O profesor de Fisioloxía na Universidade da Coruña e investigador en Neurociencia Casto Rivadulla quere acabar cos mitos do cerebro nunha conferencia que dará o próximo xoves 22 de febrero na Rectoría. Falará de Mozart, Messi e Trump para expoñer que "o coñecemento científico axuda a evitar o engano". Aínda que en internet se poden atopar moitas teorías, desexa que as persoas sexan capaces de "separar a palla do trigo".

- A que se refire con esos mitos do cerebro?

-Son cousas que a xente pensa sobre o funcionamento do cerebro que non teñen ningunha base científica.

- Como que?

-Por exemplo, na película Lucy, Morgan Freeman aparece nun primeiro plano dicindo que só utilizamos o 10% do noso cerebro. Iso é algo que, por algunha razón que non sei, está bastante extendido. Hai más cousas, como o do efecto Mozart, que se poñemos música os nenos serán máis listos.

- Por que se extenden, só por que saen nas películas ou en internet?

-Por unha parte si, pero por outra moita xente ten interese en que sexa así. Hai xente que se fixo millonaria co do efecto Mozart vendendo libros explicando esta historia e convencendo aos futuros pais de que esa era a música axeitada para os seus nenos. As veces hai intereses detrás. Como o cerebro é un órgano complexo, do cal só coñecemos unha parte, é fácil contar unha historia bonita e que a xente a pague por ela. Tamén hai intereses ideolóxicos ou outras veces é só coincidencia.

- Sabemos pouco do cerebro?

-Si e non. Eu quero ver o lado optimista. Sempre se di que sabemos moi pouco pero sabemos moitísimo do cerebro. Outra cousa é que nos quede moitísimo máis por saber. A neurociencia avanzou moito. Agora podemos contar cousas que hai dez anos non se sabían. O salto foi espectacular.

- Nesa mellora, influiron as novas tecnoloxías?

-Claro. Hai un montón de cousas que ate hai algúns anos só se podían estudar en animais de experimentación. Hoxe pódense estudar en humanos porque temos técnicas non invasivas que nos permiten modular a actividade do cerebro e ver qué zonas se activan cando un fai determinadas cousas. Por exemplo, se queres estudar a linguaxe e como funciona o noso cerebro en función a linguaxe, tes que facelo en persoas e non en ratos porque os animais non falan. Hasta hai uns anos isto era impensable.

- Axuda tamén a avanzar na cura das enfermidades?

-Si, aínda que temos enfermidades terribles como o alzheimer e o párkinson, que neste momento son incurables. Quédanos moito por facer. Cando a mente falla, o que queda non é unha persona, é outra cousa distinta. É moi desagradable.

- As enfermidades mentais son aínda un tabú?

-Eu creo que non. Antes cando había unha persoa que tiña unha enfermidade mental, recurríase a cousas místicas porque non se entendía o que lle pasaba no cerebro. Hoxe sabemos que todas esas enfermidades mentais teñen unha causa física. A investigación quitou ese tabú das enfermidades mentais.

- Tamén o cerebro sufre o dano das drogas.

-Si. O coñecemento afecta a todas as facetas do noso comportamento. Cando unha persoa bebe unha copa de viño, lle afecta ao seu comportamento porque está chegando ao seu cerebro. E se unha persoa consume calquera outra droga en cantidades grandes, ademáis de ter os efectos que busca, hai outros secundarios que poden ter consecuencias máis ou menos graves. Iso tamén é información e coñecemento.

- Como axuda a unha persoa saber máis do seu cerebro?

-Como saber máis de calquera cousa. Eu creo que o coñecemento axuda as persoas desde calquera punto de vista. Para empezar, axuda a ter un cerebro máis saudable. Non deixa de ser un órgano do corpo. Se queres entrenar os músculos, corres. Pero se queres entrenar o cerebro, tes que ampliar o coñecemento. Despois, por suposto, evita que te poidan vender cousas estrañas e que creas en cousas que non son certas, que te enganen. Todo o que fas o longo do día, incluso durmindo, é a actividade do teu cerebro. Entender como funciona é proveitoso para todos.

- Tamén funciona durante o sono, pero pódense interpretar eses soños?

-Non. É unha teoría que xa está moi superada. O que pasa nos soños é absolutamente incontrolable e non hai manera de interpretar o que aí pasa. As cousas que che pasan durante o día, que lle das voltas, vanse reflectir durante o sono. Pero non hai esa interpretación de que si soñas cunha cousa significa que che vai pasar algo. Esta é unha das cousas que se superaron co coñecemento.

- É importante coñecer o funcionamento do cerebro dende pequenos?

-Creo que é importante que dende pequenos aprendamos a coñecer a ciencia. Cando a un lle contan cousas, estas veñen dalgún sitio. Poden ser inventadas ou adquiridas a través do coñecemento científico, que realmente son as válidas. Aproximarse ao método científico é moi útil porque evita que nos poidan enganar. Así os nenos serán máis críticos e pensarán "e isto quen o está dicindo e de onde saca a información".

- Internet inflúe nesa difusión de falsas verdades.

-Si. Antes, para dicir algo que aparece nun libro, tiñas que ter uns filtros. Agora podes abrir un blog ou escribir en Twitter calquera cousa. Un ten que ser capaz de separar a palla do trigo. E a maioría é palla. Na rede hai millóns de persoas que escriben por escribir, sen ningunha autoridade. O acceso o coñecemento o temos todos pero hai que ser capaces de discriminar que é o que está ben ou non.