encher, permite que nazan estes exemplares soterrados.

Entre todas as especies que se poden ver nas lagoas da cidade destaca a ra das veigas, que é "a que mellor conseguiu adaptarse á urbanización da Coruña", parte do seu éxito e de que apareza case en cada recuncho con auga doce da cidade é que non precisa unha gran cantidade de fluído para se poder reproducir.

Para o Grupo Naturalista Hábitat é importante tamén fornecer dun espazo tranquilo aos animais e poñer en marcha pequenas actuacións que faciliten que os animais se reproduzan e que fagan das charcas da cidade unha parada obrigada nas súas longas xornadas de migración ou un destino fixo no que quedar para sempre.

Unha desas medidas estase a desenvolver xa nas inmediacións da Torre de Hércules, e consiste en non segar toda a vexetación como se o chan fose unha alfombra verde, senón en deixar irregularidades e matogueiras para que as aves teñan un espazo que responda ás súas necesidades de alimentación e de abrigo, tamén nos bordes das charcas. Esa filosofía chegou á Torre, mais non ao monte de San Pedro, que loce coma un campo degolf, coa herba moi cortadiña.