Para Carlos Pereira

Pedro Alejandro Auber é un personaxe pouco coñecido e que se asocia co nacemento da masonería especulativa en Galicia. Efectivamente, segundo as pescudas do historiador Alberto Valín, fundou en 1814 na Coruña a primeira loxa que estivo activa no país, a Logia Constitucional de la Reunión Española, na que ocupou o cargo de "venerable mestre", co grao 18. Mais hai outros elementos da súa intensa vida, nomeadamente diferentes actividades desenvoltas na cidade herculina e o seu percorrido científico, que son ben interesantes e merecen ser difundidas.

Chegada co exército napoleónico

O noso protagonista naceu e foi inscrito como Pierre Alexandre Auber Fondniare en 1786 en Écrainville (Francia), unha pequena poboación que hoxe ten menos de mil habitantes e forma parte da Alta Normandía, distrito de Le Havre. Con pouco máis de vinte anos pisou territorio español formando parte do exército francés que invadiu a Península Ibérica en 1808. Formando parte das tropas napoleónicas, Auber serviu en diversos postos, como o de funcionario dos hospitais militares e comisario de guerra. Prisioneiro na batalla de Bailén, foi liberado e pasou a residir en Madrid, onde actuou como xefe de contabilidade da administración central do hospital do exército español de José I Bonaparte.

Formación científica dun militante liberal

Na capital española realizou estudos que o dotaron dunha notable formación en diversas áreas científicas. En 1811 e 1812 acudiu a clases de Botánica no Real Jardín Botánico, que dirixía Claudio Boutelou, subdirector da Sociedad Económica de Amigos del País de Madrid, e estudou Zooloxía e Mineraloxía no Museo de Historia Natural, onde tivo como mestres a importantes científicos, como o naturalista José Mariano Mociño e o mineraloxista Christian Herrgen. Asemade, recibiu docencia de Física e Química no Hospital Xeral, con Lambert, boticario xefe do exército, e seguiu estudos de Medicina, asistindo a clases de Anatomía e Fisioloxía humana do profesor Peña, director do hospital, e do cirurxián Larrey.

Dous elementos definen a personalidade pública de Auber, a actividade profesional no terreo científico e o intenso compromiso co liberalismo. Este partidario das ideas de Jean-Jacques Rousseau identificouse plenamente coa mensaxe política que xurdiu da Revolución Francesa, a defensa da liberdade, igualdade e fraternidade que liberais e republicanos do XIX confrontaron co autoritarismo das monarquías absolutas.

Desde a acción política directa e desde a masonería, que coincidía nos obxectivos, Auber combatería a prol do liberalismo como un cidadán do mundo, actuando na defensa das súas ideas alí onde se encontraba, á marxe de identidades nacionais. Nese sentido, en España e Galicia participou como activo protagonista nas turbulentas conxunturas políticas da época, un período no que a Guerra da Independencia se mesturou coa batalla entre os partidarios do Antigo Réxime, da sociedade estamental, formada por grupos sociais pechos en función do nacemento, e os defensores do novo.

Actividades na Coruña

Auber veu a Coruña en 1813 e semella que a razón foi que destinaron como Capitán Xeral de Galicia ao seu amigo, o xeneral Luis Lacy, un andaluz de familia de orixe irlandesa católica. O francés gañaba a vida como profesor, impartindo clases de diversas ciencias e intensificou a súa relación coa cidade herculina ao casar o 24 de xaneiro de 1818 con Ubalda de Noya y Abad, da burguesía ilustrada coruñesa.

Ao pouco de chegar o trienio liberal, o 28 de xuño de 1820, fíxose cidadán español e, nese tempo, rexentaba coa súa dona unha academia na rúa da Trompeta número 1, 2º, unha escola que ocupa un lugar especial na historia da educación galega, pois foi a primeira de carácter laico establecida no país. Asemade, fundou e dirixiu un xornal, o Diario Constitucional, claramente partidario do liberalismo transformador, e do que era impresor Sebastián Iguereta. Esta actividade xornalística sería fundamental nas posteriores acusacións absolutistas contra Auber. Da loxa masónica que creou formaron parte sobranceiros liberais da cidade, como o xeneral Lacy, Marcelino Calero, Sebastián Iguereta e diversos membros do exército.

No seu retorno en 1814 a España Fernando VII, co respaldo dos sectores tradicionalistas, anulou a Constitución der Cádiz e perseguiu aos liberais; o xeneral Luis Lacy sería fusilado no castelo de Bellver, en Palma de Mallorca. Asemade, o rei absoluto prohibiu o 2 de xaneiro de 1815 a masonería, os masóns coruñeses, con Auber á cabeza, transformaron a loxa nunha máis pequena e secreta, cambiando o nome anterior por Los Amigos del Orden, e participaron activamente en diversos intentos de restauración liberal. De feito, Auber interveu, en febreiro de 1820, na toma da Capitanía Xeral en apoio á insurrección de Riego, circunstancia que resultou clave no seu trunfo e na chegada do trienio liberal (1820-1823).

Fuxida a Canarias e Cuba

En abril de 1823 un exército francés invadiu España por segunda vez en poucos anos. Nesta ocasión contou coa oposición de todo o liberalismo e coa complicidade dos conservadores. Rematou co trienio e provocou a segunda restauración do absolutismo na década ominosa (1823-1833), cunha nova persecución dos liberais, o que obrigou a Auber a fuxir da Coruña. Disfrazado e acompañado da familia puido acadar as costas canarias cunha barca. En Tenerife entrou en contacto co naturalista francés Sabin Berthelot (1794-1880), con quen creou un Liceo en La Orotava. O centro pretendía ser unha referencia innovadora, pero a iniciativa fracasou pola intervención do bispo Vicente de Román y Linares, que entendía que se trataba dunha escola "peligrosa e ímpia".

Tras esa nova derrota, deixou o arquipélago en 1832 e marchou para Cuba. Nesa viaxe e nos posteriores pasos contou co asesoramento e apoio dalgúns amigos, compañeiros e "irmáns" que actuaban como rede de apoio fronte á persecución do absolutismo. Tal foi o caso do coruñés Ramón de la Sagra, daquela director do Xardín Botánico da Habana.

Labor científica en Cuba

O científico hispano-francés asistiu ao Xardín para perfeccionar os seus coñecementos botánicos e acompañou a Sagra nas herborizacións polos arredores da capital cubana. Cando en 1835 este deixou a dirección da institución, Auber sucedeuno como director interino. Tamén acadou a cátedra de Botánica en 1835 e, en 1842, a de Física da Facultade de Filosofía da Universidade da Habana.

Auber agasallou en 1840 a Sagra co seu herbario cando este deixou a illa. A amizade entre eses dous científicos tivo continuidade familiar. Cando o coruñés realizou a derradeira viaxe a Cuba, no verán de 1859, Auber xa estaba morto, porén Sagra encontrará entre os amigos que o recibiron con afecto a Emilio Auber de Noya, fillo do vello amigo, membro fundador da Real Academia de Ciencias Médicas, Físicas y Naturales de La Habana. Nado na Coruña e morto na Habana en 1884, tamén foi director do Xardín Botánico. A súa irmá Virginia Felicia Auber de Noya, igualmente coruñesa de nacemento, foi a escritora Felicia, que morreu en Madrid en 1897.

Pedro Alejandro Auber pertenceu a varias academias e realizou un importe labor de divulgación científica na prensa habanera. Foi autor dun importante artigo aparecido en El Español de Madrid (7-VII-1837), sobre o Sistema cosmogónico de Mr. Lyell, só catro anos que se publicara o derradeiro tomo da obra magna de Charles Lyell (1797-1875), Principles of Geology, e pasarían tres antes da tradución española de Ezquerra del Bayo. O artigo de Auber sería, pois, a primeira referencia, ou unha das primeiras, deste importante xeólogo inglés por parte dun autor hispano.

Morte relatada

O científico hispano-francés morreu en 1843 e foi enterrado no cemiterio xeral de Espada (A Habana). O crego que asinou a acta de defunción deixou escrito que "no recibió los Santos Sacramentos por su imprevista muerte". Probablemente se trata dun formulismo que pretendía agachar a verdadeira vontade do finado pois segundo outras testemuñas o proceso non debeu ser tan repentino, xa que Auber realizou un detallado relato ao médico que o atendía de como afectaba ao seu corpo a enfermidade da que morrería.