- O Concello mantén que a peonalización da Cidade Vella se fará neste primeiro semestre do ano, cren que axudará a dinamizar o barrio?

-É un tema que está pendente desde hai moitos anos. Desde a asociación queremos apoiar ao Goberno local pola valente decisión de desenvolver este proxecto. Hai varias patas que hai que manter para que todo isto se sosteña. O primeiro problema ao que se enfrontan os veciños cando se fala da peonalización é que non saben onde van meter os coches. Agora xa é público, porque o dixo o alcalde, Xulio Ferreiro, que se está a traballar cos aparcadoiros cercanos para termos prazas de aparcamento un pouco máis asequibles que o público xeral. Parece que estas negociacións están bastante avanzadas e, depois, cómpre esperar a que o Concello presente o proxecto de dinamización do barrio que se está a elaborar.

- Están participando os veciños nestas conversas coas concesionarias dos aparcamentos ou están á marxe das negociacións do Concello?

-Si, estamos participando e xa tivemos reunións cos tres aparcamentos máis cercanos, O Parrote, Maestranza e Marina Coruña e todo o mundo está a facer un esforzo importante, aínda que o máis importante farémolo os veciños cando teñamos que pagar anualmente por aparcar. As memorias previas do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e Pescadería (PEPRI) de 2013 falaban de que o aparcamento do Parrote sería a solución aos problemas de aparcamento dos veciños, pero este parágrafo quedou esquecido no tempo e nos papeis e non se falaba de que xeito ía ser a solución. Agora hai que retomar o tema, que foi esquecido pola clase política durante moitos anos. Desde a asociación veciñal forzamos a que se desenvolvesen estas conversas coas concesionarias dos aparcamentos e, agora, parece que todos están dispostos a solucionar o problema do aparcamento.

- Esta negociación inclúe algún tipo de subvención municipal, como a que hai co billete de bus urbano, ou o Concello está só como mediador entre as concesionarias e os usuarios?

-Non, non contemplamos que o Concello pague unha parte porque, se o fixese na Cidade Vella, tería que facelo en toda a cidade. Entendemos que a peonalización da Cidada Vella implica moitas cousas e, para sacar os coches, hai que metelos nalgún sitio e na superficie non hai espazo suficiente. Hai máis de mil tarxetas de residentes adxudicadas e non é posible poñer todos os coches en superficie e cómpre deixar tamén espazo para os vehículos que acceden todos os días ao barrio, que van aos colexios ou ao hospital Abente y Lago, por exemplo.

- Consideran que este proxecto de peonalizar o barrio pódelle dar un pulo e revitalizalo ou que será unha medida máis que non cambiará a mellor?

-Hai un estudo en marcha de dinamización comercial. A ver que resultados dá. É un primeiro paso e, cando se eliminen os vehículos, din que van aparecer novos espazos diferentes aos que vemos todos os días e isto é importante, pero ten que ir acompañado de políticas de mobilidade e de accesibilidade. Entendemos que iso forma parte do plan que ten que presentar o Concello.

- Están contentos logo de estar neste proceso?

-Foino en todas as cidades a medio prazo, entendemos que vai ser así tamén aquí. Non hai razóns para ser pesimista, pero é un proceso que se fai unha vez na vida e todos os implicados estamos interesados en que saia ben.