Proxecto Cárcere reivindica que a antiga prisión provincial ten que ser un espazo compartido, un lugar de creación e de entendemento. Aínda non saben cando rematarán as obras de rehabilitación e, polo tanto, cando poderán entrar e facer a súa primeira asemblea, pero os seus membros aseguran que o éxito neste primeiro ano estará en que se usen as instalacións logo de sete anos pechadas.

- Como afrontan esta nova etapa en Proxecto Cárcere, a da xestión do espazo da antiga prisión provincial, agora que xa está máis preto a entrada no recinto?

-De momento aínda non temos data de entrada, porque as obras sempre se retrasan. Agora estamos nun proceso de adaptación. Proxecto Cárcere é un grupo grande, aínda que ultimamente eramos pouquiñas persoas, e tamén estamos a recibir propostas en firme de persoas e de colectivos que queren participar. Estámonos empezando a reunir para falar dos espazos que hai e sobre como poden convivir os proxectos que vai habendo. Houbo unha reunión e proximamente haberá outra de persoas técnicas de Proxecto Cárcere, como arquitectas ou enxeñeiras para tratar co Concello o tema da accesibilidade. Non sabemos até que punto estaba contemplado nas obras contratadas, pero a nós parécenos vital que, calquera persoa, desde o principio, poida entrar na prisión de maneira autónoma.

- Seguen as obras de acondicionamento no cárcere?

-Si, xa hai unhas semanas que están a traballar dentro, non sabemos en que punto están agora.

- Este sábado compartirán experiencia con outros centros sociais autoxestionados, nas xornadas Vis a Vis, que cren que poden aprender destas entidades?

-Teremos un encontro con representantes de Casa Grande del Pumarejo, de Sevilla, Can Batlló, de Barcelona e La Tabacalera, de Madrid. Pensamos que nos poden dar exemplos de problemáticas ás que se tiveron que enfrontar, de funcionamento e tamén das solucións ás que chegaron... É unha boa oportunidade para aprender e para preguntar dúbidas, porque son unhas xornadas abertas a todo o público, así que non só participaremos as integrantes de Proxecto Cárcere nin as interesadas en facer actividades na prisión, senón que pode vir quen queira.

- Contan xa con moitas propostas e entidades interesadas en instalarse na antiga cadea ou aínda hai reticencias?

-Hai bastantes. Cando saíu a resolución da convocatoria chegaron máis de golpe e neste último mes ralentizouse o ritmo, supoñemos que cando bote a andar chegarán máis propostas porque moita xente nunca entrou e non sabe até que punto serve ou non o espazo. Ese é un dos problemas que temos.

- Que obxectivos se marcan para este primeiro ano á fronte da xestión da antigua prisión?

-Fundamentalmente, usala e que se achegue o maior número de xente posible, que haxa actividades diversas, de xente diversa e, logo de sete anos pechada, consideramos vital que a xente volva entrar e a viva como súa, porque é súa.

- A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica solicitaba instalar nestas dependencias a Oficina de Atención ás Vítimas, será un dos proxectos prioritarios?

-Non sabemos se finalmente vai ir no cárcere, pensamos que non porque a comisión ten un acordo co Concello e coa Universidade, pero si que se comprometeron a facer actividades periódicas que teñan que ver coa historia do cárcere, aínda que a oficina non se ubique alí.

- E teñen xa algunha actividade proxectada para cando poidan abrir o cárcere?

-Non temos ningunha actividade programada como Proxecto Cárcere, pero o primeiro, cando se entre, terá que haber unha asemblea aberta para poñernos a traballar, tamén unha visita para que as entidades poidan ver o espazo.

- Unha asemblea voluntaria que será o órgano de decisión, non si?

-Si, o contrato de dinamización que propuxo o Concello non ten ningún tipo de remuneración.

- A polémica creada coa adxudicación do contrato, afectoulles?

-Por unha parte, iso non determina o que facemos, pero tampouco nos gusta vernos sinalados. Cremos que se minusvalora o traballo que se fixo nestes sete anos. Esta semana emitiremos un comunicado para mostrarlle á xente o que é verdade e o que non o é do que se está falar.