Os tempos nos que as asociacións de veciños influían na toma de decisións remataron xa. O movemento veciñal marcha agora por un rumbo moi distinto ao que propiciou o nacemento destas entidades de base, na segunda metade da década dos setenta, para navegar en expectante naufraxio entre o pasado e o presente.

Non hai que esquecer que na etapa da transición serviron para siglas políticas que retornaban da clandestinidade. Resulta patente que tiveron que efectuar un tortuoso itinerario a través das últimas décadas. Por un lado, deberon traballar para resituarse nun contexto sociopolítico diferente, o que produciu un certo baleiro, e por outro tiveron que aturar a indiferenza de diversos gobernos municipais que as condenaron practicamente á irrelevancia.

Mais as asociacións de veciños son esenciais para seguir representando unha posibilidade de transformación real dos barrios coruñeses. A democracia é un réxime aberto e as súas capacidades de expresión e representación non se circunscriben, en modo algún, a unha sola vía.

A existencia destas asociacións configura, xunto a outras de carácter cultural, social ou deportivo, un movemento asociativo plural e dinámico que debe ser asimilado polos gobernos municipais de turno que, en ocasións, prefiren descoñecelo porque non o controlan, aumentando así as distancias e os roxelos.

A vitoria da Marea Atlántica nas últimas eleccións municipais provocou tantas esperanzas como incertidumes para o movemento veciñal. A imaxe que deslizou na campaña electoral logrou conectar coas ilusións de múltiples e variados destinatarios: unha veciñanza literalmente estrangulada pola desaforada especulación urbanística, un tráfico exasperante, traballadores en paro, cidadáns sometidos á desoladora tiranía dun medio ambiente crecente, numerosas mulleres necesitadas dun cambio real na súa situación social e económica, pequenos comerciantes agobiados pola crise ou licenciados á búsqueda de traballo.

A cuestión de fondo, o punto central que concentra as interrogantes e as expectativas é se o tan manido cambio de cidade preconizado desde o pazo de María Pita desembocará nunha nova calidade do hábitat que engloba todas aquelas estructuras ambientais, artificiais e materiais que forman parte da vida en común e determinan as súas características.

Aínda que o seu nome pode resultar descoñecido para moitos cidadáns, quen vivimos aquela etapa non esquecemos a súa traxectoria. Marcelino Liste foi o bastión máis válido para que os barrios se organizaran a través das asociacións de veciños cun traballo incansable que lle proporcionou unha extraordinaria popularidade e respecto, mesmo por aqueles que disentían del.

A biografía de Marcelino Liste, a quen o clube de opinión Foro Cívico rende homenaxe rescatando o seu nome para promover o Premio Xustiza e Liberdade, en colaboración co Concello e coa Deputación da Coruña, reflexa que todavía hoxe, corenta anos despois, nótase a súa sombra.

Con el como primeiro presidente da federación de asociacións de veciños, estas entidades de base tiveron un papel fundamental converténdose en activas impulsoras do cambio que experimentou a cidade, principalmente no que se refire a equipamentos sociais.

Penso que é unha boa ocasión para meditar sobre o futuro das asociacións de veciños e do tecido asociativo, en xeral. Un bo momento para pedir ao Goberno municipal que teña tamén o seu momento de reflexión respecto ao feito de se substituír ás entidades consolidadas polo Dillo Tí non será unha forma de axigantar o foso entre a institución municipal e o movemento veciñal, correndo o perigo de reproducir as lacras do escepticismo dunha parte da sociedade diante da clase política.

Ese debate é hoxe máis necesario que nunca para revitalizar un movemento que aínda que se inscriba nas tradicións de axitación social da transición é preciso reclamar que non se volvan exclusivamente posibilistas e que o concepto de reivindicación siga a ser un dos sinais de identidade.