O crecemento turístico da Coruña colecciona parabéns entre políticos, comerciantes e hostaleiros. A cidade mantívose en 2017 como o segundo destino turístico en Galicia só por detrás de Santiago de Compostela e supón xa o 10,2% de todo os viaxeiros que pasan a noite na comunidade autónoma Santiago de Compostela . Para este ano, as previsións aspiran a manter as cifras de ocupación pese a ausencia de grandes congresos, un dos motores turísticos da cidade.

Impulsada pola súa oferta cultural e gastronómica, así como pola propia beleza dunha cidade envolta polo mar, A Coruña ten un "gran potencial" para seguir crecendo, asegura o director do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (Cetur), Miguel Pazos. Mais este desenvolvemento turístico ten tamén custos importantes para os Concellos polo que avoga por estudar a implantación dunha taxa turística para sufragalos.

-Existen na Coruña eses riscos asociados ao turismo de masas que se están a ver noutras localidades españolas?

-Na Coruña eu non vexo un problema de masificación aínda. Estes problemas ocorren sempre que se concentran nun lugar e nun tempo determinado a chegada de turistas. Na Coruña o espazo de visita é máis desconcentrado no espazo, non como en Santiago que se xunta no casco histórico. Na Coruña aínda non existe ese risco de masificación, hai aínda moita marxe de crecemento, pero isto non quita que haxa que buscar un crecemento ordenado. Os políticos o que procuran son cifras, números, e só se preocupan polo cantos máis mellor, cando o discurso académico di que hai que apostar pola calidade non pola cantidade.

-E isto como se logra?

-Hai indicadores de calidade fundamentais, como a cualificación dos negocios turísticos, os salarios dos traballadores, o nivel de satisfacción dos visitantes o gasto por día... Ao planificador turístico o que lle importa é que veña un segmento de turistas respectuosos, cun nivel de gasto alto, que pasen a noite na cidade e que consuman cantos máis produtos mellor, pero produtos de calidade que xeren emprego de calidade. Pero os políticos cando presumen fano de cifras e así seguimos presos dese discurso cando todos sabemos que non é a panacea de nada. Falamos de 80 millóns de turistas, pero é un sector estacional con salarios precarios.

-Non son os cruceiros o turismo que debemos buscar?

-Antes os cruceiros eran moi interesantes porque era un produto de alta calidade con xente de gran poder adquisitivo, pero agora mesmo está democratizado e neste sentido tampouco é o tipo de cliente que máis interese porque non durme na cidade: son só excursionistas moitas veces cun poder adquisitivo medio ou medio baixo que enriba xeran picos de afluencia masiva que poden producir saturación, como ocorre en Venecia ou en Barcelona. Os cruceiros pasaron de ser o que todo o mundo quería a ser un problema, aínda que tampouco son todos iguais e si cumpren unha boa función como márketing par dar a coñecer a cidade.

-Está a funcionar a política turística do Concello?

-Creo que están a facer un bo traballo. A Coruña é unha urbe con gran potencial e díronse conta da importancia que o turismo pode ter para a cidade.

-Por onde pasa o potencial turístico da cidade?

-A Coruña ten unha programación cultural moi interesante dende hai décadas, cunha das mellores orquestras de música clásica de Europa e unha rede museística moi potente. A gastronomía e a propia morfoloxía da cidade, na que o mar sempre está presente, fan tamén da cidade un escenario moi atractivo para o visitante.

-O turismo tamén ten sombras?

-A masificación, a expulsión dos residentes, a suba de prezos...

-Porque o crecemento de visitantes trae consigo tamén máis gastos correntes. Sería preciso implantar unha taxa turística?

-Creo que habería que abrir o debate. Cada vez máis os concellos turísticos, como Santiago ou A Coruña, teñen que facer fronte a pagos e a gastos en limpeza ou alumeado e hai que financialos dalgunha forma. A Xunta di que non toca, pero eu creo que si toca o debate, que xa está moi superado en Italia, Francia ou Ámsterdam. Está demostrado que non resta visitantes. Cando a xente vai a unha cidade turística non lle parece mal nin estraño.

-Estamos a falar de taxas de un euro por turista?

-O debate non debería ser tanto sobre a cifra, senón para ir convencendo pouco a pouco á xente de que hai que cambiar o modelo. Non ten que ser unha cantidade fixa, nin que ser todo o ano, nin todos os días da semana. Hai moitas fórmulas: depende de que parte da cidade, en que categoría de hotel...

-No caso da Coruña a implantación da taxa é tan imperiosa como en Santiago?

-O de Santiago é un caso máis problemático, porque é un casco vello de rúas estreitas e que recibe moitos turistas, pero tanto A Coruña como Vigo deben abrir tamén o debate.