Hoxe, día 28 de xaneiro, cúmprese un mes da celebración na Coruña da oitava edición da Reunión de Jóvenes Investigadores en el Extranjero. Un evento anual no que son presentados valiosos traballos sobre biomedicina elaborados por científicos galegos que traballan no exterior. A reunión deste ano concluíu cunha mesa de debate e, como resultado das intervencións, os organizadores elaboraron unhas conclusións que poñen enriba da mesa cuestións transcendentes sobre a investigación científica en Galicia.

Datos preocupantes

O primeiro parágrafo do documento aprobado é clarificador: "Segundo datos da Fundación Cotec, extraídos de Eurostat, a inversión pública en ciencia aumentou un 27,4% no conxunto de Europa dende o ano 2009, ao contrario do que ocorre en España, onde segue retrocedendo (9,1% menos)". Un dato que se complementa con outro ben revelador: "Segundo o Instituto Nacional de Estatística, a inversión en Investigación+Desenvolvemento+Innovación (I+D+i) en Galicia é do 0,87% do Produto Interior Bruto (PIB), fronte ao 1,19% de España, ao 1,82% de Euskadi e o 2% de media en Europa". Ese 0,87% de Galicia está por debaixo dos países do Leste de Europa (Bulgaria 0,96%, Polonia 1%) e de Portugal (1,28%). Como vemos, os datos oficiais ilustran con inapelable claridade a existencia dunha dobre brecha no investimento en investigación: a de Galicia coa media española e a de España con respecto aos socios europeos. Unha fenda que non para de incrementarse. Imos, en termos absolutos e relativos, no pelotón de cola de Europa e cada vez máis distanciados da cabeza.

María Mayán coordina o Grupo de Investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (Inibic), situado nas Xubias, a carón do Hospital Materno-Infantil. Desde hai uns meses forma parte da Sección de Ciencias do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, todo un privilexio para a entidade herculina. A súa conversa é pausada, traslada confianza e convencimento. Explica que no seu equipo estudan mecanismos de comunicación entre células en procesos de rexeneración nos que se dan unhas substitucións celulares aceleradas. No caso dun tumor, a comunicación entre as células facilita o seu crecemento e a metástese, o espallamento do cancro. O grupo de investigación intenta deter ese avance, para o que busca dianas para deseñar moléculas que cambien as respostas e forma de comunicarse entre as células tumorais.

-María, nunha intervención súa no debate preguntouse sobre o modelo de sociedade que queremos, se escollemos ser unha de servizos e ladrillo ou apostamos pola ciencia e a innovación. Por que precisamos a investigación científica?

-A investigación é importante para xerar coñecemento e desenvolver novas tecnoloxías que faciliten a nosa vida ou melloren a saúde, pero, ademais aporta a unha cidade ou rexión visibilidade internacional e atracción de empresas de diferentes ámbitos, contribuíndo de forma decisiva a mellorar a calidade de vida, a fomentar o pensamento critico e a formar sociedades comprometidas, con maior capacidade de liderazgo.

Coidamos que a preocupante situación interpela a todos, en primeiro lugar á Xunta de Galicia, mais tamén aos diversos grupos políticos, ás diferentes administracións, empresas, ao sistema universitario, aos propios científicos e ao conxunto da sociedade. O manifesto sinalaba un camiño: "Requírese maior inversión e xestionar os recursos de forma produtiva para o sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación cunha política estratéxica a longo prazo (...) aumentar a infraestrutura e equipar os centros de investigación con servizos técnicos competitivos". De feito, o investimento público en ciencia é unha prioridade para outras administracións, resulta rentable e tira do investimento privado. Así acontece, por exemplo, en Euskadi co programa Ikerbasque. Polo tanto, o que necesitamos son políticos e xestores que coñezan a investigación científica, que crean nela e que a identifiquen como unha oportunidade de progreso.

Para cando estará regulada a carreira científica en Galicia?

Os protagonistas da investigación asisten decepcionados a unha ausencia lamentable no seu panorama profesional. En Galicia non existe unha carreira investigadora regulada, algo anómalo e excepcional nun país europeo. Ou sexa, quen se quere dedicar á investigación científica non sabe o que lle pode agardar nese camiño, non están establecidos os pasos a seguir.

Para María Pardo, esa ausencia é unha eiva relevante na investigación galega: "Parece que aos científicos nos meten no sistema e non saben que facer con nós". María dirixe o Grupo Obesidomica (IDIS) no Hospital Clínico Universitario de Santiago. Está especializada no estudo dos proteomas, é dicir o conxunto de proteínas presentes nun tecido ou sistema. Na súa tese traballou aplicando esta tecnoloxía ao estudo do melanoma uveal maligno humano (tumor ocular). En 2006 formou o seu propio grupo de investigación en Santiago, que traballa na identificación de sinais liberadas polo tecido adiposo e muscular dentro do contexto da obesidade.

Esta investigadora comunica entusiasmo polo seu traballo, unha emoción que se mestura co escepticismo con que contempla as dificultades que atopan ela e os seus colegas. Di que está cansa da batalla pola estabilidade laboral; coida que para os investigadores son frustantes os cambios continuos nas demandas esixidas no seu camiño profesional, polo que non poden establecer estratexias. Subliña: "Os investigadores, persoal altamente cualificado, demandamos algo tan simple como gozar dos mesmos dereitos laborais que outro profesional, con contratos indefinidos suxeitos a avaliacións por expertos e salarios competitivos". E remata, expresiva: "Ningún privilexio nin discriminación!".

A necesidade dunha Axencia Galega de Investigación

Outra demanda na que coinciden é a da necesidade dunha Axencia Galega de Investigación, un instrumento para a xestión e financiamento dos fondos públicos destinados ás actividades de I+D+i para todos os centros de coñecemento galegos (universidades, centros tecnolóxicos e de coñecemento, fundacións, institutos sanitarios, CSIC e Instituto Español de Oceanografía). María Mayán di: "Agora existen diversos organismos, con condicións distintas, nun choque de intereses, non de calidade, sen que sexa prioritario o que debería selo, a xestión e financiamento da investigación e a carreira investigadora".

Como vai ser o relevo xeracional?

Preocúpalles a forma en que vai ter lugar a substitución do elevado número de investigadores que pasarán á xubilación nos próximos anos; temen que se faga desde unha perspectiva corporativa. Volvamos ao manifesto: "É necesario desenvolver unha estratexia de captación de investigadores novos para conseguir unha substitución progresiva e baseada no talento, evitando a entrada masiva e descontrolada de investigadores nas universidades e centros de investigación. Sen unha estratexia previa, potenciarase a contratación non competitiva, o que prexudicará a calidade da ensinanza e a xeración de coñecemento nas universidades e centros de investigación. A nivel universitario, hai que lembrar que non se trata só de contratar meros docentes, senón que ademais, debe ser con investigadores de calidade para manter o sistema de produción científica e captación de fondos internacionais".

Mulleres facendo ciencia

A investigadora Marisol Soengas introduciu no debate o tema das dificultades específicas das mulleres, por razón de xénero, para desenvolver a súa carreira profesional en igualdade de condicións dos homes. María Mayán e María Pardo saben do tema, elas tiveron que, como moitas outras, traballar nas baixas maternais para poder manter o seu nivel competitivo; o traballo demandábao. Por iso, coidan que son precisas medidas concretas que faciliten a conciliación familiar, como algunhas das postas en prácticas en organismos como o Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO).

A emigración científica

Segundo un estudo de Stefano de Marco e Daniel Sorando, comentado neste xornal o 11 decembro 2017, uns 8.000 mozos e mozas (entre 16 e 29 anos) saen ao ano de Galicia, cifra que se achega aos 10.000 se estendemos a franxa de idade aos 35 anos. E o proceso continúa. Marchan con todo tipo de cualificación profesional, uns para fornecer de camareiros ás capitais europeas, outros son profesionais cualificados, incluíndo científicos que, ás veces, teñen un currículo igual ou superior ao dalgúns dos que permanecen no país. O empobrecemento para Galicia no principal recurso, o humano, é grave. Asemade, esa dramática saída incide na alarmante sangría demográfica que sufrimos, perante a inacción dos responsables políticos e dunha parte substancial da sociedade, que semellan imitar ao comportamento da orquestra do Titanic.

María Mayán e María Pardo realizaron estadías posdoutorais no estranxeiro. Seguiron o guión lóxico no proceso de formación dos investigadores excelentes: acudiron a centros de prestixio, ao Imperial College de Londres e á Universidade de Oxford, traballaron alí catro e tres anos e se reincorporaron ao tecido investigador galego. Ese camiño veuse interrompido polo impacto da crise. Hoxe o retorno de talento investigador constitúe unha fracción mínima fronte a emigración masiva.

Sonia Villapol é unha entre os miles de científicos galegos que traballan fóra do país. Esta neurocientífica, que vive a ciencia con paixón, un entusiasmo que mestura cunha teimosía intelixente, traballa en Washington DC (Estados Unidos), na Universidade de Georgetown. Investiga na reparación de danos cerebrais, ben causados por infartos cerebrais, traumatismos, ou tamén por enfermidades neurodexenerativas (coma o Párkinson ou a enfermidade de Alzhéimer). E explica: "A miña investigación baséase en identificar os mecanismos que causan esta dexeneración neuronal para de este xeito dar con tratamentos para reparar o cerebro danado". No debate aludiu ao raquítico mercado laboral interior. E falando da xente de Galicia que está fóra traballando en ciencia dixo algo que tivo moito eco entre os asistentes: "Ninguén ten medo a volver, porque sabemos pedir bolsas, sabemos publicar, e sabemos sobrevivir en sistemas moi competitivos. O que temos medo é a vernos obrigados a marchar outra vez porque as supostas oportunidades das que se fala non existen".

-Sonia, pode ampliar o argumento?

-Si. Non nos da preguiza volver ao noso país, ao que coñecemos, a estar preto da nosa familia e da nosa xente, e como non, a integrarnos nun sistema académico que tamén coñecemos ben. Estas circunstancias son as cómodas. E aínda por riba, se traemos con nós toda a experiencia e coñecemento adquirido fóra que nos permitiu avanzar, podemos testificar que estamos sobradamente preparados para volver e facer ciencia de calidade. O problema dáse cando os medios e as oportunidades que se nos ofrecen son insuficientes para ser exitosos e competitivos a nivel internacional, e, sobre todo, en moitos casos non teñen continuación e vémonos forzados a emigrar de novo. Coido que os dirixentes políticos que xestionan o diñeiro público non son, ou non lles interesa ser, conscientes deste problema. Cando un estado mantén un sistema universitario de educación pública, e despois non existen ofertas de emprego para a xente formada, estamos a falar dunha mala xestión. Nese sentido, a Universidade ten que beneficiarse dos licenciados e doutores que produce, de non ser así está a malgastar o diñeiro de todos.

-Cal é para vostede o principal déficit do modelo científico que funciona en Galicia?

-A principal deficiencia sen dúbida é o insuficiente financiamento que reciben as universidades e centros públicos de investigación, xunto coa mala xestión dos poucos fondos e a desconcertante e excesiva burocracia. A investigación científica ten que estar na lista de prioridades dun goberno que quere progresar. A segunda son as irregularidades na organización da estrutura universitaria, pouco dinámica e que non permite beneficiarse do produto que xera. O sistema académico na universidade non é coherente cando os funcionarios non son recompensados debidamente pola investigación científica que producen. Por outra banda, a avaliación constante no transcurso da súa carreira non existe, e isto deixa a porta aberta á mediocridade do ensino e á desgana por facer investigación. Na maioría dos países punteiros en investigación, os profesores universitarios manteñen as súas obrigas na ensinanza e na investigación e poden ser recompensados ou perder os seus postos de traballo se non acadan o nivel requirido.