A pegada de Moncho Valcarce fíxose onte pedra na fachada da súa casa natal, alá onde están as oficinas dos servizos económicos municipais. O cura das Encrobas, o home que non concebía o cristianismo se non era ao carón dos desfavorecidos, ten desde onte un recordo do pobo da Coruña na rúa da Franxa.

"Moncho, do mesmo xeito que Domingos Merino, a quen hoxe [por onte] choramos, é desas contadas persoas que marchan deixando futuro tras de si", comentou onte na homenaxe, o alcalde, Xulio Ferreiro. "Nunha cidade que adoeceu durante moito tempo de manter estatuas e honras a aqueles cuxo recordo se basea só na dor que causaron, é un acto de xustiza e recoñecemento que desde hoxe contemos cunha placa en recordo de Valcarce", dixo o rexedor municipal, que lembrou que este acto coincide co 25 aniversario do seu pasamento. Non será o único da semana. O BNG celebrará mañá, a partir das 12.00 horas, no cemiterio de Santo Amaro, outra homenaxe que contará coa intervención do secretario comarcal da CIG, Xabier Filgueira.

O presidente da Irmandade Moncho Valcarce, Ramón Muñiz de las Cuevas, lembrou onte que foran os seus ideais e a súa fe cristiá quen puxeran a Moncho sempre do lado dos doentes, dos oprimidos e vulnerables, dos que teñen un soño e precisan mans para loitar por el. "Conseguiu moito con moi pouco", lembrou onte o alcalde no seu discurso, xa que as únicas armas que tiñan os labregos e o seu cura eran "paraugas nas mans" e "palabras na boca".

18

A Coruña adica unha praca a Moncho Valcárcel na rúa da Franxa

"Marchou deixando futuro", definiu o rexedor municipal, porque, desde logo, o mundo non foi igual desde que el se fixo protagonista da súa historia. E, coas súas ideas, defendendo a igualdade e denunciando a opresión foi quen de lle dar outro sentido á súa igrexa, convertida "nun centro de liberdade", de pensar en innovar no rural e non deixar nunca de falar a lingua dos seus veciños, o galego.

Un dos seus familiares, Xosé Valcarce asistiu onte ao acto de inauguración e lembrou a Moncho, que facía as cousas porque había que facelas, porque alguén as tiña que facer. "Así era el", dixo.