A Coruña non terá hoxe arco da vella, ese que sempre acompañará a Domingos Merino no retrato que recorda a súa etapa como alcalde no pazo de María Pita. Fóisenos o home con quen volveu a democracia ao Concello da Coruña. Un home íntegro, valente e cercano que soubo estar á altura das circunstancias. O primeiro alcalde que lle abriu as portas do pazo á praza e, como é sabido, unha inspiración e un referente para nós.

Con 39 anos, e logo de máis de catro décadas de represión, Merino chegou cun sorriso e coa firme vontade de democratizar a vida municipal. As súas primeiras palabras como rexedor expresaban xa unha vontade adiantada ao seu tempo. O Concello, dicía, tiña que ser a casa de toda a veciñanza e a cidadanía, toda, debía ter a posibilidade de participar na política municipal. O que queremos para a nosa cidade, o que desexamos para as nosas xentes, é tamén A Coruña que soñou aquel alcalde da xente, e que comezou a transformar no período, por desgraza breve, no que estivo á fronte de María Pita.

Teño comigo na Alcaldía, dende o verán de 2015, dúas fotos de Domingos como alcalde, que recibín por aquelas datas da man do seu compañeiro de vida. Sempre lles estarei agradecido, tanto a el como a Domingos, polo seu agarimo. Por lembrarnos, no que fora o seu discurso de investidura en 1979, que os días alegres e históricos son aqueles nos que as maiorías sociais recuperan a ilusión e a dignidade. E que os días tristes, coma o de onte, son aqueles nos que despedimos as persoas que nos fan mellores.

Domingos marcha como non o puideron facer moitos, deixando tras de si unha pegada de honestidade e lealdade aos principios. Domingos marcha, pero marcha como semente, deixando futuro. Se a nosa querida Luísa Villalta concibía A Coruña coma unha Cidade Barco, o alcalde Merino foi máis alá e quixo facer da nosa histórica capital do mar un faro para Galicia. Algo do que todos os galegos e todas as galegas nos sintamos orgullosas. Esa é a meta que nos marcamos, Domingos. Moitas grazas pola luz.