O Foro Cívico distinguiu á Agrupación Alexandre Bóveda polo seu traballo a prol da lingua e da cultura galegas co galardón Marcelino Liste. A súa presidenta, María Xosé Bravo, que onte recolleu o galardón nun acto celebrado no Club del Mar, explica que cos seus 41 anos de historia nas costas, a Alexandre Bóveda ten aínda moito que facer e moito que reivindicar. Para o vindeiro ano prepara un curso de historia local, para saber como viviu a cidade os cambios aos que foi sometida, non só históricos senón tamén económicos e urbanísticos.

- A agrupación vén de ser recoñecida co premio Marcelino Liste, que entrega o Foro Cívico, que supón ese galardón para a entidade?

-Cremos que é un premio para honrar estes 41 anos que temos. A Alexandre Bóveda nace en agosto de 1976, nese momento A Coruña e Galicia enteira eran un fervedoiro de xente que loitaba pola democracia e polo país en diferentes frontes. Foi entón cando na cidade empezaron a medrar tamén as asociacións de veciños. Marcelino Liste encarnaba moi ben aquela frase de Castelao que dicía: o verdadeiro heroísmo é transformar as ideas en feitos. El ponse con toda a forza do movemento veciñal a axudar a crear outras entidades e, nese momento, nace tamén a Alexandre Bóveda. Pero temos máis cousas en común, tamén nomes de persoas que se repiten.

- Como cales?

-A primeira presidenta da asociación Alexandre Bóveda foi Margarita Vázquez Veras, ela viña do movemento veciñal e, cando Marcelino Liste deixa a presidencia da Federación Veciñal, cóllea Margarita. Son as mesmas persoas as que loitan en diferentes frontes coa mesma idea de vencer o franquismo. Nós seguimos a facer moitas actividades en coordinación coas asociacións veciñais. É algo historico, no 1998 a Alexandre Bóveda fixo as festas en colaboración coa asociación veciñal de Monte Alto. Agora facemos actividades coa Agra, cos Castros... Nesa liña da sociocultura, da cultura que nace de abaixo e que intenta chegar a todos os públicos. O Foro Cívico falábanos de que nos recoñecía polo noso traballo actual, como polos actos que fixemos o ano pasado coas Irmandades da Fala, que non foron máis que actividades para coñecer e saber e para nos poder gabar da historia desta cidade. Aquí naceron as Irmandades da Fala, o primeiro movemento consciente nacionalista, con moitísima forza pola defensa da lingua e da cultura galegas.

- Hai outro sinal de identidade da Alexandre Bóveda, que é que sempre compartiu a súa sede con outras entidades, segue a facelo?

-Si, agora tamén hai espazos públicos que se poden utilizar e iso vén máis dunha época na que non os había, pero agora seguen a compartir espazo connosco Cuac FM e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, que até hai pouco só tiña un pequeno espazo na Universidade. Eu creo que o noso espazo é pouco coñecido nese sentido, o que nós quixeramos sería que máis xente soubese que, todo o mundo que estea a traballar a prol da cultura e da lingua galega, ten na Alexandre Bóveda a súa casa.

- Rematada xa a celebración do corenta aniversario e do centenario das Irmandades da Fala, hai novos proxectos na entidade para 2018?

-Agora estamos xa pechando un calendario dixital que empezamos a facer o ano pasado e que terá como protagonistas a doce mulleres de diferentes épocas, desde María Soliño a Isabel Barreto. Son mulleres que pensamos que son pouco recoñecidas e facemos con elas o noso calendario. A igualdade será tamén un dos eixos da nosa programación no 2018. Durante o vindeiro ano comezaremos un curso de historia local porque nos parece moi importante coñecer como foi o movemento obreiro, como medrou a cidade... Cara ao final de 2018 celebraremos o centenario da creación da primeira Irmandade Nacionalista de Lugo, que asinou o seu manifesto en 1918 e xa falaba de igualdade de dereitos entre homes e mulleres. Iso é un avance enorme, xa que houbo que esperar até 1933 para que as mulleres puidesen votar no Estado español. Para nós ese centenario non pode pasar desapercibido. Ademais disto, cómpre que non perdamos a mirada do presente, por iso fixemos este ano unhas xornadas sobre a Revolución Rusa, para volver a ela pero con ollos de hoxe, pra nos facer as preguntas axeitadas.

- Segue a ser importante actualmente o movemento asociativo na cidade ou xa perdeu a súa forza?

-Si, o movemento asociativo de base é fundamental. Vertebra a cidade e permite chegar a sitios aos que a Administración nin pode nin debe chegar, como a actividade cultural da cidade, que non pode nin debe ser feita pola Administración. Sería un erro moi grande. A cidade é un ente vivo. A coral El Eco, por exemplo, é a máis antiga do Estado, Cántigas da Terra vén de cumprir cen anos, a asociación Amigos de la Ópera é das primeiras que se crea no Estado, O Facho aínda ten máis anos ca nós, que temos 41, o propio Foro Cívico leva 25 anos de vida... Xa non se pode entender a cidade sen estas entidades, polo que significaron no pasado, mais tamén polo que fan no presente e polo papel que xogarán no futuro.