O CIFP Paseo das Pontes da Coruña é un dos cinco centros educativos seleccionados para participar na cuarta edición de Miniempresas Coruña, un programa coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financiado pola Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN. Ademais deste centro traballan nesta iniciativa que busca fomentar o emprendemento no eido educativo o IES Universidade Laboral de Culleredo, o IES Isaac Díaz Pardo de Sada, o CIFP Ánxel Casal e o CIFP Someso.

Os alumnos do CIFP Paseo das Pontes xa participaron hai dous anos con Dircomida, un proxecto baseado na venda de comida, e agora volven cunha proposta similar denominada Gastroescola. Os estudantes do 2º curso do ciclo superior de Dirección de Cociña e tamén do 2º curso do ciclo medio de Cociña e Gastronomía ofertan tódolos mércores servizos de comida adaptados a distintos perfiles: un banquete para profesorado de varios centros, un menú á carta a profesionais do sector, outro baseado en gastronomías rexionais, un de degustación con produtos do mar... Cada semana a oferta é diferente e, salvo casos puntuais, o comedor está aberto ao público en xeral e con prezos reducidos para o alumnado.

Fernando Trigo, alumno de 2º de Dirección de Cociña, explica que cada semana dous dos participantes actúan como xefes de cociña e encargaranse de deseñar os menús, realizar os pedidos e sinalar as técnicas das receitas ao resto do persoal ao que ademais deberán encomendar as tarefas. Tamén se ocuparan de vixiar a calidade e o bo funcionamento do servizo. As reservas poden facerse online no enderezo http:// reservas.eduhostalaria.com/.

Para os participantes esta é a parte máis creativa do proxecto pero como Gastroescola ten que ser tamén unha empresa rentable, deben adicar parte do seu tempo a deseñar un presuposto e calcular que os beneficios que se reinvirtan cheguen para pagar os custos.

A maior rendabilidade sácana durante a venda dos venres de 11.30 a 12.00 horas de produtos de pastelería, bocadillos e pizzas que producen eles mesmos. Onte realizaron a última venda. O servizo conta con opción de encargo para pedidos para levar de pizzas ou dóces, como por exemplo, unha bica. Nesta venda tiveron que, como en calquera empresa, saber adaptar a oferta á demanda e darlle ao cliente o que pide. "Se antes facíamos catro bandexas de pizza, agora facemos dezaseis", asegura Fernando Trigo. Para amosar e promocionar as súas propostas culinarias para este proxecto, o alumnado creou a conta de Instagram e Facebook @gastroes cola.

Tamén como en calquera compañía de restauración, o personal de cociña desta miniempresa subcontrata a outros compañeiros para os que deben deseñar un contrato aínda que sexa simbólico. Os estudantes do ciclo medio de Servizos en Restauración encárganse de servir as mesas, os de FP Básica de Arranxos de deseñar a imaxe corporativa e os de FP Básica de Aloxamento de planchar os manteis e uniformes. En total, todo o persoal do proxecto ascende a 126 estudantes. Trigo indica que pese ao tempo e ao traballo que supón o proxecto o esforzo non se nota porque "podemos aplicar todo o que aprendemos nas clases".