Cancións de 18 anos de traxectoria e melodías que aínda non saíron á rúa. Ese será o repertorio co que Sumrrá abrirá o ano esta noite no Garufa, no que será o seu primeiro concerto deste 2018. O trío galego de jazz, integrado por Xacobe Martínez, Manuel Gutiérrez e Lar Legido, subirá á escena á partir das 22.30 h. para ofrecer un aperitivo do que será o seu próximo traballo, Sumrrá6Mulleres.

- Novo ano e novo disco en proxecto.

-Aínda estamos no proceso de mesturar. É un disco feito en estudio, o primeiro de estudio de Sumrrá. Os anteriores cinco foron en directo, pero este está pensando distinto.

- Por que decidiron cambiar o formato?

-Porque por primeira vez temos un produtor que pagou toda a produción, algo que ninguén fai para un trío de jazz, e menos para un galego. Isto fixo que graváramos como nos apetecía.

- O concepto que escolleron é feminino, quen son as protagonistas de Sumrrá6Mulleres ?

-Son seis referentes da loita feminista e progresista. Temos referentes de todo o mundo: africanos, asiáticos, americanos, galegos? Evidentemente, fixémoslle un tema a Rosalía de Castro, e tamén están Frida Khalo, Rosa Parks, Malala, a revolucionaria Qiu Ying, e a médico Nawal el Saadawi.

- Por que o tema da muller?

-O anterior disco, V Joruneys, está inspirado en cidades nas que estivemos tocando xuntos. Conseguimos un rollo moi especial facéndoo, e tiñamos esa idea de repetir un concepto que lle dera unidade. Sendo tres homes, pareceunos unha forma moi Sumrrá de sumarlle enerxía de calidade a esa revolución feminista, que nos parece o único camiño posible para a evolución desta sociedade. Era algo que nos apetecía, e estamos moi contentos co resultado. Quedaron unhas músicas moi cinematográficas, creo que vai ser un disco que nos vai abrir máis portas.

- Volveron a escoller a Clermont Music para facelo. O selo neoiorquino tamén levou Sumrrá a novos públicos?

-Si. O feito de que alguén de fora aposte por ti, fai que outros ollos se fixen no que fas. Eu entendo que a fortaleza de Sumrrá é que segue a ter interese musical, que cando tocamos xuntos aquilo funciona. Hoxe, un proxecto que non consiga conectar dun xeito potente co público o ten moi difícil. Sumrrá non ten que facer ningún esforzo para iso, é un avión no que nos montamos e nos leva, aínda que ser músico sexa cada vez máis complicado.

- Non son os únicos que o din.

-Claro, porque na música se lle da máis valor ao o que pode funcionar que ao que realmente é unha enerxía renovadora. Igual que a etiqueta dun paquete de arroz non é literatura, o 90% da música que se consume masivamente non o é. Non estou dicindo que haxa músicas máis importantes que outras, pero o uso que se fai dela é de usar e tirar. Tocar en clubs pequenos, acceder a festivais, monetizar a túa música? Non é inviable, porque Sumrrá é un exemplo de que se pode facer, pero cando me preguntan como eu digo "é que non o sei" [ri].

- Vostedes tocan máis fora de Europa que nela. Ser de aquí é un obstáculo para facer música?

-É unha fronteira, pola valoración social e o apoio institucional que hai. Ser músico en Galicia ou España é como unha maldición. Países como Estonia ou Lituania teñen unhas axudas á distribución exterior que son capaces de exportar grupos de calidade. Cobren absolutamente todos os gastos porque entenden que significa reforzar unha imaxe cultural. A realidade é que nós, como galegos e españois, temos moi poucas vantaxes comparativas con outros países. Lévase anos castigando a práctica cultural, e parece que segue a ser algo superfluo. Nós estamos cansos de predicar sempre o mesmo, pero non hai con quen falar, na Xunta a xente non fala o teu mesmo idioma. Así que metemos o tempo en intentar tocar en China, antes que tratar de convencer aquí. É enerxía perdida.