Os médicos/as e enfermeiros/as dos centros de saúde temos encomendado, entre outras, ser a primeira porta na atención ao paciente, así como a atención continuada á enfermidade.

Porén, a falta de recursos humanos sistemática e programada, concretamente, a non sustitución dos profesionais por permisos ou baixas de enfermidade, incluso de máis de dous meses, fai imposible ámbalas dúas cousas en periodos vacacionais da plantilla, situación que nos últimos anos vimos denunciando publicamente, alomenos desde o 2014.

O resultado desta situación faise sentir nas persoas enfermas como relataremos máis adiante, nos profesionais no aumento do burn-out (síndrome do traballador consumido) e no sistema sanitario, nunha disfunción estrutural e nunha perda de calidade na atención á saúde.

A propia Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia cualifica a actual epidemia de gripe como de intensidade media, e con tendencia estable, o que quere dicir que nada diferente ou non esperable respecto aos anos pasados nas mesmas datas.

Esta falta de persoal en Atención Primaria, que alcanza ao 30-40% da plantilla en moitas semanas, fai que os pacientes se encontren con lista de espera para o seu médico de cabeceira até de sete días, sen que ninguén explique que, no tempo que o seu médico non traballa, non hai ninguén que o cubra en máis do 60% do tempo. O outro 35% restante é cuberto polos compañeiros que queden, sobrecargados xa coas suas propias axendas. E, cando alguén que sente que non pode esperar unha semana por non ter cita, acode por Urxencias, ás veces á porta do hospital para ser atendido, prodúcese unha sobrecarga alí que dificulta a óptima atención dos doentes graves ou subsidiarios de ingreso hospitalario.

O malo non son as gripes.

E desde o punto de vista do médico, a sobrecarga diaria, de tantos días en torno a 40 pacientes, ás veces 50, sométenos a situacións difíciles de transmitir pero das que necesariamente a cidadanía debe ter noticia. No medio das consultas de gripe aparecen enfermos novos, doutro médico, con situacións complexas, e ás veces perigosas, debido únicamente a esa falta de continuidade na atención á que nos referíamos ao principio.

Un proceso diagnóstico de cancro non pode ir de consulta en consulta, con profesionais saturados; a familia dun enfermo encamado, axitado, que non responde adecuadamente ás medidas terapeúticas, só pode ter unha cita cada cinco días cun profesional diferente cada día; un enfermo maior, dado de alta en novembro, cun cambio de tratamento cardiolóxico que non foi capaz de interpretar e por tanto de seguir, aparece descompensado esta semana: o seu médico de cabeceira leva máis de dous meses ausente.

E a nosa propia consulta, onde aparecen salpicados, a diario, enfermos psiquiátricos, urxencias verdadeiras de todo tipo que temos que discernir e manexar nunha situación de sobrecarga laboral que aumenta o risco de erros e mala praxe.

O malo non son as gripes.