Soaba o How am I supposed to live without you de Michael Bolon mentres a cidadanía da Coruña que un día soñou con ser o faro de Galicia entornaba os ollos e as almas para despedirse do home que un día soñou por todos eles. Entraban a María Pita familiares e amigos, porque o tempo borroulle incluso os desafectos políticos a Domingos Merino, para despedirse do home que convocou os plenos pola tarde para que ningún veciño quedase sen asistir.

"A memoria lle vai ser xusta", clamou o catedrático en historia contemporánea Lourenzo Fernández Prieto.

Nestes primeiros días sen el, tras o seu pasamento ao pasado día 1 aos 78 anos, aínda non houbo tempo para o esquecemento. O mesmo ao que foi sometido o seu legado ao fronte da alcaldía durante os anos 90. "A túa memoria ficará no noso corazón", recordou o exdeputado Xesús Veiga, co que Merino compartiu éxitos e fracasos políticos na Cámara galega.

Compañeiros de aquela época, como Xosé Manuel Beiras, e desta, como Luis Villares, acudiron ás súas últimas honras. Estaban alí tamén sucesores como Javier Losada e herdeiros como Xulio Ferreiro, quen visiblemente emocionado recordou a figura de Domingos Merino, o home que "acendeu" a luz "dese faro" que aínda hoxe "segue alumeando" a cidade.

Domingos Merino, proseguiu o actual rexedor, "foi o primeiro entre os iguais", "xente do común", "que nunca deixou de ser un veciño de Monte Alto". E iso, foi o que moitos non lle perdoaron. A súa etapa, prosegiu Veiga durante a súa intervención no acto público de despedida, simboliza "as luces do triunfo" que lle permitiu chegar á alcaldía tras os pactos do Hostal de 1979 e "as sombras das dificultades" que acabaron por escurecer "as esperanzas" dunha xeración que esmoreceu politicamente coa súa dimisión en 1981. "Queda o seu traballo", reivindicou Sabela Vázquez, compañeira naqueles días do 79 no Partido Socialista Galego. "A Coruña soubo escoller dignidade con Domingo" engadiu o historiador Fernández Prieto.

Mais a máis profunda das homenaxes recibiuna Merino das voces baixas. Desa señora demasiado cansa para seguir subindo escaleiras, pero "que o coñecía de toda a vida" como para non subir outro andar máis, ata o palco último. "A min danme igual os políticos", bisbaba mentres, obrigada, deixaba a planta baixa do salón de plenos.

Ela, como tantos outros, estaban alí para despedir o home que lle devolveu á cidadanía o bastón de mando da Coruña tras catro décadas de ditadura militar.

Dende as once da mañá as portas do Concello permaneceron abertas para que os cidadáns se despedisen do primeiro alcalde electo na democrática. Alí estiveron os seus familiares, encabezados polo seu compañeiro Jorge, e amigos, moitos deles mudados en representantes políticos no acto público celebrado ás catro da tarde e ao que acudiron representantes de toda a Corporación Local, así como figuras destacadas da política galega como Miguel Anxo Fernán-Vello ou Camilo Nogueira. Até María Pita foi tamén pola mañá o exrexedor Carlos Negreira.

Co cadaleito envolto na bandeira galega e o seu retrato ao carón do taboleiro de xadrez, o corpo de Domingos Merino foi homenaxeado por derradeira vez. Queda agora a súa memoria. "Que a terra che sexa leve, alcalde", despediuse Ferreiro. Despois soaron as gaitas.