Na primeira semana deste mes de febreiro de 2018 morreu Manuel Varela Uña. Este médico pertenceu durante moitos anos aos consellos de administración de El País, a Cadena SER e o grupo Prisa. De feito, dúas persoas relevantes na historia do xornal, Joaquín Estefanía e Soledad Gállego Díaz, publicaron o 6 de febreiro un sentido obituario na súa lembranza. Varela apoiou ao grupo impulsor de El País pola súa amizade co fundador, José Ortega Spottorno.

O noso protagonista viviu na Transición un episodio singular. En febreiro de 1981 ocupaba, por designación do ministro Alberto Oliart, a Secretaría de Estado de Sanidade no Goberno presidido por Adolfo Suárez. Cando o día 23 dese mes Antonio Tejero asaltou o Congreso dos Deputados, Varela estaba na tribuna de convidados, de onde saíu para integrarse na Comisión General de Secretarios de Estado y Subsecretarios que gobernou España mentres o Goberno estivo secuestrado.

A saga dos Varela

Na familia Varela houbo diversos científicos. Entre eles salienta Ramón Varela de la Iglesia (1845-1922), sobranceiro divulgador, quen durante décadas ocupou a cátedra de Fisioloxía da facultade de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. O pai de Manuel, Manuel Varela Radío (1873-1962), foi acollido por Ramón cando quedou orfo aos 18 anos e acadaría a cátedra de Obstetricia de Santiago.

Os Varela, especialmente Ramón, foron marxinados no claustro da facultade de Medicina. Ramón tivo que acceder á cátedra en Granada e o sobriño Manuel en Valladolid. Os enfrontamentos sucedéronse durante anos, contando a familia co apoio de Ángel Martínez de la Riva Vilar e Roberto Nóvoa Santos.

Na Institución Libre de Enseñanza (ILE)

Manuel Varela Radío, pai do noso protagonista, trasladouse para Madrid o 17 de xuño de 1919, pasou a ocupar a cátedra de Obstetricia na Universidade Central. Decidiu a marcha pola xubilación do tío Ramón, a incomodidade que tiña que soportar na facultade e, sobre todo, os requirimentos da súa moza, Isabel Uña Sarthou, para xuntarse en Madrid.

O casamento coa filla de Juan Uña Gómez, fundador da Institución Libre de Enseñanza (ILE), asentou e incrementou a influencia dos Varela no mundo institucionista. E o neno Manolo Varela estudou na Institución Libre de Enseñanza, onde estableceu amizade, entre outros, con José Ortega Spottorno.

Exilio familiar

Manuel Varela Radío saíu deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes da II República representando á Federación Republicana Galega (FRG). No momento da Guerra Civil, compatibilizaba a docencia universitaria coa dirección dun hospital en Madrid e tivo problemas co comité revolucionario do centro. O científico e político Juan Negrín díxolle que pola súa seguridade debía marchar ao estranxeiro. Así fixeron el e mais outro catedrático, Teófilo Hernando, que emprenderon o camiño do exilio xuntos e coas súas familias. Como aconteceu con José Ortega y Gasset e Gregorio Marañón Posadillo.

A familia Varela pasou a guerra en Zürich e volveron a Madrid cando rematou. A Varela Radío o Réxime non lle permitiu retornar á cátedra ata 1951, 14 días antes da xubilación; ou sexa, impediulle volver a impartir clase. Trato distinto recibiu outro fuxido, Gregorio Marañón, quen xa puido traballar en 1944 no hospital provincial e recuperar a cátedra en 1946. Canto os fillos, mentres Manolo Varela volveu co pai, os da familia Ortega e Marañón, José Ortega Spottorno e Gregorio Marañón Moya, regresaron antes, integrándose como voluntarios no Exército franquista.

Carreira profesional

Varela Uña estudou Medicina en Madrid. Nunha facultade dominada polos catedráticos fascistas Fernando Enríquez de Salamanca e Enrique Suñer e na que se botaba en falta as ausencias obrigada de figuras como Grande Covián, Hernando, Ochoa, Pittaluga ou Varela Radío. Acadada a licenciatura, completou a súa formación en Xinecoloxía da man de sobranceiros expertos en Zürich e Göttingen. De volta a Madrid traballou no Hospital da Princesa, onde foi xefe de servizo de Xinecoloxía. Tamén exerceu como profesor adxunto na universidade; en 1962 optou á cátedra, mais en medio dos exercicios morreu o seu pai e decidiu retirarse da oposición.

Relación coa familia Baltar

A sólida e longa relación entre as familias Varela e Baltar ten como base principal a constitución en 1908 en Santiago por parte de Manuel Varela Radío e Ángel Baltar do Sanatorio Baltar, primeiro cirúrxico de Galicia. Asemade, Ángel Baltar era cirurxián do Grande Hospital de Santiago e gozaba dunha elevada valoración cidadá .

Desencontro entre Nóvoa e Baltar

O médico coruñés Roberto Nóvoa Santos (1885-1933) foi discípulo de Ramón Varela e con el e o seu sobriño, formaban o grupo disidente no seo da facultade de Medicina compostelá. En xaneiro de 1924 Nóvoa foi designado membro da Deputación provincial coruñesa e centrou a súa atención na situación do Grande Hospital, que desde 1923 dirixía Ángel Baltar. Un edificio, o actual Hostal dos Reis Católicos, que estaba dividido en Hospital Provincial, con persoal propio, que atendía á Beneficencia, e Clínico, que tiña a cargo a función docente da facultade de Medicina.

Nóvoa entendeu que había diversos problemas que esixían unha solución: dispoñer de máis salas para o ensino clínico, a formación dos futuros médicos; diminuír custos ao eliminar o duplo salario aos profesores que tamén exercían de médicos no hospital e, en terceiro lugar, reducir un cadro de persoal que consideraba sobredimensionado e no que a forma de ingreso non era pública e profesional, e dependía moito das relacións persoais locais. O tema xerou unha polémica nos medios, especialmente no xornal El Compostelano. Ángel Baltar sentiuse aludido e dimitiu. Axiña se iniciaron múltiples xestións para que reconsiderase a súa decisión, o que finalmente fixo.

Entrevista en Noia

En 2009 lin con atención o libro de Manuel Varela Uña De memoria. A fuerza de tiempo e había tempo que desexaba falar con el para completar a información que alí ofrecía sobre os seus salientables parentes, mais, por diversas circunstancias non fora posible. E, de súpeto, o pasado verán xurdiu a oportunidade, souben que viñera a pasar uns días na súa casa de Noia e concertei unha entrevista con el. O 22 de agosto achegueime ata a vila e dirixinme ao pazo da rúa dos Basteiros. Tiven sorte, Manuel prevía pasar unha semana en Noia pero ao longo da conversa o chamaron ao móbil avisándoo de que a súa irmá estaba enferma e decidiu marchar cara Madrid ese mesmo día.

Advertiume das súas dificultades auditivas e sentámonos moi preto, para que poidera ouvir as miñas preguntas. Falamos de diversos temas, de persoas como o cirurxián Ramón Baltar, do irmán deste, Antonio, e, sobre todo, do seu pai e de circunstancias da súa intensa vida. Respondeu con corrección ás preguntas porén mantendo unha certa distancia e medindo as súas palabras, sen establecer complicidades.

Fotografía da reconciliación

Nun momento da entrevista pregunteille pola foto que acompaña este episodio. Unha ilustración da que me facilitou copia hai anos o xeneroso Juan Ramón Baltar Tojo, quen a datou nas inmediacións de 1930 e me explicou que correspondía a un momento posterior a un xantar en Tanxil (Rianxo), lugar da casa de veraneo dos Baltar. Alí estiveron as familias Nóvoa Santos, Baltar, Varela Radío e Castelao e as irmáns Fernández de la Vega; a foto estivo sacada en Punta Cabalo, enfronte de Rúa, na boca da ría de Arousa. Manuel lembraba o momento. O fotógrafo foi o seu pai, Manuel Varela Radío, e o neno que está á esquerda, no terceiro chanzo, é o propio Manuel Varela Uña. Sabía da fotografía pero non do seu significado. Ese día, por mediación de Varela Radío, tivo lugar a reconciliación entre Nóvoa e Baltar, superouse a ferida causada polo tema do hospital.

A ollada de Nóvoa Santos

Nun momento da charla pregunteille a Manuel Varela por Nóvoa Santos, pois era unha das poucas persoas vivas que tivera contacto directo con el, en eventos como o da foto ou mesmo en Madrid, cando o catedrático estivo entre 1928 e 1933. Si, díxome, aínda lembraba a mirada profunda, penetrante, e brillante do xenial médico.

Este febreiro pecháronse eses ollos que contemplaron a Nóvoa e xunto á vida de Manuel perdemos tamén, en parte, a súa memoria. Ao pensalo veñen á miña mente as palabras de Manolo Salorio lembrando hai poucos días a Borges: "La muerte de una persona mayor es como el incendio de una biblioteca". Coa desaparición de Manuel Varela Uña queimaronse moitos libros. Porén permanece algún, como proba esta testemuña.