- Que supón para vostede chegar á presidencia da asociación de veciños de Eirís sucedendo a Suso Prado, que estivo trece anos nese cargo?

-Unha responsabilidade moi grande, pero non tería dado este paso se non tivese o compromiso do anterior presidente de continuar no equipo para seguir axudándonos en todo.

- A semana pasada participou vostede no Dillo ti realizado polo Concello no barrio e dixo que gran parte do barrio de Eirís aínda é unha zona rural. Nótase ese aspecto no día a día dos veciños?

-Nótase por exemplo en que a xente se queixa de pola súas rúas non pasa o varredor. Eu nunca vin un na miña rúa, e coma min dous terzos do barrio. Non temos beirarrúas e competimos cos coches cando imos por un camiño cara á parada do bus. A vida é moi diferente aquí.

- É difícil convencer ao Concello de que os veciños de Eirís tamén son coruñeses?

-Non é un problema deste Concello porque isto pasou sempre, senón do funcionamiento da propia institución, xa que presupón que todo o municipio é cidade. Cando eu era pequena e ía buscar o bonobús escolar, dicíanme que Eirís pertencía a Culleredo. Hai que ter en conta que non toda a xente vive en edificios de pisos, senón que algúns facémolo na aldea e temos horta, e queremos seguir téndoa e non vivir en edificios.

- No Dillo ti houbo moitas reivindicacións dos veciños?

-A veciñanza de Eirís sempre foi bastante reivindicativa. Suso, o anterior presidente, sempre intentou coordinar as reclamacións a través da asociación e levar as cousas de forma ordenada. Pero o problema que temos é que cando unha persoa protesta polo estado dun camiño, ás veces só da servizo a dous veciños, polo que se eles non reclaman e a asociación lles apoia, o movemento que se fai non é moito. Na rúa Lázaro Cárdenas, por exemplo, hai dúas fincas, unha municipal e outra privada, cuns eucaliptos que fan que a xente que vive alí non durma cando hai temporal por medo a que lle caigan enriba, xa que son moi grandes. Non é o mesmo o que pasa na cidade que nunha zona rural como pode ser esta, aínda que no barrio tamén temos unha zona urbana.

- Como lles afecta a proximidade do parque ofimático?

-O ofimático plantouse no medio de Eirís de Abaixo, onde derrubaron algunhas casas dos veciños e levamos anos convivindo con obras, camións e camiños cortados. Vivimos rodeados de matogueira, ruínas, ratas e serpes e cando reclamamos que se limpe, como o ofimático está sen acabar de delimitar e repartir, non hai quen se faga responsable de limpar unha finca. Unha parte do Camiño de Santiago pasaba ademais por onde está o ofimático e cambiaron o trazado porque quedaba no medio das obras.

- O alcalde anunciou a semana pasada a realización de obras de mellora da accesibilidade en Eirís de Abaixo. Cre que pode variar a situación que sofren?

-Polo menos poderemosvolver a entrar e saír de casa de forma normal e non dando voltas de quilómetros moitas veces para poder facelo. Temos esperanza de que a situación mellore porque o Goberno local polo de agora está falando con nós. infórmanos dos pasos que se van dando e consúltanos que opcións nos parecen máis viables para organizar o tráfico.

- Cal é a necesidade máis urxente en canto á mobilidade?

-En Eirís de Abaixo necesitamos unha vía de saída que libere a carga que supoñen para nós os colexios Eirís e Maristas, xa que o tráfico que xeneran provoca que a xente que vive alí non se poda mover nas franxas horarias de entrada e saída deses centros. Se abren unha vía desde os Maristas cara a Matogrande, liberaríanos e poderiamos saír de casa de 08.00 a 08.30 e de 16.00 a 16.30 horas.

- Hai algún equipamento que bote en falta no barrio?

-Para ir correr temos que ir a Casablanca e non hai ningún bus que nos comunique con esa zona e o centro de saúde está en Matogrande... Son moitas as cousas que necesitamos e non temos, xa que non temos garderías públicas coa cantidade de poboación que vai vir ao ofimático. Hai dotación de terreo para facelas, pero non sabemos cando.

- É suficiente o transporte público en Eirís?

-As frecuencias que temos son de case 25 minutos para un percorrido que dura 30, polo que son bastante insuficientes. Hai que ter en conta que os buses son dobres e a última hora da tarde van cheos, polo que si se utiliza o transporte público, e utilizaríase moito máis se houbera outras frecuencias horarias.