-Por que se tardou máis dun ano en redactar o prego de condicións para o novo contrato da recollida do lixo

-É bastante tempo, poderiamos telo sacado antes se o fixéramos seguindo os plans que había antes, pero nesta concellería non nos gustaba o modelo que nos atopamos ao chegar, xa que estaba previsto implantar os camións de carga lateral para os residuos orgánicos e inorgánicos en todo o concello e nós cremos que hai que ir noutra dirección.

-Por que rexeitan ese tipo de recollida?

-Quixemos facer uns pregos que materializasen as políticas que estamos abordando para o coidado do espazo público, de garantías laborais, de igualdade e a mellora das condicións medioambientais. Para todo isto o contrato de residuos é clave, polo que pasamos moito tempo traballando nel. Houbo retraso, pero estes pregos exemplifican o que vimos facer. A carga lateral na recollida ía na outra dirección tanto dende o punto de vista ambiental como dende o social.

- No Consorcio As Mariñas o sistema de recollida é lateral. En que inflúe ambientalmente?

-A futura xestión dos residuos pasa polo pago por xeración ao identificar aos produtores e a separación que fan. A carga lateral vai na dirección contraria porque acumula residuos en contedores moito máis grandes nos que é difícil facer esa correlación. Nós queremos ir pola vía de saber de que produtor son cada tipo de residuos e a carga lateral non é compatible con iso.

- Non pode asustar ese sistema á xente? Como se pode saber que é o que tira cada persoa ao lixo para aplicar tasas diferenciadas?

-As campañas de concienciación ambiental deben ser realizadas de forma permanente porque xa vimos o que pasou na Coruña, onde baixou moito a calidade da separación do lixo, que é absolutamente imprescindible nas casas. Pero as campañas tamén teñen o límite das persoas ás que este tema lles importa menos, polo que é necesario introducir instrumentos que premien a colaboración cidadá. E son moitos, non fai falta rebuscar nas bolsas do lixo. Algúns destes sistemas incluímolos xa este ano, como a compostaxe caseira, que vai aumentar, e haberá outros como os de acceso restrinxido a contedores que se abren cunha tarxeta.

- Canto tempo pasará dende que se adxudique o contrato para que se apliquen este tipo de sistemas?

-Gustaríame que o día un de xaneiro empezásemos de maneira moi incipiente, pero tamén gustaríame tranquilizar porque ademais haberá taxas para premiar a colaboración coas novas ordenanzas fiscais, independentemente deste prego de condicións para o contrato. A partir de aí iremos pasiño a pasiño, introducindo proxectos piloto, vendo resultados, ampliando as experiencias na cidade e correlacionándoas coas taxas, polo que vai ser un proceso progresivo. O que realmente me ilusiona é que se empeza. Sempre digo que vai ser unha revolución, pero unha revolución tranquila.

- A consulta á cidadanía é unha das novidades deste concurso. Que pode aportar?

-Sobre todo transparencia para que a cidadanía e os sectores afectados, como os traballadores da actual concesionaria ou as entidades que traballan cos residuos, saiban como se está licitando e podan facer aportacións para a mellora dos sistema. É un contrato moi cuantioso e a cidadanía debe saber en todo momento a que se destinan os seus cartos e tamén que se aproveitará este contrato para introducir a protección ambiental, a da igualdade e a das garantías dos traballadores.

- Por que vai haber unha recollida especial para os grandes produtores de residuos orgánicos? Aporta tanto que se faga de maneira diferenciada?

-Moitísimo. Os grandes produtores son entidades, normalmente empresariais como comercio, industria, residencias, colexios e mesmo hospitais que producen moitos residuos orgánicos, vidro ou papel. Son poucos puntos e traballar con eles na recollida selectiva permitiríanos controlar o 30% dos residuos da cidade, que é moitísimo. Tamén son os que maiores dificultades de existión presentan pola acumulación de residuos na vía pública, polo que pretendemos atender a separación en orixe e a reciclaxe pero tamén ao coidado do espazo público e á diminución das molestias á veciñanza.

- Van ter incentivos estes grandes produtores para colaborar?

-Gustaríame que os tiveran. Unha vez que remate a licitación imos facer un estudo sobre as taxas por recollida a ver que podemos facer porque me parece que é imprescindible introducir estes criterios, pero de maneira comprensible para todo o mundo porque a taxa actual é moi complexa.

- Vai na mesma liña a recollida especial que tamén se fará para os locais de hostalaría das rúas dos viños?

-O primeiro motivo é dar ao comercio e á hostalaría un bo servizo, xa que cunha recollida ao día non é suficiente, polo que hai que redobrar o esforzo, e por outro lado diminuír as molestias no que se acumulan as bolsas do lixo durante o día na rúa.

- No verán e no nadal haberá dúas recollidas ao día? Como se fará para non afectar á actividade dos locais?

-Para iso incluirase por primeira vez na licitación o emprego de maquinaria de menor tamaño para non interferir coas terrazas e en horarios que mellor se adapten ao traballo dos locais.

- Por que se van renovar todos os contedores da cidade?

-Consideramos que pode ser unha mellora estética importante, xa que dende que se instalaron os existentes a tecnoloxía e os materiais avanzaron. Gustaríanos darlle un cariño á cidade e poñer uns equipamentos aos que guste mirar.

- Como serán os novos?

-Non sabemos como van ser. Vainos adquirir a nova concesionaria e no prego de condicións establecemos certas directrices, pero o modelo concreto non se especifica por cuestións de competencia.

- O Concello vinculará os pagos mensuais á nova concesionaria coa calidade do traballo que faga. Como se vai facer o control?

-A recollida do lixo ten unha relación directa coa limpeza diaria, polo que nos parece importantísimo que o servizo se desenvolva conforme ás condicións do contrato. Nos grandes concursos das concesións que teñen que ver co coidado da cidade estámolo metendo de forma sistemática. É necesario ter un control exhaustivo con apoio exterior porque agora mesmo os servizos municipais teñen dificultades para desenvolvelo.

- O ruído da recollida é unha queixa constante dos veciños. Como se pode reducir?

-A maquinaria, os camións e os lavacontedores evoluiron moito, polo que esta unha das máximas esixencias na licitación, na que tamén se incluirán modificacións de horarios, así como no control de calidade. Pero non podemos facer maxia, polo que a recollida do lixo seguirá sendo pola noite na maioría dos casos, aínda que a do vidro non. Teremos coidado de que se desenvolva nas mellores condicións posibles para evitar ruídos innecesarios.