Globos de cores voaron onte no Teatro Colón durante a presentación da Gala Rosalía de Castro, que terá lugar no edificio da avenida da Mariña este venres a partir das 20.30 horas. Convocados pola Deputación, o alumnado do instituto de Secundaria Puga Ramón e a cantante Xiana Lastra reuníronse no inmoble para festexar e explicar a conmemoración deste ano á poeta galega, á que se renderá homenaxe na Coruña polo aniversario do seu nacemento cunha xornada centrada na súa vertente máis moderna e reivindicativa.

A celebración do acto contará con dez personalidades culturais. A actriz e poeta Lorena Conde será a encargada de presentar o espectáculo interdisciplinar que a Deputación está estes días ultimando, e que integrarán tanto músicos como poetas. Najla Shami, Nastasia Zürcher, Abe Rábade e Tempo Catro serán, xunto á cantante de A Banda da Loba, Xiana Lastra, os protagonistas da parte musical. A poesía estará representada por Cesáreo Sánchez Iglesia, Marta da Costa, Rosalía Fernández Rial e Anxo Angueira, que levarán a cabo un recital no teatro en memoria dunha das poetas máis ilustres e reivindicativas da literatura galega.

"Rosalía foi unha muller moderna, cun pensamento revolucionario que continúa vixente", explicou durante o acto a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín. A responsable da área de Cultura fixo tamén fincapé na necesidade de "superar os tópicos e a visión de tristura sobre Rosalía", xa que a a autora foi, ante todo, unha persoa "combativa". "Foi vangardista e revolucionaria. Hoxe en día estaría en contra da violencia de xénero, da diferencia salariais, dos abusos ou de calquera forma de acoso", asegurou a vicepresidenta, apoiada por Lastra.

7

Globos para Rosalía de Castro

A cantante subliñou a idea da escritora como unha figura progresista, cuxas reclamacións feministas "seguen a estar completamente vixentes". Resaltou tamén o papel da gala como ponte "interxeracional", que xuntará a "persoas de todas as ideades e xéneros" co fin de "non esquecer a súa figura" e axudar "a que chegue até" os máis novos.

Precisamente para favorecer o contacto da xuventude coas verbas da autora, Sanmartín animou a tódolos concellos e a comunidade educativa a "transmitir" o seu "legado" coa realización de actividades durante este mes de febreiro, dirixidas á divulgación da súa obra. Con este obxectivo, e no marco da gala, a Deputación organizará o vindeiro martes 27 na Biblioteca Provincial a conferencia A modernidade e a vixencia do discurso de Rosalía, que impartirá ás 19.30 horas a escritora e sociolingüista Pilar García Negro, unhas das grandes especialistas na autora.

O acto central, a gala, será de entrada libre ata completar aforo. Os tickets terán que reservarse previamente na web do Teatro Colón, ou recollerse na billeteira para poder asistir ao espectáculo.