A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Consellería acaba de abrir o prazo para que os centros soliciten participar no Plan Proxecta neste curso, nun total de 45 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

Do total destes programas, 36 xa funcionaron durante o ano anterior. Outros cinco son moi similares pero reformulados co fin de melloralos, en concreto Aliméntate ben, Por 365 días de respecto e igualdade, Donas de si, Educación patrimonial e Formando creador@s. Así mesmo, catro son programas totalmente novos, nomeadamente Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional; Campaña Mundial pola Educación, Apuntámonos a non beber e Liga de debate f orestal.

Cada ano concédense os Premios Proxecta aos centros educativos públicos admitidos no plan. O curso pasado foron 428 centros e preto de 91.000 alumnos. Estes galardóns recoñecen a traxectoria multidisciplinar dos centros, buscando integrar dinámicas que incentiven o emprendemento e a creatividade nas aulas, a formación en valores cívicos e sociais, o pensamento crítico, a xestión da diversidade e o traballo en equipo.